Xosé Manuel Lobato: “O Pico Sacro sempre foi espoliado, é un gran símbolo pero non está protexido”

Desde Sermos Galiza:
“Alvarellos e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio veñen de publicar Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, un libro coordinado por Xosé Manuel Lobato -presidente desta sociedade- e Miro Villar, que reúne a obra de noventa autores e autoras arredor deste outeiro. Inclúe textos éditos desde Marcial Valladares até Murguía, Suso de Toro ou María Solar; e inéditos xuntados para a ocasión, asinados por autoras como Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo ou Emma Pedreira.
Todo partiu desta asociación, que leva ben anos defendendo e divulgando os valores culturais asociados a este cume. Lobato explica a orixe do proxecto: “Para min é unha experiencia vital porque eu nacín mesmo na aba do Pico Sacro e desde sempre nas miñas lecturas observaba que practicamente todos os autores se referían ao Pico Sacro nas súas obras. Ese foi o aliciente para empezar a investigar e ao final publicamos este libro no que fixemos unha escolma do que hai publicado sobre este monte”.
E hoxe segue a ser unha referenza, afirma Lobato, tanto en obras literarias de Galiza coma de fóra, “porque neste libro temos colaboracións de Portugal e tamén obras tamén en español que traducimos”. E, alén desta obra, Lobato apunta dous libros recentes con presenza importante deste accidente xeográfico: Bótame deste mar fóra, de Ricardo Losada, ou Once portas, de Héctor Cajaraville. Aínda que quizais foi no tempo das Irmandades e do Seminario de Estudos Galegos cando máis atención se lle prestou, Lobato defende que hai probas da súa importancia xa desde os romanos, aparece no Códice Calixtino… “Eu sempre poño o mesmo exemplo: no preito Tabera-Fonseca de 1526 practicamente máis do 8% das testemuñas que declararon nese conflito coñecían o Pico, e moitas eran de lugares ben apartados como Lugo ou Tui”.
Un dos sucesos máis coñecidos arredor deste outeiro é a excursión de Castelao en xullo de 1924, cuxa crónica se glosa tamén no libro. E desde 2011 vense recuperando cun acto que a A. C. Vagalumes e O Galo organizan para lembrar esta visita (este ano será o 22 de xullo) e tamén o ‘Alba de Groria’ no que o rianxeiro dicía así: “Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro (…)”.

Alba de Gloria no Pico Sacro 2017, o sábado 22 de xullo

A Federación Galiza Cultura comezou a realizar este acto no 2011 no que se conmemorou o 125 aniversario de Castelao coa total ausencia e mesmo hostilidade das institucións políticas e culturais da Galiza e no marco dunha ofensiva contra a nosa lingua e cultura como non se sofrera desde había décadas.
Castelao tamén acudiu ao Pico Sacro no 1924 logo do golpe militar de Primo de Rivera no que quedaban proscritas a nosa lingua e cultura e paralizado o rexurdimento iniciado polas Irmandades da Fala. Naquela viaxe Castelao reafirmou a súa identificación cun espazo físico que foi soporte do espírito do noso pobo, un lugar sobre o que se ergueu unha identidade perseguida e negada. Por iso no exilio volveu a a este sitio cando escribiu o Alba de Gloria. E por iso nós volvemos sobre os seus pasos lendo o este discurso para conmemorar o día da Patria Galega, o Alba de Gloria, que leremos máis un ano, o sábado antes do 25 de xullo, no cumio do Pico Sacro.

Programa

12:00 h. Chegada ao Pico e concentración na fonte roubada do Pico Sacro.
12:30 h. Benvida na chaira da capela do Pico Sagro a cargo da escritora Marica Campo e a continuación subida do último treito deste monte.
12:45 h. Izado da bandeira. Lectura de Alba de Groria de Castelao por representantes das A. C. O Galo de Santiago, Papaventos de Vedra, O Castro de Vigo e Vagalumes da Estrada. Canto do himno galego e baixada con paradas nas dúas covas e explicacións a cargo de Iolanda Aldrei.
14:00 h. No adro da capela do Pico Sacro actuará o grupo de pandeiretas Raiola da A. C. Manuel Gacio de Lestedo, que este ano obtiveron o Premio Xacarandaina.
15:15 h. Xantar en “Casa Mosqueiro”, San Mamede de Rivadulla.
Escoller menú e anotarse aquí antes do 20 de xullo.

Roteiro
17:30 h. Saída de “Casa Mosqueiro”
Couto de Pesca de Ximonde.
Área de Agro Novo.
Casa-Museo da Pesca no río Ulla.
Dous edificios construidos a comezos do s. XX grazas á financiación das sociedades dos emigrantes en Arxentina.
Fervenza do rio Pereiro.

Compostela: presentación e palestra-debate arredor de Da identidade à norma, de Vítor Vaqueiro e Nicolás Xamardo

A cuarta feira 22 de febreiro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), Vítor Vaqueiro presenta o libro Da identidade à norma, editado por Laiovento, do que é autor xunto con Nicolás Xamardo. Nesta palestra-debate, organizada pola A. C. O Galo, participan tamén Marcos Maceira e Luís Gonçales Blasco, Foz.

Compostela: acto de entrega de Homenaxe a Manuel María, de Nolo Suárez, á Fundación Manuel María

O venres 10 de febreiro, ás 20:15 horas, no Espazo Enocultural Vide-Vide (Rúa Fonte de Santo Antonio, 5), en Santiago de Compostela, a Agrupación Cultural O Galo organiza o acto de entrega dunha carpeta de pinturas de Nolo Suárez á Fundación Manuel María. Homenaxe a Manuel María é un recoñecemento que lle realiza dita asociación ao poeta da Terra Cha. No acto, onde estará presente Saleta Goi, presidenta da Fundación, falará Alberte Ansede sobre o legado do escritor e Nolo Suárez sobre as pinturas que realizou para a carpeta, proxectándose, por último, un audiovisual sobre o poeta.