Reportaxe en Praza:
“(…) Atl gañou o premio Blanco Amor 2011. E chegou ás librarías ao mesmo tempo que 15.724 de Xesús Constela, a historia dunha Patria asentada na mentira. Galaxia editou, tamén hai pouco, 2044 de Eduardo Santiago. A ficción científica é un xénero cada vez máis desenvolvido na literatura galega. Mais a súa presenza nas nosas letras non é un fenómeno recente. O investigador Jorge Emilio Bóveda prepara un ensaio sobre o tema. “A primeira novela que podería considerarse de protociencia ficción galega foi dun galego afincado en Cuba: Luís Otero Pimentel. O libro titulouse Campaña de Caprecórneca (A Habana, 1898) e describía unha viaxe á lúa na liña das dos precursores da ciencia ficción moi anteriores a Xulio Verne”, explica. (…)
“Pero non veríamos un rexistro concreto do xénero ata 1926 cando Rafael Dieste publica no seu libro Dos arquivos do trasno un conto titulado 11926, na liña de A máquina do tempo de H.G. Wells, facendo comezar, ao meu ver, non exactamente o xénero da ficción científica en galego senón o subxénero da utopía negativa (distopía) ou a ucronía, que non estouparía ata os anos setenta coa obra Elipsis e outras sombras de Xosé Luís Méndez Ferrín”, engade. (…)”
Arquivos da etiqueta: 2044
Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación de 2044, de Eduardo Santiago
Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.
– O martes 20 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntase a novela 2044, de Eduardo Santiago, publicada en Galaxia. No acto participa, xunto ao autor, Francisco Castro.
Vigo: presentación de 2044, de Eduardo Santiago
O martes 24 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase a novela 2044, de Eduardo Santiago, publicada en Galaxia. No acto o autor estará acompañado por Francisco Castro.