A Coruña: Andrea Gagino Mato falará sobre Besta do seu sangue, de Emma Pedreira

O 20 de abril, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Santo André, 36, 1º), Andrea Gagino Mato falará de “Besta do seu sangue, de Emma Pedreira. A revisión do caso Romasanta desde a perspectiva de xénero”.
Os atributos asociados ao lobo están relacionados coa concepción patriarcal da masculinidade e o lobishome é a miúdo lido en clave masculina. Esta palestra explora o fenómeno da licantropía na cultura e na literatura galegas en relación co caso Romasanta —o primeiro asasino en serie galego— e coa novela de 2018 de Emma Pedreira, Besta do seu sangue, desde unha perspectiva feminista e de xénero.
Andrea Gagino Mato é graduada en Inglés pola University of South Wales e en Galego e en Inglés pola Universidade da Coruña.
Esta actividade forma parte do ciclo Aula aberta, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda en colaboración co grupo de investigación ILLA da Universidade da Coruña. Tátase dun espazo de divulgación e intercambio sobre temas de literatura e cultura galegas.
As persoas interesadas en asistir a esta presentación deberán anotarse no correo electrónico acab@mundo-r.com

A Coruña: presentación de Fuxidío mañá, de Rodrigo Osorio

“O 12 de abril, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo Andrés, 36, 1º), na Coruña, Rodrigo Osorio presenta Fuxidío mañá. No acto intervirán, ademais do autor, Laura Sánchez e Tono Galán, de Manchea, responsabeis do deseño, a maquetaxe e a impresión do poemario que falaran do seu obradoiro e da elaboración deste libro. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.”

A Coruña: conferencia “A proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais”, con Inma Doval Porto

O 23 de marzo, ás 19:30 h., na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Santo André, 36, 1º), dentro do ciclo Aula Aberta coa UDC, Inma Doval falaranos da proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais: catro casos representativos. A consolidación das redes sociais dixitais facilita a comunicación e a relación entre as persoas, ao tempo que supón a creación dun novo espazo público para a (re)presentación do Eu, en moitas ocasións, cun carácter performativo. Nesta palestra analizarase a proxección autoral de catro poetas galegas contemporáneas (Helena Villar Janeiro, Dores Tembrás, Afra Torrado e Estíbaliz Espinosa) nas redes sociais dixitais e como as utilizan para se (re)presentar ante a mirada dunha audiencia múltiple e heteroxénea e para crearen un espazo (auto)biográfico cohesivo para a elaboración e recuperación da memoria individual e colectiva. As autoras empregarán estas esferas públicas conectadas como lugares de ciber-activismo e empoderamento co obxectivo final de-construíren o discurso hexemónico. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.

A Coruña: presentación de Manar, de Lino Braxe

O 15 de marzo, ás 19:30 h, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, preséntase Manar, de Lino Braxe, publicado por Edicións Proscritas. No acto intervirán Alexandrina Fernández Otero, Sabela Hermida, Luma Gómez e Manuela Varela. As persoas asistentes a esta presentación levarán de agasallo un exemplar da publicación. Poden inscribirse aquí.

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2023 na Coruña

Estas son algunhas das fotografías do acto na Coruña do Día de Rosalía de Castro 2023, que tivo lugar o 23 de febreiro diante do Teatro Rosalía, organizado pola AELG e a A. C. Alexandre Bóveda, co apoio de CEDRO. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.