“Entre dous séculos”: III Encontro de Novos Escritores

III Encontro Escritores NovosOs días 26 e 27 deste mes terá lugar no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña), coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e da Deputación da Coruña, o III Encontro de Escritores/as Novos/as. Dase así continuidade a esta actividade cuxa segunda edición tivo lugar en 2002. Á volta de seis anos é tempo de que, co lema Entre dous séculos, teñamos ocasión de revisar a creación máis nova do noso sistema literario, concretamente a daqueles/as autores/as que comezaron a publicar desde os noventa até o día de hoxe.

Entre dous séculos, polo tanto, é un xeito de situármonos. Un espazo dende o que dialogar, con voz propia, sobre os diferentes camiños que os novos creadores e creadoras van tomando na escena da nosa literatura.

Programa

Venres 26 de setembro 2008

12,30 horas. Presentación
No Museo de Belas Artes da Coruña (rúa Zalaeta s/n)
Interveñen: Rubén Cela (director xeral de Xuventude) Cesáreo Sánchez (presidente da AELG) e Antía Otero (vicepresidenta da AELG).

16,00-18,00 horas. Mesa
No Pazo de Mariñán
Baixo o título de “Cartografías literarias no novo século” interveñen: Oriana Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal. Coordina María Xesús Nogueira.

18,30-20,30 horas. Mesa
No Pazo de Mariñán
Baixo o título “Presenza e invisibilidade das/os escritores/as na sociedade actual” interveñen: Ana Acuña, Iolanda Aldrei e Samuel Solleiro. Coordinadora, Elvira Riveiro.

Sábado 27 de setembro 2008

9,45-11,45 horas. Mesa
No Pazo de Mariñán
Baixo o título “A literatura. Internet e novas tecnoloxías” interveñen: Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez. Coordina Francisco Castro.

12,00-14,00 horas. Mesa
No Pazo de Mariñán
Baixo o título “Literatura, sociedade, nación” interveñen: Carlos Negro, María Reimóndez e Rafa Villar. Coordinadora, Marta Dacosta.

18,00 horas. Recital Poético
No Museo de Belas Artes (entrada de balde até completar aforo)
“Antes mort@s que solemnnes”: espazo onde amosar outras caras da palabra. Interveñen; María Lado, Lucía Aldado, Emma Couceiro, Celso Sanmartín, Estíbaliz Espinosa e O Leo.

Peche do Encontro con García (membro de Dios Ke Te Crew) cantando a Celso Emilio Ferreiro. Mantén Antía Otero.

(Gabinete de Comunicación Aelg – Tfno.: 660 530 525 – Correo-e.: prensa@aelg.org)

Steiner pide desculpas publicamente

Hoxe o xornal El País recolle as desculpas de George Steiner do seguinte modo:

«Ante la avalancha de críticas que suscitó la entrevista que concedió George Steiner a El País Semanal el 24 de agosto, el filósofo envió un correo electrónico a EL PAÍS para que fuera remitido al Pen Club gallego; en el correo Steiner dice: “Como demuestra mi libro Después de Babel soy un apasionado defensor de las lenguas y literaturas minoritarias. Mi comentario irreflexivo fue una respuesta al chovinismo regional que amenaza ahora la unidad de España. Pido mis más sinceras disculpas”».

É preciso lembrar que o 28 de agosto foi publicado en El País un comunicado conxunto sobre o asunto por parte da AELG, o Pen Clube de Galicia e a Mesa pola normalización lingüística.

Oito editoriais fomentan o galego co apoio de Política Lingüística

«[…] O programa incluirá lectura, música, contacontos, teatro, xogos, pintura e outras actividades gratuítas destinadas a unha franxa de idade que “é onde está o futuro do galego”.

Así, as editoriais participantes, A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais, organizarán diferentes actividades baseadas en temas escollidos por elas que está previsto que cheguen a perto de 50.000 mozos co obxectivo de “formar lectores que serán futuros falantes”. […]» (A Nosa Terra)

A Mesa propón que a ONU recoñeza a Declaración de Dereitos Lingüísticos

«[…] O presidente da Mesa, Carlos Callón, explicou que esta iniciativa se inscribe nos obxectivos da Axencia Europea de Linguas Minorizadas (EBLUL), que agrupa a diversas asociacións continentais.

[…] Callón, representante en España da Axencia Europea, advertiu de que hai un repunte da “xenofobia interna” nos países con idiomas minoritarios, segundo os expertos desa organización. Neste sentido, criticou o “discurso feroz” dalgúns “grupos de poder” contra as linguas cooficiais como o galego, o catalán e o eúscaro e acusou de “racismo lingüístico” a algúns medios de comunicación e ao Partido Popular.

Por iso, asegurou que A Mesa continuará denunciando a “vulneración” dos dereitos lingüísticos ante organismos internacionais. Ao fío diso, considerou que en Galicia se vulneran estes dereitos de forma “ostensible” e que así o recoñeceu o Consello de Europa en diversos informes, dixo.

Callón sinalou que na Comunidade galega incúmprese a Carta de Linguas Minoritarias e a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos nos ámbitos do ensino, a administración, a xustiza e na deficiencia de relacións culturais con Portugal.» (Galiciae)

Marcos Calveiro gaña o Premio Barco de Vapor

Marcos Calveiro«Logo do éxito da súa primeira novela para adultos, Festina lente, Marcos S. Calveiro volve sorprender na LIX. Acadou o Premio Barco de Vapor 2008, outorgado pola editorial SM, coa obra titulada O canto do peixe. Segundo explica o autor no comunicado emitido por SM, trátase “dunha novela contemporánea que relata a amizade entre un vello mariño e un neno marxinal. É unha historia con matices fantásticos e cunha trama simbólica e poética sobre un mar que morreu. Eles tentarán descubrir o esconxuro que poida poñer fin a esta maldición”. […]» (Praza das Letras)

A Coruña: presentación da Obra dramática de Francisco Taxes

O martes 16 de setembro, ás 20,00 horas na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés (González Garcés, s/n), terá lugar a presentación do libro Obra dramática de Francisco Taxes (Edicións Xerais de Galicia), con responsabilidade pola edición de Xurxo Taxes Díaz. O acto contará coa participación de Manuel Bragado (director de Xerais), Ramón Nicolás (director da Colección), Xurxo Taxes (editor da obra), Manuel Rivas (escritor) e Ánxela Bugallo (Conselleira de Cultura).

Condado: exposición “Poesia para ver / Poesia para Ler”

«Desde o dia 11 (de Setembro) e até o dia 11 (de Outubro), pode-se ver no Local Social Baiuca Vermelha, de Ponte Areas, no Condado, a exposiçom “Poesia para Ver/Poesia para Ler”.

A Baiuca Vermelha, que celebrou recentemente o seu 3º aniversário, está na Rua Redondela nº 11, rés-do-chao, de Ponte Areas. O seu telefone, por se queredes consultar horários ou qualquer outra questom é ó 986 182 436.» (Igor Lugris)

Bos Aires: VI encontro Cousas de Mulleres

A asociación Herbas de Prata comprácese en convidala-o ao seu sexto encontro dos obradoiros Cousas de Mulleres o vindeiro sábado día 20 de setembro ás 16,00 na ABC del Partido de Corcubión.
Seguiremos traballando para abrir un espazo para a voz das mulleres, un sitio no que elas sexan escoitadas e teñan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e sinten. O encontro será o sábado 20 de setembro ás 16:00 na rúa Venezuela 2164 da cidade de Bos Aires. Confirmar presencia ao (5411) 4381-0424 ou por correo a herbasdeprata@gmail.com. (Herbas de prata)

A Coruña: o Culturgal 08 será en decembro

Feira galega das industrias culturaisO Cultur.gal 08, Feira Galega das Industrias Culturais terá lugar en Palexco (A Coruña) do 4 ao 7 de decembro de 2008 e pretende ofrecer unha visión integral da produción de contidos en Galiza incluíndo todos os ámbitos das industrias culturais: as artes escénicas, o audiovisual, o libro, a música, as novas tecnoloxías para a cultura e o lecer, os servizos socioculturais, etc.

A AELG disporá dun espazo propio onde desenvolverá varias actividades.