A Coruña: actividades do xoves 4 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o xoves 4 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, ubicada, como cada ano, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que permanecerá aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

18:30 h. Presentación da obra gañadora no Premio Barriga Verde 2010, para textos dirixidos para monicreques (modalidade infantil), titulada Fábula galénica, obra de Inacio, escritor, director e fundador da compañía de monicreques Fantoches Baj, que, ao tempo, fará unha lectura narrada da súa obra para os máis pequenos.
19:00 h. Carlos Vázquez Padín asinará exemplares do seu libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, publicado por 2.0 Editora, na colección Supertextos.
19:30 h. Presentación da novela Noah Barleywater escapa da casa, de John Boyne, publicada por Faktoría K. Participará no acto o tradutor do libro, Carlos Acevedo, e un representante da editorial.
20:30 h. Galaxia presenta o libro Cociñando ao pé da letra. Participarán no acto Yolanda Castaño, Andrea Costas, coordinadoras do mesmo, Víctor F. Freixanes, en representación da editorial, e dous escritores que cociñan no libro: Xabier P. DoCampo e Lucía Aldao.
21:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.

Mario Regueira: “Habería que resucitar a Lois para ver que lle parece todo isto”

Entrevista a Mario Regueira en Xornal de Galicia:
“- Xornal (X): Por que perseguir [Lois Pereiro. Unha persecución] o poeta?
– Mario Regueira (MR): Para procurar esa figura de Lois Pereiro que ten algo de fantasmal e intentar atrapala dende perspectivas que non son as habituais. Vinme á hora de facer este libro nun dobre papel: o de quen ten feito algo de crítica e o de autor literario que atopa en Pereiro unha referencia. (…)
– X: Ocúpase da proposta “ética” –e non “política”– de Lois Pereiro, que interpreta ademais en clave posmoderna.
– MR: Se cadra porque as súas alusións políticas son en moitos casos contraditorias cando as lemos en sentido literal. Creo que as usa como exemplos de resistencia.
– X: En que consiste esa proposta “ética”?
– MR: Baséase en que xa que non podemos cambiar o mundo, xa que nos vemos impotentes, intentemos non empeoralo e intentemos mellorar a nosa sensibilidade artística para que sirva como barreira contra a barbarie. É unha proposta que segue a ser válida hoxe en día, e ten que ver co Indignádevos! de Hessel e con moitos dos movementos cidadáns que estamos a ver hoxe en día. (…)
– X: Daquela son súas as críticas de Lois Pereiro ao Día das Letras Galegas e a todos os libros, incluído este, que se editaron?
– MR: Parcialmente. O Día das Letras foi sobre todo unha oportunidade, e como tal creo que se aproveitou nuns casos e se desaproveitou noutros. É moi difícil xulgalo mentres está a pasar. Verémolo con máis claridade dentro duns anos. Con todo, foi un deses acertos que non acostuma a ter a Academia. O que pasa é que cando xeras un movemento de masas todo queda en mans da sociedade e a sociedade fai cousas que a min me poden gustar e outras, como as bolsas do Gadis e un par delas máis, coas que eu creo que Lois non estaría de acordo. En todo caso, ninguén pode falar no nome dos mortos.”

Teo: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro

O mércores 29 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa Común dos Tilos (Os Tilos, s/n., detrás da piscina municipal) de Teo, preséntase o ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, acompaña ao autor Martiño Noriega.

A Coruña: presentación de Lois Pereiro. Unha persecución e recital poético e musical

O xoves 23 de xuño, a partir das 22:00 horas, no Bar Patachim (Beiramar, 16) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira, publicado en 2.0 Editora. Tamén participarán as integrantes máis guapas das Ataque Escampe, David Pobra cunha performance loisista, Arsenio Iglesias Pazos e Haizea Barzenilla cun recital de poemas de Lois traducidos ao euskera, Fayez Khalaf recitando Contra a morte en árabe, e Andrea Nunes Brións, quen iniciará o recital aberto á participación espontánea do público.

Lugo: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro

O mércores 22 de xuño, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo (San Marcos, 8), presentación do ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, acompaña ao autor Mar Pérez Fra.

Santiago: presentación de Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira

O xoves 16 de xuño, ás 19:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira, publicado en 2.0 Editora. No acto intervirán, acompañando ao autor, Paco Macías e Txiki Calvo.

A Coruña: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro

O xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, no Café Borrazás (Rúa do Orzán, 165) da Coruña, preséntase o ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, acompaña ao autor Xosé Manuel Pereiro.

Pontevedra: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro

O mércores 15 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Oliva, 24) de Pontevedra, preséntase o ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, acompañan ao autor Xoán Hermida e Antón Baamonde.

Bertamiráns: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro

O xoves 26 de maio, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina (Travesía J. R. Azcárraga, 5) de Bertamiráns, preséntase o ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora. No acto acompañan ao autor Henrique Monteagudo e Xaime Subiela.