Sarria: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O mércores 20 de abril, ás 20:00 h., na Casa da Cultura de Sarria, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Agrupación Cultural Ergueitos presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG.

Sarria: o 7 de maio entrega do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Xerardo Quintiá

O sábado 7 de maio, a partir das 19:30 horas, no Hotel Alfonso IX de Sarria, celebrarase a festa da poesía coa entrega a Xerardo Quintiá o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, organizado pola A. C. Ergueitos, participarán os membros do xurado Chus Pato, Xiana Arias, Baldo Ramos, Xermán Arias e María Casar, contando con Francisco X. Fernández Naval como mantedor e as actuacións do músico Manu Clavijo e o mago Carlos Coira.

83 orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Pechado o prazo de recepción de orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño recibíronse 83 poemarios. O xuri está formado por Baldo Ramos, Chus Pato e Xiana Arias, actuando como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Xermán Arias, e como Secretaria a Presidenta da A. C. Ergueitos, María Casar, os dous con voz e sen voto. O ditame do xuri darase a coñecer o 26 de marzo nun acto aberto ao público no Salón de Actos do Concello de Sarria no que se procederá a abrir a plica da obra gañadora.

Lugo: presentación de Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 28 de xaneiro, ás 20:00 h., na Librería Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello, Marica Campo e María Casar. Organizado pola A. C. Ergueitos.

Sarria: Festival de Nadal da A. C. Ergueitos

O luns 27 de decembro, a partir das 18:30 h., na Casa da Cultura de Sarria, terá lugar o Festival de Nadal organizado pola A. C. Ergueitos, coa colaboración da Concellaría de Cultura de Sarria. Nel terán lugar as seguintes actividades:
Moita poesía, pouca diversión. Espectáculo poético-musical de Lucía Aldao e María Lado.
Vixilia en ausencia. Peza de danza da Compañía Sólodos Coreografía e intérpretes: Maruxa Salas e Erick Jiménez. Música: Mercedes Peón.
– Actuación de Lorena do Val: Piano e voz.
Pódese descargar o programa neste arquivo en .pdf: Festival de Nadal 2010 Ergueitos.

Sarria: Roteiro Literario-Artístico pola Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño

O luns 27 de xullo de 2009, ás 18:00 horas, en Aira Padrón (Samos) a Agrupación Cultural Ergueitos organiza un percorrido até a casa natal de Fiz Vergara en Santalla de Lóuzara. Irán parando en puntos do roteiro no que xa estean colocadas intervencións (Fernado Yáñez e Manuel Caamaño) ou nalgún outro nos que os traballos estean avanzados (Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Primitivo Lareu e Paco Pestana). A intención é converter o roteiro literario que fan cada ano pola Lóuzara Xabreira de Fiz Vergara nun parque escultórico que lembre ao poeta a través de poemas escollidos da súa obra con referencias xeográficas concretas do val de Lóuzara e das intervencións artísticas creadas tendo como base eses poemas, procurando incardinar as obras plásticas na paisaxe louzarina. A palabra poética asaltará aos camiñantes que percorran este roteiro e acompañará en paneis gravados ás intervencións dos artistas plásticos para que o visitante documente a xénese da intervención escultórica. O ceo, a auga do río e da Fonte da Cova e os soutos dos castiñeiros louzarinos serán as paredes, o teito e o chan dese museo aberto.

Indicacións de itinerario: dende Samos, despois de pasar diante do Mosteiro e rodealo cóllese a saída en dirección a Triacastela. A 1 km. hai un desvío á dereita sinalizado: Lóuzara. A 8 km. sen desviarse chegamos a Aira Padrón (só hai unha casa-restaurante cara a esquerda e unha rotonda). É o primeiro punto do roteiro. Desde aí baixase cara o val de Louzara.

Tempo aproximado da visita: 1, 5 horas

Contacto: María Casar Díaz, presidenta da A.C. Ergueitos. Tlf: 678 601 550 – 677 429 225