Manuel Darriba: “Podería dicirse que A realidade é a novela máis complexa e ambiciosa que fixen ata agora”

Entrevista a Manuel Darriba en El Progreso:
“O sarriao Manuel Darriba lanza A realidade, unha novela que conta cunha peculiar estrutura e unha portada moi actual: un home cunha máscara nun escenario apocalíptico. A obra, que comezou a xestarse hai 8 anos, non versa sobre a pandemia pero aborda outras catástrofes e ten tintes autobiográficos
– El Progreso (EP): Acaba de publicar A realidade, a súa última novela que ten detrás oito anos de traballo. Como xurdiu a idea de facer este libro?
– Manuel Darriba (MD): A idea inicial era contar unha historia que transcorre nunha noite cun personaxe estrambótico que se vai cruzando con outros e a partir dese panorama intentar trazar a miña visión sobre moitos aspectos políticos e sociais do mundo actual. Os primeiros borradores son de hai máis de oito anos e fun escribíndoa con calma porque o compaxinaba cos meus outros oficios como editor de revistas, guionista e xornalista. Neste tempo publiquei ademais outra novela, un libro de relatos e un poemario. A última fase de A realidade tivo lugar no período 2019-2020 e o final está datado en setembro do 2020 na Fonsagrada, que é onde vivo coa miña muller e o meu fillo. Podería decirse que é a novela máis complexa e ambiciosa das que fixen ata o de agora.
– EP: A portada podería estar perfectamente vinculada á actualidade: un home cunha máscara nun escenario apocalíptico. Presaxiou a súa obra o futuro?
– MD: Casualmente a novela rematouse no ano do covid, pero xa viña de moito atrás. A portada foi obra do meu amigo Toño de López, que en pleno confinamento fixo fotos alegóricas da situación de afastamento e perigo que estabamos a vivir e considero que a imaxe elexida cadra moi ben cos contidos e a filosofía da miña obra, que non ten nada que ver coa pandemia, pero aparecen outras catástrofes planetarias como o cambio climático ou a desigualdade social. (…)”

Tabela dos libros. Marzo de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”