Abraham Pérez: “Na vida a lectura é fundamental, a escrita é accesoria”
Entrevista de Pilar G. Rego a Abraham Pérez no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Cómpre facer figuras, garabatos, debuxos, grafías, para entender, para entendermos”. Esta é unha das anotacións que compoñen Gaivotas manchadas de petróleo, un diario sen días, quizais un manual de instrucións para abordar a obra do autor, Abraham Pérez que publica a editorial Menino Morreu.
É un libro que quere ser un ‘work in progress’, un darlle voltas á vida, á morte, ao banal e ao politico, ao poético ou ao irónico, á escrita ou á lectura das lecturas.
A entrevista pode verse aquí.”
Punta Cabalo, poema musicado de Meridiano Orixe, de Andrea Fernández Maneiro
Noia: presentación da edición facsímile do libro Xornadas de Bastián Albor, de Álvaro de las Casas
O 2 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia terá lugar a presentación da edición facsímile do libro Xornadas de Bastián Albor de Álvaro de las Casas, con edición e estudo a cargo do profesor Xavier Castro Rodríguez. No acto intervirán, xunto a el, Antonio Piñeiro Fernández e José Pérez Martínez, concelleiro de cultura. Con este libro, publicado polo Concello de Noia, lémbrase que este ano se celebra o 75 aniversario do falecemento do eu autor, que foi profesor en Noia de 1930 a 1936. A entrada é libre.
Compostela: presentación de As superviventes, de Ramón Caride
Bases do VI Premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán
Os Premios estatais da Crítica galardoan Manuel Rivas e Daniel Salgado
Desde Nós Diario:
“Manuel Rivas e Daniel Salgado son dous dos gañadores dos Premios estatais da crítica 2025, que se deron a coñecer o sábado 26 en Salamanca. O Premio da Crítica é o único que se concede nas catro linguas oficiais do Estado, e celebra as mellores obras literarias publicadas no Estado tanto de narrativa como de poesía, un galardón sen dotación económica pero con prestixio entre escritores, editores e lectores.
Os premiados na categoría de lingua galega foron Tras do ceo, de Manuel Rivas, en narrativa; e Poemas realistas, de Daniel Salgado, en poesía.
Tras do ceo é a primeira novela dunha serie histórica que Rivas quere vertebrar sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. Con Tras do ceo, o autor coruñés adéntrase no xénero negro cunha novela “radical, salvaxe e sen edulcorantes” e que, segundo o propio Manuel Rivas, “é diferente a calquera outra”.
Poemas realistas é a nova entrega de Daniel Salgado, un poeta fundamental na poesía galega última, e nela explora as posibilidades do poema como testemuña dunha época ou a devoración dunha época que impón o poema. (…)”
Comezan as votacións públicas para elixir as mellores poesías de 2024 na Galiza e Portugal, no aRi[t]mar
Yolanda Castaño: “Noutras épocas supostamente as mulleres aspiraban a seren mantidas, agora é a nosa fobia máis radical”
Entrevista de Ana G. Liste a Yolanda Castaño en Praza:
“(…) – Praza (P): Nestes poemas d’A falsa autónoma hai uns ecos moi presentes da pandemia e do que supuxo para vostede como creadora e como traballadora da cultura.
– Yolanda Castaño (YC): Creo que non só para min, que este libro apela a calquera creador ou creadora, pero tamén a calquera traballadora da cultura no sentido máis amplo posible. Incluso estou recibindo bastantes comentarios de traballadoras autónomas doutros sectores. Penso que a clase traballadora se está polarizando moito entre traballadoras indefinidas estables e inestables. En xeral, creo que todas temos claro que a pandemia serviu bastante para sacar a relucir todas as vulnerabilidades do sector cultural e de certos traballos efectivamente inestables. Que non puidésemos traballar e, polo tanto, non puidésemos recibir ningún tipo de diñeiro rebelouse como unha situación moi vulnerable para moitas persoas e provocou moitas reflexións.
– P: Agora que volve sobre o libro para presentalo, como o sente? Porque parece que hai moito ímpeto nestes versos, e moita forza.
– YC: Hai moitas emocións neste libro, dende a rabia ata o desespero; pero tamén reflexións que xa viñan de atrás e seguen vixentes que, máis alá da vivencia subxectiva, aluden ao sistema económico no que seguimos afogadas, inmersas e cun horizonte pouco esperanzador. Preocúpame profundamente a deriva deste turbocapitalismo voraz, salvaxe e perverso. Creo que libro fala moito sobre este sistema económico e a experiencia do traballo tal e como se entende hoxe: a autoexplotación, a débeda… cuestións que seguen aí.
– P: E esa obriga de ser produtiva constantemente, que menciona no poema Norias de obediencia.
– YC: Na que estamos absolutamente todas e todos inmersos. É como unha maquinaria insaciable, e iso é o perigoso. E as implicacións emocionais, que creo que se están vendo na taxa de problemas de saúde mental que se están acusando, é un saldo que nos ten que preocupar profundamente. É moi difícil escapar do imperioso mandato da produtividade, sobre todo por esa cara perversa do sistema que che fai como vítima e parte ao mesmo tempo.
– P: A falsa autónoma ten unha relación estreita con Economía e poesía. Rimas internas, premio Ramón Piñeiro de ensaio en 2023, que publicou en Galaxia?
– YC: Claro, están bastante emparentados. Foron bastante paralelos e as reflexións que están aí me acompañaron durante moitos anos. Pareceume un exercicio interesante e estimulante esa transcodificación que trata de levar os contidos por unha banda ao código ensaístico e pola outra á linguaxe poética, por forza bastante distante entre elas e con características moi de seu cada unha delas, pero que poden dalgún xeito ser complementarias. (…)”