Obras finalistas do Premio Mondoñedo10 2017. Poesía

Raida Rodríguez Mosquera: “A voz poética é poderosa porque pode facer cortes no discurso, na linguaxe do poder establecido”

EntrevistaRaida Rodríguez Mosquera-1-0 de Montse Dopico a Raida Rodríguez en Praza:
“(…) Praza (P): O peso do idioma. A linguaxe que nos atravesa. O idioma que nos constrúe. É unha idea moi presente no libro. Que é o idioma en Estirpe de sombras e por que?
– Raida Rodríguez Mosquera (RRM): Poderiamos dicir que idioma para min é sinónimo de patria; o mesmo poema, como din uns versos do libro “devén patria”. No pasado non ten sido así porque a patria me viña dada, a miña infancia e adolescencia foron en Galiza e foron monolingües en galego, pero desde que vivo fóra, co paso dos anos, fíxose moi importante para min a escrita como patria porque nela habita o idioma e é o unico, case único, espazo onde habita o idioma. Estou vivindo constantemente en catalán e menos en castelán pero case nada en galego, daquela si que é certo que cando escribo, para min o poema devén patria. E no meu presento caótico, entre o estrés do día a dia, traballar para sobrevivir e coidar as miñas fillas, teño o reto de recuperar aínda ese espazo.
– P: E a voz, que é sombra, vontade de emancipación, desexo…, erosión do Eu? Que é a voz neste libro? Por que “recuperar a dimensión política da voz”?
– RRM: Para min a voz poética sempre ten sido unha multiplicidade, un artefacto; volvendo unha vez a Chus Pato, unha horda. Detrás dos textos que escribo non hai un eu, senón unha pluralidade de voces e planos de referencia. Por outro lado, se a mesma vida é profundamente política, a voz, o que dicimos, o que escribimos e como o escribimos, todo iso é facer política. Por iso falo de recuperar a dimensión política da voz. Creo que a voz poética é poderosa porque pode facer cortes no discurso, na linguaxe, nas palabras e nos significados do poder establecido, e eses cortes son á vez unha liberación e unha vontade de transformación. Gústame pensar na posibilidade de transformar o mundo desde a propia voz, desde a forma de sentir e entender a realidade que nos ata e buscar espazos de liberdade, e tamén, como non, construír afinidades. Que o poema traspase o libro e entre na vida, esa sería unha boa consigna. (…)”