O Día Mundial da Poesía na Rede Museística Provincial de Lugo

“A Rede Museística Provincial de Lugo quere celebrar o Día Mundial da Poesía, o 21 de marzo, con toda a sociedade. Usarase a poesía como unha única voz para superar o problema que nos ten recluídos nas nosas casas. Rachemos os muros e berremos xuntos, porque, se vos fixades ben, dentro da palabra problema tamén está a palabra poema!
As persoas interesadas poden achegar os poemas que máis gusten a través das páxinas de facebook dos Museos co cancelo #DiaMundialdaPoesiaRMPL
Ás 18:00 horas, quédase para recitalos xuntxs en 👉https://zoom.us/j/264178507

A #CorentenaLiteraria e os bicos polo aire fronte ao coronavirus

Entrevista a Diego Giráldez en Praza (foto dese mesmo medio de comunicación):
“Nos primeiros días do confinamento ordenado polas autoridades para tentar frear o coronavirus, a actriz e presentadora Neves Rodríguez compartiu nas redes sociais “a imaxe dun fragmento dun libro co cancelo #CorentenaLiteraria e pareceume unha boa escusa para que autoras e autores galegos lesen fragmentos das súas obras para entreter á xente nas súas casas”. Quen fala é o escritor Diego Giráldez, impulsor dunha das tantas iniciativas que, nos últimos días, están procurando axudar a poboación a levar mellor o confinamento a través da cultura.
Giráldez dirixiuse a moitas e moitos compañeiros de oficio cunha mensaxe curta. Explicáballes a idea e convidábaos a “que vos gravedes un vídeo lendo un fragmento dunha das vosas obras e o publiquedes nas vosas redes acompañado dos cancelos #CorentenaLiteraria e #EuQuedoNaCasa”. “Bicos (polo aire)” remataba aquela nota. E así foi como as redes comezaron a encherse de letras lidas -e de bicos polo aire- contra o virus. (…)
“As autoras e autores -explica- responderon moi ben e estou seguro que se van sumar máis, aínda queda confinamento por diante para poder usar a literatura como se merece, como puro entretemento”, afirma ante unha crise na que, cre, “como de todas, sairemos distintos”.
“Dá igual se é unha crise económica ou sanitaria, non volveremos a ser os mesmos, xa estamos en transición. Se a literatura galega serve para acompañarnos nesta nova viaxe, perfecto. Aínda que o noso mellor balcón ás oito da tarde son as librarías, a rede ten tamén o poder de conectarnos co público e hai que aproveitalo, sobre todo en momentos así”, conclúe Diego Giráldez, que se despide con bicos (polo aire).”

Sección Contos contados en Kalandraka.tv

En Kalandraka.tv abriuse unha nova sección chamada Contos contados, para axudar ás máis pequenas e pequenos nesta obriga de permanecer na casa estes días tan estraños.
Neste proxecto, cada día contarase un conto dos editados ao longo destes anos e compartirase nas redes de forma aberta. Con esta iniciativa, queren trasladar o amor polos libros e pola lectura a todos os fogares.

Adiada a Gala dos Premios da Gala do Libro Galego

As entidades organizadoras da Gala do Libro Galego 2020, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Federación de Librarías de Galicia (FLG) e Asociación Galega de Editoras (AGE), acordamos -debido á situación actual e seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias- adiar o evento en principio ata o outono deste ano. A organización da Gala dará a coñecer a nova data de celebración e comunicará se se mantén o formato actual en función das circunstancias e cando a situación o permita.

Moita saúde e sorte para todos/as.

Bases do XXI Premio de poesía Díaz Jácome

“O Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, co afán de estimular a creación poética entre os mozos/as, convoca o XXI Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.

PRIMEIRA. Poderán optar ao premio todas as persoas, de idade non superior a trinta anos, calquera que sexa a súa nacionalidade.
SEGUNDA. Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en data anterior ao fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou a declarar deserto o premio.
TERCEIRA. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos, o tema e o metro queda a elección do autor.
CUARTA. Deberán presentarse catro orixinais en tamaño DIN A4 impresos a dobre espazo.
QUINTA. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor, sendo presentados cun lema e título.
En sobre aparte e cerrado, constará o lema e o título no exterior, e no interior o nome e apelidos do autor, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, fotocopia do DNI polas dúas caras ou no seu defecto fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso e incluirase tamén unha breve nota biográfica do autor e o título do poema.
O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
SEXTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 15 de setembro de 2020, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo ostenten o mataselos de orixe con esta ou anterior data.
As obras deberán enviarse ao seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación:
XXI Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
SÉTIMA. O Xurado que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, fará pública a súa deliberación no mes de novembro de 2020.
A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada aos autores seleccionados mediante correo certificado.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no mes de decembro.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
OITAVA. Este concurso consta de tres premios:
Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
NOVENA. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo, sen necesidade do permiso do autor ou autores, aínda que sempre se terá en conta que nunca perderá os seus dereitos.
De desexar o autor facer uso dos textos premiados para a súa publicación, deberá solicitar permiso ao Concello de Mondoñedo. De serlle concedido, o autor comprométese a facer constar na publicación, expresamente, que os textos foron distinguidos no Premio de Poesía Díaz Jácome para Novos Creadores.
DÉCIMA. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
UNDÉCIMA. Os premiados será invitados, expresamente, ao seguinte recital de Mondoñedo é Poesía que se celebra na cidade cada 1 de maio.
DUODÉCIMA. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
DÉCIMO TERCEIRA. A deliberación do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”

Sheyla Fariña le un fragmento de Invisibles, de Montse Fajardo

Desde a AELG recollemos a lectura que fai a actriz Sheyla Fariña dun fragmento de Invisibles, de Montse Fajardo, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Anna R. Figueiredo le un fragmento de Os bicos feridos

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Anna R. Figueiredo dun fragmento da súa obra Os bicos feridos, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

O festival “Alguén que respira!” transfórmase en “Poesía contra coronavirus”

Desde Nós Diario:
“O festival “Alguén que respira!”, unha referencia na axenda dos encontros poéticos peninsulares, ía ter lugar do 18 ao 21 de marzo, que é cando se celebra o Día Mundial da Poesía. Agora, nesas mesmas datas, a web manterá unha programación permanente baixo o lema “Poesía contra coronavirus”.
O festival, desta maneira, trasládase do Teatro Principal de Compostela a internet e en aberto para que toda a poboación poida acceder a el. Consistirá na publicación dunha serie de audios coa lectura de poemas por parte das persoas presentes no programa.
Nel figuran, entre outras, Mercedes Peón, Manolo Rivas, Antonio Barahona, Pablo Fidalgo, Chus Pato, Celso Fernández Sanmartín, Lupita Hard, Lara López, Pau Vadell, Beatriz Chivite ou Miguel Azguime. O equipo artístico e técnico do Respira!, así como os seus organizadores, explican nun comunicado que agardan que esta crise sanitaria “sexa atallada da maneira rápida” e lamentan “a dramática situación de angustia que viven os miles de afectados e a sociedade en xeral”.”

Os Premios Xerais 2020 terán novos prazos

Desde Xerais:
“Debido á situación extraordinaria na que estamos, Xerais apraza as datas de recepción de orixinais e fallo dos Premios Xerais 2020. Unha vez recuperada a normalidade, reactivaremos novos prazos.”