Aser Álvarez González gaña o XVI Premio Johán Carballeira de Xornalismo do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
Aser Álvarez González erixiuse gañador do XVI Premio Johán Carballeira de Xornalismo pola súa reportaxe titulada “Ferrín e a poesía do circo”, publicada no xornal dixital www.adiante.gal, polo que se fará con 1500 €. O xurado, conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, e as xornalistas Ana Cabaleiro e Montse Dopico, xustificou a súa decisión en que “como produto xornalístico destaca pola súa orixinalidade e estrutura, así como a relación que establece entre circo, teatro e literatura, ao mesmo tempo que destaca a combinación de xéneros periodísticos”. (…)
En canto á categoría de poesía, na que concorren cincuenta orixinais, o xurado reunirase nos próximos días.
Podedes ler aquí a reportaxe.”

Xosé Luís Méndez Ferrín: “Un pobo sen memoria é un pobo neurótico”

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Adiante.gal:
“(…) – Adiante (A): Segue vostede a escribir moito e ben, e ten lectores moi fieis e incondicionais, pero que lle presta facer a estas alturas da súa vida, con que proxectos anda agora mesmo?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Moitos proxectos non se poden ter. A certa idade hai que ter proxectos de pequena tonelaxe e no curto prazo. Claro que sempre hai poemas dentro, sempre hai relatos e contos e cousas que bulen na cabeza e que van saíndo cando queren. Ao seu ritmo. Eu nunca tiven présa por escribir, nin tampouco ansiedade por non escribir, ou por estar máis ou menos inspirado, nin por ter que andar enleado en grandes obras, e igual por iso sempre escribín cousas curtas. Á miña idade gústame moito o xornalismo e síntome moi cómodo escribindo para o xornal cousiñas coma as que fago agora. (…)
– A: E quen era aquela tropa que andaba arredor do grupo Brais Pinto, só universitarios ou tamén traballadores?
– XLMF: Brais Pinto felizmente estaba fóra da universidade. Digo felizmente, non porque odie a Universidade de Madrid. Pese ao que se diga nalgúns libros de texto, Brais Pinto non era un grupo universitario, pois universitarios só eramos tres, Herminio Barreiro, Ramón Lorenzo e mais eu, que viviamos dos nosos pais. O resto eran traballadores, da construción, ou da industria e outros da banca, como Reimundo Patiño. A maioría estaban implicados no mundo laboral e iso notábase nas posicións de esquerdas e no compromiso político. Por outro lado, acumulaban uns enormes coñecementos en materia de arte, pintura, escultura, como por exemplo no caso de Patiño, e eran moi avanzados politicamente. En xeral, abranguían un mundo de coñecementos en materia de política, filosofía ou arte, que non era o común, non era o que se recibía, por exemplo, a través das revistas culturais da época, e non digamos xa nas que eran máis do réxime. Non coñecían a cultura a través das revistas, suplementos ou das páxinas culturais dos diarios da época, ían directamente ás fontes. E iso abriunos a mente.
– A: E quen era ese tal Brais Pinto, de onde lle veu o nome ao grupo?
– XLMF: A verdade é que seica era un afiador, non sei de que aldea, de Nogueira de Ramuín. Deu a volta ao mundo varias veces coa roda e foi morrer en Madrid atropelado por un autobús ou un tranvía. Non é verdade, non ou si… quen sabe… igual é todo un invento de Xosé Fernández Ferreiro.
– A: Despois vostede colle tamén a súa roda de afiar e comeza a viaxar fóra. Vai a Oxford, coñece a cultura inglesa, viaxa algo por Europa. E como foi a experiencia afeito a vivir en España?
– XLMF: Da cultura inglesa fundamentalmente aprendín no pub. Oxford é unha cidade moi culta, mais tamén é obreira, cousa que se ignora habitualmente. Alí estaba en Cowley, nas aforas de Oxford, onde estaba a fábrica de Morris, e moitos traballadores, onde por certo traballei un pouco tamén, na limpeza. Aínda había obreiros maiores que se me queixaban porque Inglaterra non tomara partido na Guerra de España, que eles se lembraban, e por suposto estaban a favor da República. Eran laboristas que falaban igual cós comunistas, e iso era Oxford. Había cultura na universidade, en medios moi restrinxidos, por parte de persoas que despois foron dirixentes en África, estudantes das antigas colonias e por parte doutros que chegarían a ser dirixentes políticos e intelectuais na ciencia e nas letras. E había un coñecemento do marxismo infinitamente superior ao que había en España, e mesmo nos medios que se chamaban comunistas. Alí sabíase perfectamente o que era, líase, estudábase e comentábase. En realidade Oxford foi un achegamento ao marxismo, fundamental e sen tópicos, pois o marxismo vulgar xa o levaba incorporado eu, pero alí entrei en contacto xa co marxismo serio, con rigor. (…)”

Suso de Toro: “Carvalho representaba unha continuidade coa xeración republicana en todos os ámbitos; Piñeiro non”

Entrevista a Suso de Toro en Adiante.gal:
“(…) – Adiante.gal (A): Cal o papel de Carvalho Calero na cultura galega?
– Suso de Toro (SdT): Habería que dicir “na cultura e na política”, pois para comprender a Carvalho é preciso coñecer as tendencias dentro do galeguismo despois da destrución e da quebra que fai a liña piñeirista. Non quero eu facer un xuízo moral, entendo que as diferenzas son por análises distintas e conviccións sinceras, mais Carvalho representaba unha continuidade coa xeración republicana en todos os ámbitos, mentres que Piñeiro, non. Mesmo no modo de entender a lingua galega, como parte do romance hispánico occidental, o galego portugués, no caso de Carvalho é como unha lingua subalterna falada no interior do territorio histórico e político do castelán. Debaixo das retesías ortográficas hai moito máis que unha disputa gramatical, hai unha comprensión da lingua e da Galiza mesma como unha nación en por si ou como parte da nación española. A súa argumentación de que a lingua galega ou é galego portugués ou galego castelán é impecábel e vai a misa. E cada día é máis evidente e cada vez é máis inxusta, cega e prexudicial para o galego a negación desa posición.
– A: Tivo contacto persoal con Carvalho Calero ?
– SdT: Eu non o coñecín. Por xeración tocaríame coñecelo se tivese estudado Filoloxía, que non foi o caso. Aínda así pode que non me tivese simpatizado a súa figura de señor profesor que podía resultar aristocrática, segundo teño entendido. Recoñezo que fun un mozo moi da miña xeración hipercrítica e desmitificadora e pode que aquel señor me resultase antipático. Visto hoxe coa distancia, alén dos trazos de carácter e de aspectos propios da cultura dos homes da súa xeración, paréceme unha figura importantísima que non foi recoñecida. Os seus estudos literarios son fundacionais e as súas elaboracións sobre a lingua acertadísimas. Rescatar para a sociedade a figura de Carvalho é rescatar o republicanismo galego e a mesma soberanía no pensamento da lingua, á marxe da escola filolóxica madrileña. Se os xenerais nacionalistas españois non tivesen triunfado a concepción da lingua, e loxicamente a súa escrita, sería moi semellante á defendida por Carvalho e non á defendida pola liña de Piñeiro. (…)
– A: Por que é tan pouco coñecido este home no seu país?
– SdT: Alén dos seus méritos cívicos como cidadán militante no republicanismo galego, no Seminario de Estudos Galegos e no Exército republicano, alén do seu paso polo cárcere e as dificultades para sobrevivir el e mais a súa familia, está o ser autor da primeira novela cabal editada en galego tras a guerra, A xente da Barreira, é cousa que se ignora deliberadamente na historiografía da nosa literatura. E o autor de Scórpio, unha novela moderna que conta a súa xeración e unha época. E como estudoso só pola súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, que supera a que fixera anos antes Benito Varela Jácome, merece un lugar senlleiro. A súa figura e os seus méritos non son ben coñecidos nin valorados pola simple razón de que perdeu a guerra e tamén a posguerra. Non se adaptou ás novas regras do xogo. (…)”

Ana Romaní: “Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial”

Entrevista de Laura R. Cuba a Ana Romaní en Adiante.gal:
“(…) – Adiante (A): O espazo [Diario Cultural] tivo un compromiso social moi firme. Que imaxe da cultura galega se deu desde o programa? Hai risco de caer en estereotipos neste labor?
– Ana Romaní (AR): O risco do estereotipo, do lugar común e da conformación dun único discurso existe sempre e hai que estar sempre moi pendente de non caer niso. Creo que o contexto do Diario Cultural é moi relevante. É un espazo cultural nun medio público. Iso xa é un marco que obriga a respectar unha lei que di que cómpre unha defensa do idioma. Nós soubemos sempre que eramos un espazo de servizo público. Iso implica un discurso de pluralidade. Escasamente dogmático e sempre interrogante, interaccionante co que acontece. Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial.
– A: Alén de traballar nun axente cultural versátil, tamén es académica. Este ámbito é frecuentemente sinalado polo inmobilismo cultural. Pode o teu ingreso supor un vento fresco desde dentro da institución?
– AR: Con respecto ao da academia, aínda non entrei. Efectivamente, xa teño un pé dentro. Foi unha decisión complicada e difícil. Xa o teño dito nalgunha ocasión, non son persoa de institucións. Son estruturas ás que non son moi dada. Vaia por diante, eu agradezo moito a consideración dos membros da Academia, mais resultoume difícil. Non obstante, ao mesmo tempo considero que as institucións culturais son necesarias. O país necesita de institucións culturais permeábeis que se fagan cargo das súas urxencias sociais e culturais. Nese sentido, iso comprométeme no senso en que todas e todos por activa e pasiva somos responsábeis de como se desenvolve o sistema. Descoñezo a institución por dentro, non sei como é, que dinámicas establece, como se traballa dentro, que se pode facer… Tentarei ser honesta comigo mesma. (…)
– A: Ao longo destes anos, pensas que este abandono da cuestión social acusouse moito na área de cultura?
– AR: Eu podo explicar o que vivín desde o Diario Cultural. Nós fixemos un exercicio de resistencia. O programa foi pasando por moitas épocas, foi reinventándose e reformulándose constantemente en función tamén dos recursos dos que dispuña. Estes foron reducíndose e minguando co paso dos anos. Ás veces é moi difícil desenvolver un traballo cultural cunha merma de espazo, medios e recursos. Nós desenvolvemos o traballo nesas circunstancias, e tamén é certo que cando hai que aplicar recortes por cuestións de orzamento, a cultura é dos primeiros sectores en se resentir. (…)
– A: Desde a organización do premio valoraron o teu compromiso social, que tamén se filtra a través do teu compromiso feminista. A cultura, a música e o propio xornalismo son territorios moi masculinizados.
– AR: Unha cousa é a participación das mulleres nos distintos ámbitos sociais, que é unha cuestión de xustiza social e equidade. Outra cuestión, a que me interesa, é o feminismo, que o concibo como un proxecto emancipador, de construción de futuro e de alternativa social. Interésame e alimento ilusionada e con expectativas os cambios que os feminismos e as feministas poidan introducir nos distintos ámbitos da vida. Iso é o que máis me interesa. Estamos nun sistema que ten uns mecanismos que funcionan dunha determinada maneira. Ten unhas normas, uns códigos no simbólico, no cotián… que é o sistema patriarcal que eu cuestiono. A min paréceme que é un sistema que se reactiva reformulado con outras aparencias constantemente. Eu creo que, nese senso, hai que estar moi vixiantes e moi atentas porque obviamente hai moitos avances, aí está o 8M do ano pasado, mais hai unha reactivación do sistema reformulado baixo outra aparencia mais que segue aí. Por exemplo, os asasinatos das mulleres é unha fenda social. Cada asasinato abre un abismo social que nos implica a todas e todos. É unha fenda na nosa liberdade e dignidade colectiva como sociedade. É un estado de agresión constante no que vivimos desde o simbólico e xa non só nas violencias e agresións. Estamos vivindo nunha especie de disfunción, porque por un lado temos os discursos de corrección mais por outro lado é un territorio de barbarie. (…)”

Uxía Casal: “Unha cousa é dignificar a lingua e outra, a pedantería”

Entrevista a Uxía Casal en Adiante.gal:
“(…) – Adiante (A): Que significa para vostede que esta obra [Saturno tamén é deus] teña tan boa recepción?
– Uxía Casal (UC): Supón a confirmación de que é boa. Desde hai vinte anos para acá leuna moitísima xente e todo o mundo, todo, dicía que era moi boa. Considero que teño un ego bastante pequeno e por riba son perfeccionista, terriblemente esixente respecto do que escribo… creo que efectivamente é boa. Estou notando ese recoñecemento.
– A: Son uns relatos escritos desde a angustia…
– UC: Adoitamos a falar pouco dos sentimentos. Creo que é do que temos que falar porque os sentimentos son o que nos conforma. Falo da angustia vital, si. Eu tiña trinta anos e unha doenza… e padecía doutra aínda sen diagnosticar, pero ambas estaban relacionadas. Para min, escribir era un escape tremendo. E é inevitable que nos relatos aparezan estados de ánimo, e máis cunha imaxinación turbulenta como a miña. (…)
– A: Supoño que tamén aprecia a concisión no que le. Cales son os seus referentes?
– UC: Non me gusta esa palabra: referentes. E que eu son rato de biblioteca e na miña casa sempre houbo libros. Tiña case todo ao alcance da man. Estaba prohibido, iso si, O Decamerón. Pero en canto meus pais saían, alá ía eu… E vaia aburrimento para unha nena de dezaseis anos! Debín ler milleiros de contos. Lin de todo, pero non lía libros de medo até que superei meus propios medos. (…)”

Aurora Marco: “Carvalho insistía en que había que ser posibilista e atender á receptividade social”

Entrevista a Aurora Marco en Adiante.gal:
“(…) “Como digo, coñecín Carvalho no curso 67/68. Fixen aquel primeiro ano de Lingua galega e deume unha Matricula de Honra que me encheu de orgullo; en 4º curso escollín galego medieval e en 5º Literatura moderna, onde volvín obter outra Matrícula. Case todos os coñecementos adquiridos eran novos para min porque os anos de bacharelato só estudara a obra en castelán de Rosalía de Castro. Foi xustamente en quinto de carreira, en febreiro, cando me preguntou se querería traballar con el o ano seguinte. Naquela altura xa me concederan un lectorado para a Universidade de Rennes, na Bretaña francesa, mais rexeiteino, aceptei encantada a oferta de Carvalho e púxenme a facer a memoria de licenciatura, requisito obrigado para entrar a traballar na USC. Polo tanto, de profesor, ao que admiraba e do que aprendía sempre e co que fixen a descuberta da Galiza… de alumna pasei a discípula e colega. Era o curso 1970-71. Alí, naquel departamento de Lingüística e Literatura Galega seguín aprendendo, descubrindo a terra de miña nai e xa miña tamén, coñecín figuras importantísimas que viñan estar con el. Lembro de maneira especial a visita de Luís Seoane, moi agradábel no trato cando mo presentou. Conversaron e despois marcharon xuntos. Pola tarde, cando regresou ao departamento preguntoume se sabía de Seoane. Sabería pouco ou nada, non lembro. Daquela comezou a falarme da etapa da República, do Partido Galeguista, do exilio e de moitas cousas… Mais non da súa condición de represaliado. Lémbroo como se fose agora. Aquela tarde, creo, aprendín máis que en cinco anos na Universidade. Cando a praza que eu ocupaba como interina saíu a concurso, eu aínda non era doutora, non puiden presentarme e xa continuei na Escola de Maxisterio.” (…)
“Cando se fala do legado de Carvalho Calero, hai que referirse ao legado global. Foi escritor (poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta); historiador da literatura, que canonizou; crítico literario, lingüista, profesor de longa traxectoria en ensino secundario e universitario; mestre de fecundo discipulado; magnífico orador. Sen esquecer a súa intensa actividade política, dentro do Partido Galeguista, na etapa da República. Despois de saír do cárcere, non podía desenvolver ningunha actividade política, mais estaba ao tanto da reorganización do PG e concordaba co que estaban facendo os seus irmáns. Quero subliñar isto porque hai quen fai divisións interesadas e fala de dous Carvalhos, un anterior ao reintegracionismo e outro, posterior. Só houbo un Carvalho, coherente de principio a fin nos seus posicionamentos lingüísticos, políticos… Desde a súa xuventude, fiel á política cultural do Seminario de Estudos Galegos ao que pertencía, e ao longo da súa vida, mantivo o mesmo posicionamento a respecto da aproximación luso-galaica. Xa o expresara nun artigo sobre Antero de Quental de 1933. Cos compañeiros do SEG elaborou Algunhas normas para a unificazón do idioma galego, en 1933, para uso particular dos seminaristas e aquelas normas apuntaban xa unha filosofía: nos baleiros que haxa que encher, dicían, cumpre un achegamento ao portugués. Naquela altura, as xentes do SEG, de Nós, das Irmandades, mantiñan intensas e frutíferas relacións con Portugal, na consciencia de que os dous pobos, unidos por unha lingua común, debían estreitar lazos. Ou sexa que non é unha idea nova que Carvalho introducise na década dos setenta, como dicían algúns. É o que defenderon o galeguismo tradicional e a ciencia romanística. Non son novidades de última hora, debido aos desvaríos propios da idade, como dixo un presidente da RAG nun xornal compostelán cando xa estaba doente e pouco antes da súa morte… Cando don Ricardo considerou que podía introducirse a ortografía histórica foi no momento en que o galego xa se implantara no ensino e coa primeira promoción de profesores e profesoras da especialidade de galego-portugués a partir de 1978. Daquela as normas eran as da RAG, e con esas comezara a traballarse. Mais sempre existiu a idea, nun sector, de que o galego era lóxico que se aproximase ao portugués e non ao castelán.” (…)”

Luz Fandiño: “Toda a nosa identidade está negada”

Entrevista de Érik Dobaño a Luz Fandiño en Adiante.gal (fotografía: Nós Televisión, Youtube):
“(…) – Adiante.gal (A): De onde sacaba o tempo para escribir?
– Luz Fandiño (LF): Eu escribía en calquera sitio. Pero xa na Arxentina, se me viña unha idea, metíame no retrete e alí escribía. Andaba sempre cun lapis e un anaquiño de papel. En París empecei nunha casa, e a verdade é que tiven sorte. Tiña unha biblioteca preciosa e pedinlle permiso a patroa. Eu tiña a habitación arriba. No que eran os faiados, que era onde vivíamos todas as serventas. Eran habitacións pero sen ducha. Eu pedinlle a patroa se podía asearme na ducha polo menos unha vez á semana. Foi ela a que me recomendou o libro de Baudelaire, Les fleurs du mal. Lía en francés e tomeino cunhas ganas tremendas. Aos seis meses de estar alí xa eu contestaba a teléfono, e un día a patroa díxome que as súas amigas felicitábana polo ben que eu contestaba ao teléfono. Ela era conferenciante de monumentos históricos, guía, e cando tiña traballo no centro de París, na Ille, levábame con ela. Mesmo deixaba a louza sen fregar. Esperando. Eu ía como visitante e se non entendía algo, tiña que facerlle un sinal coa cabeza para que ela se explicase con máis detalle. Aprendín, aprendín… e coñecín París. Levoume a Notre Dame, explicábame algunha pintura abstracta cun libro diante. Eu dicíalle: ‘Señora, eu só vexo manchas’ E ela contestaba: ‘E pensas que eu sei o que estou dicindo? Eu fíxome nos trazos, nas cores, só é iso…’ (…)
– A: Que é para vostede a condición de muller neste tempo?
– LF: A condición aínda é arrepiante. Temos aí unha explosión que foi en todo Estado e poderíase dicir no mundo… esa explosión contra La Manada. Porque a muller non é un obxecto sexual, non é de ninguén, é dela. Eu antes non era tan feminista, pero as situacións estannos levando a iso. E a Igrexa ten moita culpa. Non hai máis que escoitar a ese que vive como Deus, ao coidado de dúas monxiñas nun apartamento monumental… a Rouco. Que o coiden, pero que cale. Cando se descubriran abusos, dicía que eran aqueles neniños os que provocaban aos cregos. Aínda queren unha muller submisa, unha muller que non pense. (…)
– A: Que aprendeu da vida?
– LF: Da vida aprendo todos os días. A min que me negaron a escola. Eu estou aprendendo todos os días. Temos estes días mesmo uns recitais aí na Calderería que me encantan. Vexo esa xente nova… as inquedanzas, como escriben, como recitan. Sigo aprendendo. E comparto o que aprendín. En París sentín o amor á liberdade; a miña liberdade. Desde o sábado pola tarde até o luns eu non tiña que ir traballar. Iso para min foi… por primeira vez podía facer o que me petara co meu tempo. Pero xa lle digo, eu aprender aprendo todos os días, mesmo da morte, coma nese cadro: a morte vén preñada de vida.”

Luz Fandiño: “Eu pasei fame. E tamén pasei fame de ler”

Entrevista de Érik Dobaño a Luz Fandiño en Adiante.gal (fotografía: Nós Televisión, Youtube):
“(…) – Adiante.gal (A): Cando decide emigrar?
– Luz Fandiño (LF): A miña avoa tiña máis familia na Arxentina que aquí. Escribiron unha carta dúas curmás da miña nai. ‘Por qué no mandás a Lucita para acá?’ Dicían que con tres meses que traballara alá, aforraría para pasar ben o inverno e mandar cartos para que se curara. Bla, bla, bla… Isto foi no ano 50. Había a estreptomicina que estaba facendo milagres. Pero era o que dicía o médico: a nai faltáballe ao que outros lle sobraba. A nai e tamén a avoa choraran de rabia ao escoitar aquilo. E non eran de chorar… Eu fun moi chorona por conta propia… Velaí que fun falar por primeira vez co meu pai, a dicirlle que me reclamaban da Arxentina e que non tiñamos para os gastos. E dicíndolle que eu estaba pasando tamén fame. Foi un cabrón, un miserábel… porque a unha muller pódeselle perdelo amor, pero a unha filla non. Díxome que me daría mesmo un enxoval como se fora casar. ‘Non te preocupes’. Bla, bla, bla… Ao final fun cunha muda nunha maleta de cartón e cun plexiglás. (…)
– A: E como deu en empezar a escribir?
– LF: Estiven na Arxentina até 1963. E eses tres últimos anos tiven a sorte de descubrir a biblioteca do Centro Galego. Foi a primeira biblioteca na que entrei. Nunca entrara nunha. Foi en 1960. Nun dos corredores do edificio había un expositor cun libro aberto e un poema: O carro, de Cabanillas. Roda meu carriño roda/ pola meiga terra nosa/ que a miña ialma saudosa/ lonxe dela non se afai… Son fragmentos. Non me leves a Castela/ que non quero nada dela/ que arrenegou de nós… e remataba: E dille aos irmáns que atopes/ que nas mans dun home enteiro/ o estadullo carreteiro/ non lle ten medo ao fusil. Eu, coa sensibilidade que tiña naquela altura, dei en chorar. E convertinme naquel carro. (…)”

O 30 de abril sae Adiante.gal

Desde Adiante:
O luns 30 de abril abriremos as cinco fiestras do adiante.gal e empezaremos a publicar as nosas historias con regularidade. Nas seguintes semanas as entrevistas, as reportaxes e os artigos de opinión das nosas colaboradoras serán de acceso gratuíto, mais precisamos de vós para ir robustecendo o proxecto. Estes días abriremos tamén a porta das subscricións e nuns meses empezaremos a cobrar polos contidos, porque acreditamos que a independencia e a sustentación do xornal teñen que ser responsabilidade das xornalistas e das lectoras. (…)
Estas serán as modalidades de subscrición no inicio do adiante.gal:
o Subscritoras durante un ano
52 €
Acceso a todos os contidos da web | Publica e debate nos comentarios | Boletín quincenal de novas | Praza reservada nos actos públicos
o Dous anos de confianza
104 €
Acceso a todos os contidos da web | Publica e debate nos comentarios | Boletín quincenal de novas | Praza reservada nos actos públicos | Todas as publicacións en papel editadas
o Fai parte da Cooperativa desde agora
300 €
Todos os servizos de subscritora por dous anos | 248€ de contribución ao capital social | Dereito a voz de voto na Cooperativa | Todos os dereitos recollidos na lei galega.”