Catálogo galego de GaliciaLe

Desde GaliciaLe:

Que é o catálogo galego de GaliciaLe?
O “Catálogo galego” forma parte, xunto co “Catálogo do libro electrónico en castelán” (eBiblio Galicia), do proxecto GaliciaLe, plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia que fai posible a lectura e visionado de obras dixitais a través da internet.
Desde o catálogo galego de GaliciaLe podes realizar o préstamo de títulos en formato dixital para lelos ou velos en diferentes dispositivos: tabletas, teléfonos intelixentes e ordenadores persoais. No caso dos libros, poderás facelo, ademáis, desde un lector de libro electrónico.
Este catálogo está promovido e xestionado pola Xunta de Galicia. O servizo está dispoñible no enderezo catalogo.galiciale.gal.

Quen pode utilizar o catálogo galego de GaliciaLe?
Se xa es socio/a dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, soamente precisas introducir o teu usuario e contrasinal que che facilitaron na túa biblioteca.
Se non lembras as túas credenciais, podes recuperalas no seguinte enderezo: Lembrar contrasinal
Se non podes acceder, diríxete á túa biblioteca de referencia para que che faciliten as túas credenciais.
En caso de que non sexas socio/a dalgunha das bibliotecas da Rede, debes acudir a unha delas para obter o carné. Alí rexistrarante como novo/a usuario/a da plataforma de préstamo GaliciaLe.

Requisitos técnicos
Para poder ser usuario/a do catálogo do libro electrónico galego de GaliciaLe é necesario cumprir os seguintes requisitos:
– Dispoñer dun dispositivo compatible.
– Ter acceso á internet.

Que obras podo atopar no catálogo galego de GaliciaLe?
Este catálogo ofrécelle á cidadanía unha colección de libros e películas, co seguinte contido:
– Ficción orientada ao público infantil e xuvenil (álbumes ilustrados, contos, cine de animación).
– Ficción destinada ao público adulto (novelas, cine dramático, comedias, series).
– Libros e vídeos documentais sobre historia, ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades, informática etc.

A quen podo dirixirme para obter máis información?
Na túa biblioteca poden informarte con meirande detalle respecto deste servizo.

Cuestionario Proust: Xina Vega

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xina Vega:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Esta é unha das preguntas máis difíciles que existen porque unha non se dá visto a si mesma. O de coñecerse de verdade parece máis un propósito que algo que de verdade se poida atinxir, pero vaia, cando me poño a pensarme imaxino que son unha branda que vai de dura ou unha dura que vai de branda, non cho sei…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A valentía ou, o que vén ser para min o mesmo, a honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade e verdade. Con que se permitan ser elas sen demasiados filtros e non busquen conscientemente danar a outros xa son moi feliz ao seu carón.
4.– A súa principal eiva?
-A pregunta 4 está relacionada coa 1, e volvo pensar en que non teño nin idea. Postos a contestar, respondería tamén o mesmo.
5.– A súa ocupación favorita?
-Creo que ler e escribir é un regalo, podería facelo todo o tempo, co descanso, iso si, dunhas cervexas coa xente que quero.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Non sentir que teño que defenderme, que as cousas poden facerse doutro xeito, que debería ser doutra maneira. Ás veces todo está ben, todo flúe no presente. Desarmarse e percibir a beleza é felicidade e pode suceder en calquera momento.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Son nai, a morte dun dos meus fillos éme inconcibible.
8.– Que lle gustaría ser?
-Sempre quixen ser reporteira de guerra, aínda quero, pero xa non vai ser, claro. Mágoa.
9.– En que país desexaría vivir?
-Creo que en calquera. É moito máis importante para min o “como” que o “onde”.
10.– A súa cor favorita?
-O vermello en toda a súa gama, con especial predilección polo ton do sangue ou do viño.
11.– A flor que máis lle gusta?
-As calas e as camelias, teñen algo carnosamente rotundo que me fascina.
12.– O paxaro que prefire?
-O paporroibo con ese peito rubio e a cabeciña verde oliva.
13.– A súa devoción na prosa?
-Cando era adolescente morría por Kafka, tamén por Ferrín. Máis adiante Cunqueiro e Beckett foron os meus deuses, agora estaría entre Antoine Volodine, Elfried Jelineck e Angélica Lidell.
14.– E na poesía?
-Sempre volvo a Alejandra Pizarnik e a García Lorca e a Luís Pimentel.
15.– Un libro?
Se o vello Sinbad volvese ás illas.
16.– Un heroe de ficción?
-O vello e derrotado Sinbad.
17.– Unha heroína?
-A Georgina d´Os cinco de Enid Blyton.
18.– A súa música favorita?
-As Variacións Goldberg de Bach, calquera dos albums dos The Smiths, ou un rap de Ayax y Prok.
19.– Na pintura?
-Lucien Freud, Giorgio de Chirico, Marcel Duchamp, Maruja Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Fun alumna de Claudio Guillén e de Ángel Crespo e aínda me conmove recordalos. A xeración do exilio que viviu nun país fantasma e aínda así creou para o país real e que acabou volvendo e recibindo un trato mesquiño dos protagonistas da Transición. Malia levar tantas feridas nas súas vidas eran tan luminosos!!
21.– O seu nome favorito?
-Guiomar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A violencia, a seguridade nun mesmo, a prepotencia.
23.– O que máis odia?
-Odio a aqueles que senten pracer humillando.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Franco paréceme unha das figuras máis sinistras e mesquiñas que poidan concibirse.
25.– Un feito militar que admire?
-A revolución dos cravos. Aqueles capitáns con flores na escopeta…
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Gustaríame tanto bailar ben!!
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Con consciencia e sen medo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Alegremente ansioso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Creo que todos os que só prexudican a un mesmo.
30.– Un lema na súa vida?
-“Ten coidado, esfórzate en ser feliz”.”

Toño Núñez le un texto do seu libro Poemas de Amor en Outono

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Poemas de Amor en Outono, de Toño Núñez, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Hoxe, 21 de abril, #LendoALuzPozoGarza

Desde o 21 de abril, ás 13:00, Luz Pozo Garza descansa no cemiterio de Santo Amaro, na Coruña. Escritoras e escritores foron subindo a esa hora ás redes sociais pequenos vídeos lendo poemas da autora co cancelo #LendoALuzPozoGarza.

Animámoste desde a AELG a subires o teu.

Aquí poden verse as achegas feitas co cancelo nas diferentes redes sociais:
Facebook.
Instagram.
Twitter.

Luz Pozo Garza nas nosas voces

Desde a AELG queremos homenaxear a figura excepcional de Luz Pozo Garza lendo varios poemas da súa autoría, traspasando deste xeito a enerxía da súa palabra a través de todas e todos nós, nun diálogo fértil e permanente co seu legado creativo, que constitúe, sen dúbida, a súa máis fermosa achega á nosa literatura común.

Aquí podedes escoitar os poemas nas voces de:

Daniel Asorey (“Primeira memoria”):

Marta Dacosta:

Xoán Carlos Domínguez Alberte (poema publicado no libro colectivo Mulher a facer vento):

Montse Fajardo:

Anna R. Figueiredo (“Far Blues”):

Xavier Queipo (“Cantiga para ler en tempo de penumbra”,  do volume colectivo Poetas e narradores nas súas voces):

Mercedes Queixas (“Souben amar”):

Antonio Reigosa (“Fábula de fontes”, de Pazo de Tor):

Cesáreo Sánchez Iglesias (poema de Prometo a flor de loto):

Polafías Polavida, inicios coa gaita, memoria de Pablo Quintana

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Hoxe escoitamos esta curiosa anécdota contada por Pablo Quintana (Vilanova de Oscos, 1956) sobre os seus inicios coa gaita, Mestre da Memoria 2019.
Esta gravación realizouse no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, o de maio de 2019.
Esta é a ligazón ao vídeo.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

Alicia Fernández: “Sorpréndeme que, malia a súa violencia intrínseca, a familia é a institución máis resistente”

Entrevista de Montse Dopico a Alicia Fernández en Praza:
“(…) – Praza (P): Mamá pelicano é tamén amor absoluto. Como se a súa fenda, a súa ferida, fose tamén o seu útero que nos acolle. Ten a fenda de Mamá pelicano ese dobre significado?
– Alicia Fernández (AF): Creo que non lle corresponde a quen escribe destripar a ave e ser oráculo do propio libro. A poesía, que se dá nesa fenda, ten tantos sentidos coma lecturas sexan quen de completala, e eu son incapaz de ver o pelicano desde fóra do peteiro.
– P: Hai pelicanos, e gaivotas, e peixes pequenos en Mamá pelicano. Por que o pelicano?
– AF: O pelicano é un símbolo do amor maternal. Hai lendas que contan como, cando non atopa comida, se abre a si mesmo co peteiro para ofrecerlle o sangue ás crías. Na cristiandade simbolizou a Paixón de Cristo.
Non lembro cando apareceu ese pelicano e, obrigada agora a repensar o proceso, sorpréndome de como esa Mamá pelicano que só quería sacar adiante as súas crías puido chegar a dar un libro. Unha non é consciente do que pode desencadear unha imaxe, no sentido literal, que un día calquera nos vén a cabeza. Non son consciente do momento no que comezou todo.
– P: Ao principio e ao final do libro a voz poética fala da angustia de entrar na casa. Polo medio hai como recordos da infancia, da familia. Cal é a importancia da familia en Mamá pelicano? Como é a infancia da voz poética?
– AF: A nai crea a familia e a familia é o sistema que dá sentido a esa figura. Da infancia da voz poética non sei máis nada ca o que puiden indagar e descubrir escribindo o libro. Todo está nos poemas e non hai nada alén deles.
– A figura do pai tamén está presente, pero doutra maneira, máis indirecta se cadra. E o pai asóciase á vergoña “herdada” da coxeira. Hai, parece, bastante violencia nesa infancia. Por que?
– AF: Toda familia reproduce esquemas violentos que se concretan en distintas dinámicas e mesmo se encarnan en certos individuos por procesos que descoñezo. O que máis me sorprende é que malia esa violencia intrínseca a familia é a institución máis resistente, nada puido acabar con ela, e mesmo parece que vaia saír agora reforzada desta crise que estamos a vivir. (…)”

Fran Alonso le poemas de Street Poems

Desde a AELG recollemos a lectura de varios textos de Street Poems, de Fran Alonso, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.