A Coruña: comezan as celebracións do “Ano Darwin”

Os Museos Científicos Coruñeses comezan a celebración do Ano Darwin coa presentación aos medios da programación prevista para conmemorar a efeméride mañá xoves 12 de febreiro de 2009, xusto o día no que se cumpren douscentos anos do nacemento do científico británico. Será a partir das 19:15 na Domus, e no acto terá lugar unha breve representación especialmente elaborada para a ocasión por parte de Casa Hamlet, recoñecida entidade teatral coruñesa.

A continuación, ás 20 horas, haberá un coloquio sobre a teoría da evolución realizado en colaboración coa Unidade de Divulgación e Cultura Científica e Facultade de Ciencias da Universidade de A Coruña, presentado e moderado polo director dos Museos Científicos, Xosé Antón Fraga, e no que intervirán os profesores desta institución académica Roberto Bao, Marta Vila e Pedro Galán e mais o divulgador Ernesto Carmena. A entrada é libre até completar o aforo.

A Coruña: presentación de libros de Lino Braxe e Alberte Momán

Mañá mércores 11 de febreiro ás 20:30 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) presentaranse os libros gañadores do II Premio Illas Sisargas de poesía erótica convocado conxuntamente polo Concello de Malpica e a Asociación Caldeirón desta localidade. Os libros premiados foron Baile Átha Cliath de Alberte Momán, con ilustracións de Paco Souto; e Baixo o Sol de Mesina de Lino Braxe, con ilustracións de Sol Rivas. O acto contará coa participación de Paco de Tano, Sol Rivas e os dous autores, Lino Braxe e Alberte Momán. A entrada é libre.

A Coruña: conferencia de Jurjo Torres Santomé

Mañá mércores 4 de febreiro o Catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade da Coruña Jurjo Torres Santomé participará dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom organizado por O Facho cunha charla titulada A Educaçom em Tempos de Neoliberalismo. Será a partir das 20 horas no local de Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande da Coruña.