Ferrol: actos destacados da VI Semana de Poesía Salvaxe

En Ferrol terá lugar a VI edición da Semana de Poesía Salvaxe. Do programa, que se pode descargar completo aquí, destacamos a participación de:

Mércores 24 de abril, ás 23:30 horas, no Pub Cazadores (Rúa Magdalena, 114). Recital poético coa presenza, entre outros, de Séchu Sende.

Xoves 25 de abril, ás 12:30 horas, no Mercado da Magdalena. Recital poético coa presenza, entre outros, de María Lado e Lucía Aldao.

Venres 26 de abril:
12:30 horas. Mercado de Recimil. Coa presenza de Estevo Creus.
18:30 horas. Praza de Armas. Con Xiana Arias e Olalla Cociña.
23:00 horas. Pub Carteles (Rúa Sol, 139). Con Xiana Arias e Olalla Cociña.

Sábado 27 de abril:
13:30 h. Pub Cazadores. Recital con Ramiro Vidal, entre outros.
18:30 h. Ateneo. Recital con Olalla Cociña, Xiana Arias e Ramiro Vidal, entre outros.
21:00 h. Cafelito de Gloria (Rúa Sol, 199). Con Ramón Blanco e Pablo Sax.
23:30 h. Festa final no Pub Carteles. Todos e todas.

O Porriño: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao

O venres 12 de abril, ás 23:30 horas, no Pub Liceum do Porriño (Rúa Ramón González, 16), terá lugar o recital poético e musical Con dez poemas por barba, coa participación de María Lado e Lucía Aldao. O prezo da entrada é de 4 euros (2 para as persoas socias do Pub).

O retorno ao recital (III): Os festivais

Reportaxe en Cultura Galega:
“Dentro da axenda dos afeccionados á poesía do noso país, hai unha serie de citas que xa se constituíron e clásicos. Trátase de festivais nos que se concentra un bo número de autores e que teñen no recitado o seu eixe. Desde os eventos máis veteranos e masivos, como o Festival de Poesía do Condado, ata propostas relativamente recentes, como Ponte Poética, a pluralidade de voces e o interese pola palabra falada preséntanse como eixes comúns destes encontros.
Son eventos que concentran nuns poucos días un bo feixe de recitais. Segundo os casos, a poesía falada combínase con performances, obradoiros, concertos, mostras ou videocreacións, sempre tomando a poesía como base. Malia a que se fala de que é un xénero literario para minorías no noso país existen varias destas citas, que configuran unha axenda que brilla pola súa calidade fóra das nosas fronteiras e que conta cun nutrido público. (…)
Encol da situación da poesía no país, en xeral os responsables destes eventos son optimistas. “O público aumenta cada ano”, apunta Jorge Cuña, “quizais a poesía non sexa un espectáculo de masas pero si que resulta un acontecemento fundamental na cultura”. O incremento no interese por esta arte compróbano tamén desde a organización do Festival do Condado. Lara Soto apunta que “aínda que temos un público fiel desde hai moitos anos, que se move desde todo o país para asistir, trátase en boa medida dun público que comparte a orientación política do festival, que sempre estivo atento a situación do social do seu momento. No entanto, nos últimos dous anos estamos a ver que medrou o número de xente nova que se achega e se interesa polas actividades, apoiando tanto o festival como as reivindicacións puntuais que fan desde el”. Karlotti, desde Ferrol, salienta que na actualidade “temos xente que é totalmente asombrosa, poetas que poñen a palabra a voar cara a fóra”, e salienta a cidade duns creadores que achegan unha grande calidade ao reciclado. “María Lado ou Lucía Aldao non son só poetas na escrita, teñen unha grande forza cando a len, e ese é un fenómeno moi potente en Galicia”. Coincide con el Sobral, quen sinala que no país “hai un renacemento moi grande da poesía, sobre todo por parte de mulleres novas que pegan forte como María Lado, Lucía Aldao ou Olalla Cociña. En xeral en Galicia hai unha potencia moi forte a nivel poética, e non o digo eu só Gamoneda ou García Montero alucinan con nivel da poesía que se fai aquí”.”

Pontevedra: Seis barbudos, no Salón do Libro

O martes 19 de marzo, ás 18:30 horas, no Salón do Libro de Pontevedra, que se celebra na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, terá lugar o espectáculo interactivo Seis barbudos, baseado no libro do mesmo título de OQO Editora, coa participación de María Lado e Lucía Aldao, acompañadas dos músicos do Seminario Permanente de Jazz. A idade recomendada é a partir de 3 anos. O prezo da entrada é de 3 euros (á venda no Pazo da Cultura unha hora antes do comezo da función).

Santiago: recital de A hostia en verso: Zombies vs. humanos

O martes 5 de marzo, ás 22:30 horas, na Pub Ultramarinos de Compostela (Casas Reais, 34), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso, baixo o título Zombis vs. humanos. Presentado por Lucía Aldao e María Lado, o recital enfrontará a Rosa Enríquez, Nolim González, Xesús Estalote Maroño e Elvira Riveiro. O elenco complétase coa música en vivo de Mig Seoane. A entrada custa 4 euros.