Pilar Ortega e Antonio Manuel Fraga gañan o XX Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación

Desde a Deputación da Coruña:
“A Deputación da Coruña deu a coñecer as obras gañadoras da XX edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Na categoría Infantil, o galardón recaeu na autora Pilar Ortega pola obra A bruxa Maruxa que non aturuxa, mentres que na modalidade Xuvenil o gañador foi o escritor Antonio Manuel Fraga coa obra Canguros de Marcory.
O xurado destacou da proposta de Pilar Ortega que se trata duna historia “moi divertida cunha trama moi ben construída entre a realidade e a fantasía”. O fallo puxo en valor a reinterpretación atractiva das tradicións, da música popular e da tradición oral galega, así como a súa voz narrativa crible e unha protagonista espontánea que rompe coas convencións sociais.
Pola súa banda, no texto de Antonio Manuel Fraga valorouse a súa capacidade para achegar as persoas lectoras a “unha realidade pouco coñecida a través dunha viaxe de autocoñecemento entre amigos en Costa de Marfil”, subliñando ademais “a presenza da música como fío conductor entre o pasado, o presente e o futuro dos seus personaxes”.
Esta vixésima edición do certame rexistrou un récord de participación con 84 obras recibidas, case o dobre que na anterior convocatoria, na que se presentaran 49 orixinais. Cada unha das categorías conta cunha dotación económica de 6.500 euros.
O xurado encargado do fallo estivo formado por Antía Yáñez, gañadora da pasada edición, Quique Mauricio, Montse Pena, Anxo Fariña e Ivana Gómez en representación de Galix. (…)”