A obra gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais vaise representar en 23 concellos

Desde Sermos Galiza:
“O proxecto presentado pola compañía Teatro da Ramboia está realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista.
A compañía formada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín foi declarada gañadora o pasado 28 de novembro no Teatro Rosalía da Coruña. Obtivo un premio de 2.000 euros por parte da Fundación Manuel María e o compromiso pola parte dos concellos e deputacións colaboradoras de que a obra se inclúa na súa programación teatral.
Os concellos adheridos son A Coruña, Ames, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Malpica, Monforte, Muros, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Verín, Vimianzo mentres que as Deputacións son as de A Coruña, Lugo e Pontevedra.
O xurado desta primeira edición do Certame destacou entre os valores da obra o amplo abano de público ao que se dirixe así coma a probada calidade artística do elenco e a diversidade de espazos nos que pode ser escenificada.
Neste caso, estivo presidido polo actor e director Manuel Lourenzo Pérez. Os vogais que tiveron parte na votación foron a produtora e presidenta de Escena Teatral, Belén Pichel, e o actor e director, Francisco Cadaval.”

Premio Careón para Carlos Callón e premio Mácara para Chévere na XIX Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei

Desde Erregueté:
“A nova edición da Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei comezará o 23 de agosto e rematará o 2 de setembro. Participarán nove grupos de Galicia e un de Pozuelo de Alarcón. Nesta edición, entregaráselle o XVIII Premio Mácara á compañía Chévere.
Todas as funcións serán ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Palas de Rei, agás as que se presentarán en Santo Xusto o sábado, 25 de agosto e o domingo 26, que serán ás seis e media da tarde. A do venres, 1 de setembro, de Soledad Felloza, será ás 20:00 horas e escenificarase na aldea de Albá. O espectáculo Son d’aldea realizarase en Albá, Santo Xusto, Vilafofe, Gontá e Gundía, o sábado día 1 de setembro, dende as dez da mañá ata as dúas do mediodía.
O sábado, 1 de setembro, durante a xornada de Son d’aldea entregarase o XVIII Premio Mácara á compañía Chévere pola súa traxectoria nos escenarios e o seu apoio ao teatro amador e de rúa. O XIII Premio Careón será entregado ao escritor Carlos Callón, en recoñecemento polo seu labor como escritor e dinamizador da cultura galega. Ademais, nesta edición entregarase o I Premio “Garabato” á Conservación do Patrimonio en homenaxe a Gabriel Barreiro Toural, dotado con 1000 euros e plica, a unha persoa e a unha entidade, que se distinguen pola súa labor de defensa do patrimonio cultural do rural.
O programa desta edición queda como segue:
– XOVES, 23 DE AGOSTO
GRUPO: Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei.
AUTOR/-A: Creación colectiva do alumnado, coordinado por Afonso García Penas.
OBRA: Un planeta literario máxico.
– VENRES, 24 DE AGOSTO
GRUPO: Pedro Brandariz.
OBRA: Profundizando na Galiza profunda.
– SÁBADO, 25 DE AGOSTO
No campo da festa de Santo Xusto:
GRUPO: Alentía Teatro, de Palas de Rei.
OBRA: Nas mans dos contos.
Na Casa de Cultura de Palas de Rei:
GRUPO: Teatro Ateneo, de Pozuelo.
OBRA: La tortuga de Darwin.
– DOMINGO, 26 DE AGOSTO.
No campo da festa de Santo Xusto:
GRUPO: Iara Teatro, de Cabanas de Bergantiños.
OBRA: Aprendices de pallaso.
Na Casa de Cultura de Palas de Rei:
GRUPO: Metátese Teatro, de Palas de Rei.
OBRA: Fíos!
– MÉRCORES, 29 DE AGOSTO
GRUPO: Caxigos Teatro, de Curtis.
OBRA: Os supergaleguistas.
– XOVES, 30 DE AGOSTO
GRUPO: Debullando Teatro, de Negreira.
OBRA: E ti de quen vés sendo?
– VENRES, 31 DE AGOSTO
GRUPO: Soledad Felloza.
OBRA: Xeografía do imaxinario.
(Esta actuación será en Albá con motivo da VIII edición de Son d’aldea).
– SÁBADO, 01 SETEMBRO
Sairase do campo da festa da aldea de Santiago de Albá ás 10:00.
GRUPO: Son d’aldea
OBRA: As novas na Aldea (Creación colectiva dirixida por Metátese Teatro).
– DOMINGO, 02 DE SETEMBRO
GRUPO: Grupo de Teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla.
OBRA: A farsa do bululú.”