Lugo: presentación de Textículos dramáticos e posdramáticos, de Afonso Becerra de Becerreá

OAfonso Becerra venres 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama de Lugo (Avenida da Coruña, 21), preséntase Textículos dramáticos e posdramáticos, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. Despois da presentación, que estará a cargo de Ana Carreira Varela, representarase o espectáculo Womanizer, dirixido por Rubén Pérez Pombo, coa actuación de María Grandío e Brian Rodríguez Costas.

Afonso Becerra: “O teatro, ou é revolucionario, ou non é. Outra cousa é que consiga o que pretende”

EntrevistaAfonso Becerra de Montse Dopico a Afonso Becerra en Praza:
“(…) – Praza (P): “A min máncame ter que empregar o íntimo como contestación social”, dise nun dos textos [Textículos dramáticos e posdramáticos]. E ten bastante que ver co sentido de todo o libro…
– Afonso Becerra (AB): Non é que o libro sexa só iso, pero detrás del si hai esa intención xeral. Ten que ver con que as verdadeiras revolucións teñen que ver coa xente de a pé, coas revolucións micropolíticas que poden acabar salpicando o social. Este é un libro sobre o común. E cando pos o foco sobre o común pode transformarse, mostrarse como algo extraordinario. Nun encontro que pode ser casual atopas elementos fundamentais na relación entre as persoas, que é o que ao final é política: a maneira en que nos relacionamos con nós mesmos e respecto dos demais. (…)
– P: Este libro é como unha segunda parte de Dramatículas (Laiovento, 2010). Con el reivindicas que brevidade da letra, do texto, non é a brevidade teatral, porque a brevidade pode medrar en múltiples accións escénicas. Por que?
– Afonso Becerra (AB): Xa desde o título, Textículos dramáticos e posdramáticos, se fai referencia ao que é. O texto non é o centralizador da acción escénica, non centraliza o sentido do espectáculo. Son textos que bucan ser lidos, estar na mente do lector, pero o que máis desexan é subir a un escenario de teatro. Nas pezas de teatro posdramático, que son ‘Oxitocina’, ‘Teoría e práctica da discreción’, ‘É un dicir’, ‘Ti e un té’, o texto non centraliza o sentido, senón que é un material máis a integrarse na coreografía, a iluminación, a música, os obxectos… ‘Oxitocina’, por exemplo, imaxínoa como unha peza de danza, co texto por exemplo proxectado ou dito cunha voz en off. Neste tipo de textos a lóxica que funciona é máis asociativa que causal. E isto é outra cousa que na dramaturxia galega boto en falta. Eu fíxeno en ‘Crioxénese’, que é un texto que pasou desapercibido. Se te fixas, o teatro posdramático está marxinado nas programacións. O que se programa son pezas con historia e personaxes. Hai programadores que pensan que o espectador galego é parvo, que non vai entender unha peza posdramática. E iso non ten sentido. O teatro ten que vibrarte. Para contar historias é mellor o cine ou a novela. O teatro é empatía, comunicación enerxética, como dicía Artaud. De teatro posdramático falo tamén no último dos textos, ‘É un dicir’, que é teatro da teoría, como xa o era o último de Dramatículas. É un xeito de teatralizar a teoría. (…)”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 80

DesdeRGT 80 Cultura Galega:
Os “Amores prohibidos 2.0”. Unha obra de teatro creada especificamente para Internet, de Xesús Ron, ou Teatro e Adolescencia no LXVIII Festival d’Avignon, de Afonso Becerra de Becerreá son algúns dos contidos do número 80, correspondente ao outono, da Revista Galega de Teatro.”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 79

DesdeRevista Galega de Teatro 79 Cultura Galega:
“Un monográfico sobre Teatro e lingua, con traballos de María Xosé Queizán, Joan Giralt i Bailach e Afonso Becerra centra o número 79 da Revista Galega de Teatro que está xa á venda. Canda aisto, a entrega inclúe unha entrevista a Xosé Manuel Carballo Ferreiro da man de Antón Lamapereira, a tradución ao galego da peza Mata o teu alumno, de Carles Mallol ou un artigo sobre as tendencias na escenografía do teatro europeo. Ademais, na habitual sección de crítica repásanse as obras Que volvan as flores, Da Vinci tiña razón! e Symón Pédicrí. Ademais, tamén se repasan as últimas edicións de eventos como o Festival de Ribadavia, o Corpo(a)terra ou a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, entre outros.”

A Coruña: actos literarios destacados do domingo 3 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia domingo 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

13:00 h. Actividade infantil. Presentación do album ilustrado …3, 2, 1 … de Pepablo Patinho e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
13:00 h. Presentación do libro Textículos dramáticos, do escritor Afonso Becerra, publicado por Laiovento. Xunto co autor, participará no acto Francisco Pillado. Os actores Gloria Rico e Xosé Luís Bernal, Farruco, da Cia. TEP Teatro en Punto realizarán unha lectura dramatizada de textos do autor.
19:00 h. Dores Tembrás asinará na caseta de Editores Coruñeses.
19:00 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, do escritor Eduardo Sanches Maragoto, publicado por Edicións do Cumio.
20:00 h. Presentación do libro Escrito en cafeterías, de Miguel Anxo Murado, publicado por Galaxia.
21:00 h. Xabier López López asinará exemplares do seu libro 1989, publicado por Biblos Clube, na caseta de Editores Coruñeses.

Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 78

Desde Cultura Galega:
“A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo serviu o pasado venres 4 de xullo para presentar o número 78 da Revista Galega de Teatro. A publicación lanza a súa primeira entrega de 2014 a atender de xeito especial a escenografía, un ámbito no que conta con textos de Marta Pazos, Baltasar Patiño, Rodrigo Roel, Diego Valeiras e Tito Asorey, xunto a textos de Afonso Becerra e Camilo Franco. Críticas de producións recentes como As do peixe, Bye bye honey e Longa viaxe cara a noite complétanse cunha entrevista a Raquel Hernández e Pedro Fresneda con motivo do décimo aniversario do Teatro Ensalle. O volume está á venda por seis euros.”