Pontevedra: presentación do monográfico Renacer á descuberta das palabras. María Victoria Moreno

“Renacer á descuberta das palabras”

Artigo de María Obelleiro en Sermos Galiza:
“De Nós. Monografías con perspectiva galega, a nova cabeceira que lanzou Sermos Galiza S.A. neste 2018, edita un novo número, dedicado á figura de María Victoria Moreno, a quen a Real Academia Galega decidiu homenaxear o Día das Letras Galegas do presente ano. Afondamos nunha publicación que, dado o seu valor literario e divulgativo, ficará na memoria.
Coordinado por Mercedes Queixas e Cesáreo Sánchez, secretaria e presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), sae do prelo o segundo número de De Nós. Monografías con perspectiva galega, a nova cabeceira editada por Sermos Galiza, S.A. con motivo do inicio de 2018. A través de oito textos, preténdese achegar unha idea de conxunto de quen foi María Victoria Moreno, explica Mercedes Queixas, quen sinala que o monográfico “recompila un breve argumentario expositivo dun perfil humano e literario moi amplo, moi diverso e moi vizoso que pode axudar a entender a calquera persoa cales foron as razóns que levaron a Academia a decidir que o Día das Letras Galegas de 2018 se centrase no coñecemento e na recuperación da figura de Mª Victoria Moreno, a cuarta muller en 55 anos de historia do Día das Letras Galegas”.
A coordinadora deste volume pon de manifesto que esta é unha “oportunidade histórica” para “recuperar unha voz da literatura galega que marcou moito o propio sistema literario” e advirte de que “quen a descobre por vez primeira percibe unha voz absolutamente en tempo presente, co cal se conclúe o seu carácter pioneiro, vangardista, adiantado do seu momento vital e de creación literaria”. “Unha muller culta que era coñecedora dos procesos de escritas e das inquedanzas culturais doutros países e que ela sempre intentaba importar para reactualizar conforme o noso propio criterio para a literatura galega”, engade.
Os textos
“O lectorado vai atopar oito colaboracións en que participan persoas moi achegadas a Mª Victoria e que conviviron con ela, mesmo nalgún caso sendo alumna –como é Fina Casalderrey– ou compartindo con ela proxectos comúns, como Antonio García Teijeiro, quen, xunto David Otero e a homenaxeada, foron responsábeis da posta en andamento da colección Árbore da editorial Galaxia, que era moi punteira á hora de difundir a literatura infantil e xuvenil en galego”, explica. “Vai atopar tamén colaboracións de persoas estudosas e biógrafas como Eli Ríos, quen fixera a primeira biografía adaptada a todos os públicos da editorial Urco, e agora tamén Montse Pena Presas, que presentou biografía de Mª Victoria Moreno en Galaxia este mesmo ano. Tamén vai atopar colaboracións de estudosas da obra ás que lles pedimos que fixesen un proceso de relectura e interpretación”, engade. Refírese a Susana Sánchez Arins, que se mergulla en Guedellas de seda e liño; a Marta Dacosta, que interpreta o conxunto da poesía ou a Carme Vidal, cunha análise do diario de enfermidade de Mª Victoria Moreno, Diario da luz e a sombra, un dos poucos exemplos dunha escrita biográfica destas características. Ademais, Mercedes Queixas asina unha peza en que analiza algunhas personaxes femininas poderosas na obra da escritora, “máxime se temos en conta as datas en que foron escritas”. Refírese ás claves feministas, de igualdade e de xustiza social de Onde o aire non era brisa e de Anagnórise.
Con esta monografía, salienta Queixas, que fai un especial énfase en agradecerlle á familia da homenaxeada a súa colaboración, “tratamos de convencer o noso lectorado para que unha vez remate o volume se incorpore á lectura da obra directa e viva de Mª Victoria Moreno”. (…)”