Texto lido por Gonzalo Hermo na mesa redonda Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O 3 de outubro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Gonzalo Hermo leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:

POESÍA É PRECARIEDADE

“Os teóricos da escola de Santiago veñen falando desde hai algún tempo de dúas disposicións ou habitus, na terminoloxía de Bourdieu, que compiten por monopolizar o capital do campo literario: unha disposición lírica e unha disposición non lírica. De acordo con Arturo Casas, o habitus non lírico recolle todas aquelas prácticas poéticas que presupoñen a refutación da chamada actitude lírica, entendida esta como a construción dun suxeito discursivo que dá conta dunha subxectividade ligada á doxa romántica. Os discursos non líricos son necesariamente heteroxéneos, xa que se caracterizan á negativa, pero poden ser perspectivados como unidade na medida en que funcionan no seu conxunto como contrapeso dos líricos. En termos de Foucault, o discurso lírico sería a potentia ou forza hexemónica, mentres que o non lírico desempeñaría o papel de potestas, a contra-forza que resiste e nivela o influxo da forza dominante.
Pois ben, a miña idea sobre o estado actual da poesía galega é que a potestas está en condicións de darlle a volta á relación de poder e tornarse potentia. Tomando como referencia a produción poética galega a partir do ano 2000, ano no que, non por acaso, Chus Pato lanzaba un clamoroso «adeus á lírica», percibo cada vez máis tentativas de ensaiar fórmulas non líricas para o poema. Digo tentativas porque nalgunhas ocasións os resultados son tímidos, ou inseguros, e isto explícase pola presenza dunha tradición monopolizada ata tal punto polo habitus lírico que este chegou a confundirse coa esencia mesma do poético. No entanto, si parece claro que existe un certo cansazo das formas de escrita vertebradas en torno ao mundo interior dun eu que facilmente puidese confundirse co poeta mesmo e, por conseguinte, unha estratexia encamiñada a remarcar as fronteiras entre a voz do poema e a voz do poeta.
Ollo, con isto non quero dicir que o salto ao non lírico se salve mediante un cambio pronominal. De feito, existen poéticas perfectamente líricas que se expresan desde un nós. Da mesma maneira, o uso da primeira persoa non implica que o resultado sexa lírico de seu e, de feito, moitos textos nos que estou pensando constrúense deste xeito. A diferenza radica en que na poesía non lírica ese eu dá conta do poema, non é o poema. O texto despraza «a centralidade enunciativa e enunciada do suxeito», o reflexo dunha «sentimentalidade vinculada ao coñecemento» –son palabras de Casas. Cabe aquí a contaminación discursiva, coa entrada de modalidades neo-épicas ou epizantes, dramáticas e ensaísticas, e aínda das non literarias, pero moitas veces son poemas onde o eu simplemente se esforza por levantar a vista do embigo.
Adopte a forma que adoptar, a emerxencia de poéticas non líricas ten as súas implicacións. Por unha banda, revela unha negativa a asumir a máxima posmoderna segundo a cal é imposible saír dos esquemas pautados pola tradición (aquilo que Vattimo chamaba «a fin da era da superación») e, consecuentemente, a actualización da noción de vangarda, non na dirección de recuperar as vellas vangardas históricas, senón como confianza en que a historia, tamén para a poesía, non morreu coa caída do muro de Berlín. Por outra, representa unha posibilidade de intervención no espazo socio-político (se é que tal acción é aínda posible a través do poema), na medida en que, ao sacar o xénero da dimensión autorreferencial, se facilita a posta en marcha de análises críticas da realidade non niveladas polo recurso ao singular e ao emocional.
É dicir, a hipótese que lanzo aquí é que a proxección de poéticas non líricas en Galicia pode estar en consonancia cunha toma de conciencia e un querer posicionarse a respecto da realidade por parte dos autores que as poñen en práctica. Talvez sexa activada por poetas que se saben e se recoñecen como suxeitos históricos, perfectamente transidos polo seu espazo e o seu tempo. Non hai maneira de escapar destas coordenadas, non se pode escribir desde fóra, por moito que se nos repita que a poesía é a arte do transcendente e o poeta, a poeta, unha especie de ente atemporal que comunica as esencias do humano. Falando desta cuestión con Francisco Cortegoso, dicíame el que o escritor é un «conservador do seu tempo». Pode fantasiar coa idea de que escribe sen pai, sen tempo e sen patria, pero a súa produción deixará igualmente rexistro de quen é seu pai, cal o seu tempo e onde a súa patria.
Ora ben, isto non quere dicir que a práctica lírica e a vontade de artellar un discurso de resistencia sexan incompatibles. Por poñer un exemplo, as poéticas feministas continúan a articularse en boa medida valéndose dunha actitude lírica, é dicir, construíndo un suxeito poético feminino que, mediante a expresión dunha subxectividade liberadora, vén entrar en concorrencia co réxime simbólico do patriarcado. Hai moitos outros exemplos, e a tradición literaria galega pode fornecérnolos sen ter que rabuñar de máis. Aí esta Rosalía, sen ir máis lonxe.
En todo caso, sexa mediante a configuración de discursos non líricos, sexa mediante discursos líricos, os elementos repertoriais da recente poesía galega dan a entender que os produtores, incluídos os poetas que se incorporan á actividade literaria no último decenio, non esquecen nin queren esquecen a condición subalterna da cultura da que agroman e cúmprense así a pauta sinalada por González-Millán segundo a cal os autores de literaturas periféricas móstranse máis receptivos a subverter as tradicións discursivas dos xéneros literarios, que son percibidos desta volta como dispositivos de poder que vehiculan unha tradición repertorial que terma do statu quo.
Isto é especialmente visible se o comparamos coas modalidades de poesía que se practican hoxe nos grandes centros de cultura. Ultimamente estiven atento ao que están escribindo poetas novos dos Estados Unidos. Non hai dúbida de que a miña visión do asunto é necesariamente incompleta, máxime cando parte da lectura de antoloxías e panoramas, pero a impresión que extraio é que estes autores mozos proxectan suxeitos poéticos que reflicten a súa percepción ante experiencias cotidianas que se viven como cruciais para a autoformación persoal ou ben reivindican aquelas escritas que senten como próximas, pero non por vía do intertexto, é dicir, mediante o diálogo con eses textos de referencia, senón sinxelamente como catálogo de predileccións, como inventario de fetiches. O cambio verdadeiro que eu detecto nos seus discursos a respecto de, por exemplo, os confesionalistas dos anos 50 e 60, é que, por primeira vez, interesa máis o efecto que o texto produce nos lectores, a imaxe que se proxecta da propia poética, que a poética en si mesma. Interesa a superficie, talvez porque a cultura da imaxe fixo o seu traballo ou ben porque se chegou á conclusión de que calquera tentativa de significación está abocada ao fracaso.
Isto é, a lírica predomina con clareza, mesmo que sexa modulada polo humor, e, ademais, trátase de lírica á que se lle poderían aplicar boa parte dos trazos característicos que Alberto Lema fixaba a semana pasada neste mesmo encontro para a novela posmoderna: predominio dunha primeira persoa que carece de identidade colectiva, preponderancia da ironía, presentismo ou ausencia de profundidade histórica, renuncia ao proxecto que representaron as vangardas, ausencia de conflito de clases, etc.
En Galicia comezan a albiscarse retallos de poéticas máis ou menos afíns, pero, se atendemos á obra dos poetas que foron aparecendo dun tempo a esta parte, xusto é dicir que andan noutra cousa. E digo eu que a barbarie coa que nos obrigan a tragar a diario algo terá que ver con isto.
Ocórreseme, mesmo, que a vangarda ben puidese estar aquí, a este lado do mapa, onde cada vez é máis xeral a sensación de que a posmodernidade, tamén a posmodernidade estética, foi un mal soño que cómpre esquecer. Mentres tanto, nas capitais do imperio algúns continuarán a escribir poemas convencidos de que a realidade é un texto e que nada máis importa.
A precariedade conta coa vantaxe de que serve para manter os ollos abertos. Algo bo tiña que ter.”

Crónica da mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“E despois da posmodernidade que? Camiñar cara adiante pero coa vista posta nun pasado de modernidade ou explorar novas vías que rachen co presente, fornecendo novas vangardas? Sexa como sexa, semella que en plena crise péchase un ciclo tamén para a arte, pero neste punto (seguido ou final) sempre se abren novas fiestras, as que agora explora unha nova xeración de escritores que son os que protagonizan a oitava edición do Ciclo Escritoras-es na Universidade, que este venres comezou na Facultade de Filoloxía e Tradución. Serán en total tres mesas redondas con creadores mozos, arredor da trintena, “con discursos novos que viven a precariedade como man de obra excedente”, como explicaba na apertura da sesión a escritora e profesora Rexina Vega, que coordina esta iniciativa. “Vivimos nun estado de demolición no que caen cada vez máis bombas”, apuntaba, “pero debemos fuxir do vitimismo e apostar pola universidade como campo de batalla”, un campo de batalla en defensa e reivindicación da literatura galega, “desamparada polas institucións”. E este é o obxectivo do ciclo de mesas redondas, unhas das escasas ventás á literatura galega, que contou no seu acto de apertura coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que lembrou que este 26 de setembro, se celebra o Día Europeo das Linguas. A decana do centro, Rosa Pérez, que tamén asistiu ao acto de inauguración, agradeceu á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Xunta de Galicia, entidades organizadoras xunto coa Universidade de Vigo, a súa colaboración nunhas xornadas “que serán de gran proveito para todos e nas que aprenderemos moito”.
Presentados por Iria Presas, estudante do grao en Estudos de Galego e Español, os escritores Alberto Lema e Samuel Solleiro fixeron un percorrido pola historia que desembocou na posmodernidade pero tamén polas novas vías que se abren tras ela. Lema, autor de obras como Unha puta percorre Europa ou Plan de fuga, remontouse séculos atrás para analizar como o devir da historia foi dando paso a diversos movementos artísticos e, en concreto, á posmodernidade, que mesmo comparou co Renacemento pero que “lonxe dunha misión redentora está directamente relacionada cos obxectos de consumo”. É, sen dúbida, o de posmodernidade un concepto vago do que, como explicaba Solleiro, “todos opinan pero ninguén se atreve a definir”, aínda que Alberto Lema se animou a dar varias pinceladas: “na novela posmoderma predomina a primeira persoa, unha primeira persoa que carece de identidade colectiva, cargada de ironía, na que todo sucede na distancia e na que non hai heróes, sen profundidade histórica, nun presente perpetuo e cunha importante presenza do xénero apocalíptico e de paisaxes catastróficas”. Pero a pregunta é “que podemos facer os escritores ante o fin da posmodermidade?” Para Lema deben comezar a “tomar conciencia do contido ideolóxico, identificar que a estética dominante é reaccionaria e tomar conciencia da historia, pero o fin do posmodernismo non pode ser unha volta á modernidade”, concluíu.
Para Solleiro, que conta entre as súas obras títulos como Elexías a deus e ao diaño, DZ ou o libro do esperma e Gran tiburón branco, destaca que “a crise da posmodernidade, igual que a crise da universidade, é a crise do coñecemento especulativo” e incidía en que características súas como a ironía ou o cinismo, están xa institucionalizadas, estandarizadas, polo que sería preciso rachar con elas, e mesmo percibe un ton reaccionario na época posmoderna actual. Ante ela, avoga por loitar contra a sobreinterpretación, por apostar pola sinxeleza e fuxir dos dobres sentidos. Pero esa páxina da historia está por escribir e tamén por bautizar…”

Texto lido por Alberto Lema na mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O 24 de setembro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Ser ou non ser posmoderno?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Alberto Lema leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:

Sobre a Posmodernidade

“Cando Lyotard escribiu o seu célebre texto A condición posmoderna hai xa corenta anos non estaba a celebrar a fin da historia, nin da loita de clases ou das ideoloxías, para iso aínda faltaban case vinte anos, ata a publicación en 1992 de A fin da historia e o último home de Fukuyama. O que fixo Lyotard foi describir un desprazamento nos gustos dos estudantes universitarios canadenses dos setenta que se confesaban aborrecidos dos metarrelatos, un concepto problemático por vago e plurívoco, como tamén o é o de Posmoderndade, pero que viría a ser algo así como aquelas narracións que pretenden transmitir unha unidade de sentido totalizadora e un horizonte de emancipación, como acontece, poñamos por caso, en Cien años de soledad. Unidade de sentido, totalidade, emancipación… son todos eles conceptos que entraran en crise co devalo do 68, conceptos dos que Foucault, continuando a demolición de Nietszche, denunciara por reaccionarios, delirios da Razón burguesa occidental, da que o marxismo era un fillo non exactamente espurio, e que portaban canda si novos procesos de exclusión, control e encerro. Os principios da Razón Universal eran concibidos, logo, coma exércitos en misión de conquista, sometemento e colonización da Diferenza, pois nesta idade da que falamos, principios dos setenta, as políticas da igualdade, esa liña histórica que vai de 1789 a 1968, perderan todo o seu prestixio fronte ás políticas da diferenza, as das minorías sexuais, raciais e xenéricas que son as que aínda hoxe ocupan o centro do debate. Lyotard o que fixo, pois, foi simplemente pórlle nome a algo que xa estaba alí, a Posmodernidade.
Entón como podemos facer para analizar en menos dunha hora este fenómeno da posmodernidade que aparece decote relacionado con outros como o de Globalización, capitalismo serodio, fin da historia, crise do suxeito, cultura pop ou a morte de deus?
Como vedes, este sería un programa de estudos digno dun par de trimestres ou, cando menos, dun deses cursos de posgrao cos que embelecer o currículum e contribuír ao negocio da privatización do saber. Advertimos, antes de empezar, que non temos afán de sistematicidade ningún, nin de cohesión, non vai haber notas a pé de páxina, nin bibliografía consultada.  Seremos necesariamente redutores, esquemáticos e moi aventurados nas conclusións. Alá imos.
A Posmodernidade maniféstase como unha forma cultural produto dunha morea de transformacións sociais, tecnolóxicas e históricas que se foron producindo ao longo dos últimos corenta anos e que supoñen unha creba na administración do saber, a cultura e a arte só comparable á acontecida durante o Renacemento. O que resulta diferente neste caso, é que a Posmodernidade non ten misión redentora ningunha, non hai regreso ao Home nin á Razón,á Natureza ou á Liberdade, a Posmodernidade interésalle máis ben a relación do home cos obxectos de consumo, como predicir e manipulara súa demanda de novas mercadorías. Na era posmoderna, non é que a arte se sometese finalmente ao Mercado, é que nada existe fóra do Mercado. A arte, en palabras de Walter Benjamin, xa perdera a súa aura na era da reprodución en masa, é dicir, durante o primeiro terzo do século XX, no capitalismo fordista, e máis adiante, cando aparezan Duchamp e Andy Warhol, perderá o que lle restaba de sagrado: a noción de autor, orixinalidade, traballo aplicado.
Pero ben, antes de proseguir fagamos unha breve panorámica histórica, necesariamente esquemática pero axeitada, espero, aos fins propostos. No momento de partida, aló contra o século XVI, temos unha pequena elite intelectual que racha co monopolio do saber da Igrexa e, grazas á imprenta, inicia o maior proceso de democratización da cultura coñecido ata ese momento. Estas elites divídense en dúas faccións: unha conservadora que pretende manter o pobo separado do Saber, ou mellor dito, pretende manter o pobo separado do acceso a un saber non regulado por eles. Esta facción reaccionaria adoita ser católica en materia de relixión, e absolutista en política. A outra facción si está interesada en espallar o saber, que neste momento histórico equivale a tirar edicións masivas da Biblia, son máis ben evanxélicos en relixión, é dicir, protestantes, e republicanos en materia política. A Biblia que farán circular en masa estará depurada de intervencións interesadas romanas, e admitirase, mellor dito, promoverase unha lectura directa e sen intermediarios das Sagradas Escrituras. Isto vai dar lugar a unha auténtica revolución cultural pois, por un lado, torna superfluo o papel dos sacerdotes que ata ese momento eran os garantes da única lectura lexítima dos textos, e por outra parte, posibilita interpretacións moi radicais e perigosas dos evanxeos que postulan, por caso, a igualdade radical entre os homes.
Desta segunda póla nacerán, pasados dous séculos, as Luces, pois, se a palabra de deus fora deturpada polos Papas para o seu proveito, como podían os reis absolutos seguir a reclamar o seu dereito á coroa pola graza divina? Esta é a pregunta Ilustrada por excelencia: por que nos gobernan como nos gobernan.
Ademais diso, no interior desta facción evanxélica, os conflitos da Fe coa Razón resólvense maiormente en favor da segunda, aínda que non sempre, como ben sabemos polo caso Darwin, e isto posibilita un maior desenvolvemento técnico destes países libres de obediencia ao Papa e ao Índice da Inquisición, que co paso do tempo dará lugar á Revolución Industrial.
Pensemos agora no caso de Rousseau. El defende que todos os homes nacen iguais -e cando digo homes refírome en exclusiva á parte masculina da humanidade, ás mulleres aínda non lles foi recoñecida esta igualdade- dotados dunha Razón que os fai libres e propensos a escolleren o Ben mor da súa bondade innata Esta concepción do home, como se pode prever, era moi dificilmente compatible coa monarquía absoluta e os privilexios da nobreza. Vitoriosa a Revolución, Napoleón espalla coa baioneta este novo credo por toda Europa en loita aberta coa Igrexa e o Antigo Réxime. Esta guerra entre a burguesía liberal ilustrada e o Antigo Réxime aristocrático e relixioso dura aproximadamente todo o século XIX, e, finalmente, remata coa derrota do bando aristocrático, cando menos en Europa, en España isto tardará máis tempo en acontecer, e o resultado da Guerra Civil prolongou aínda uns decenios máis o século XIX en España.
Os artistas e intelectuais do bando vitorioso, pola súa parte, divídese en dous. Por un lado, a súa facción máis progresista alíase co proletariado dando lugar a unha morea de filosofías igualitaristas: como os sansimonianos, os fourieristas, os cabetianos nun primeiro momento, e os anarquistas e comunistas máis adiante. A outra facción establece unha alianza coa burguesía triunfante a quen lle ofrece o produto do seu traballo, ou, por expresalo en termos althusserianos, transfórmase no seu aparato ideolóxico. Por suposto, esta liña divisoria non é tan sólida como poida parecer, é máis ben porosa, e un escritor que en principio pretende escribir para un bando, pode servir sen querelo os fins do contrario, como sucede nos casos de Víctor Hugo, Balzac, Dickens. En todo caso, son todos unha elite intelectual que transmite unha visión do mundo unificada aos seus lectores, e que denuncia en moitos casos, as malas condicións de vida dos proletarios durante o primeiro capitalismo. Os de abaixo, por suposto,tamén producen a súa parte, pero esta non aparece, polo xeral, nas antoloxías, aínda que o esforzo de Rancière ou E. P. Thompson nos últimos tempos están a mudar esta concepción. A facción pro-burguesa dos intelectuais e artistas divídese a si mesmo en dúas partes, e desculpen tanta ramificación: unha elitista que vai practicar a arte pola arte (Flaubert, Baudelaire, Mallarmé), e outra de masas que vai producir para o gran público, como foron os irmáns Dumas ou o devandito Dickens. Desta segunda póla de produción cultural en masa orientada ao gran consumo nacerá, practicamente un século despois, a Posmodernidade.
E así chegamos ao século XX. O que coñecemos por Modernismo é a arte que practica a facción de “arte pola arte” da arte burguesa. O que coñecemos por Vangardas procede, na súa meirande parte, dos artistas que se dirixen ao proletariado, xa non coa idea de educalo, senón de crear un arte novo, antiburgués, revolucionario, orientado a un pobo futuro aínda por se manifestar. Ao mesmo tempo prodúcese, grazas aos novos medios técnicos, un verdadeiro salto cualitativo na capacidade das novas ferramentas tecnolóxicas para reproducir e espallar os produtos culturais. Invéntase a fotografía, o cine, a radio, edítanse miles de xornais, libros, panfletos… esta superprodución de bens de consumo artístico supón tamén, grazas á deflación consecuente, unha grande ampliación do público con capacidade para acceder a eles.
Entón chega a experiencia da I Guerra Mundial e da Revolución Rusa. A experiencia do horror da gran guerra supón a creba definitiva na confianza dos valores da burguesía ilustrada, que é practicamente varrida do escenario político durante os anos trinta e substituída polo Fascismo. Da outra parte, están os artistas fieis á promesa derivada do acontecemento de Outubro e que agora semella máis próxima ca nunca: a dunha sociedade sen explotación.
Finalizada a II Guerra Mundial co resultado que coñecemos, dá comezo unha Guerra Fría na que se enfrontan o Capital, que absorbeu para o seu bando no combate ideolóxico os restos do fascismo (lembremos os casos Heidegger ou Jung), e o Comunismo, que recruta para as súas filas unha morea de artistas e intelectuais que non son unicamente comunistas pero que, malia a todo, se aliñan con este bando, o que lle permite acadar unha hexemonía cultural que vai durar ata a chegada da Posmodernidade.
Neste tempo empeza a producirse no campo Occidental -grazas á gran potencia difusora dos novos medios de información e, nomeadamente, da televisión, a maior ferramenta de propaganda e control ideolóxico xamais inventada- un fenómeno que contra os anos noventa pasará a chamarse Globalización, pero que neste momento, a mediados dos anos cincuenta, aínda non ten nome, e consiste na distribución a escala planetaria de bens culturais producidos nomeadamente nos Estados Unidos que máis tarde pasarán a ser chamados cultura popular, ou Pop, pero que, en realidade, son puro folklore norteamericano producido e distribuído en masa. Este tamén é tempo do que Hobbsbawn chama a Idade Dourada da economía capitalista que experimenta, mellor dito, fomenta, unha suba espectacular mediante o creto no campo da demanda.
E nestas condicións chegamos á Guerra do Vietnam e Maio do 68 que podemos considerar como os dous derradeiros momentos de dominación intelectual, política e artística da esquerda que, a partir de entón, perde definitivamente a hexemonía cultural. Estamos no mediodía da cultura do hedonismo e o consumismo. A mocidade dos países capitalistas empeza a estar convencida de que vive no mellor dos mundos posibles, e esta impresión vese reforzada coa caída do Muro en 1989. Dez anos máis tarde todo o mundo ten un móbil e un computador persoal, Fukuyama publica A fin da historia e o último home en 1992, e abofé que parece ter toda a razón.
É o momento ideal para o reinado do superhome nietszcheano que xa non ten máis a obriga de se comportar como deus manda. Os novos filósofos, Baudrillard, Vattimo, espallan a boa nova da cultura do espectáculo e do simulacro, do capitalismo cognitivo e da fin da loita de clases. A grande obra literaria deste momento é American Psycho, de Brett Easton Ellis. A aparición da Rede vén a incrementar aínda máis, o monopolio tecnolóxico e cultural anglo-norteamericano, malia a que Manuel Castells edificase esas marabillosas utopías cibernéticas segundo as cales a horizontalidade e a multiplicación dos centros son a conclusión ineludible da expansión da Rede, hoxe vemos, como acaba de demostrar moi graficamente o caso Snowden, que o tráfico na Rede está practicamente nas mans de tres ou catro oligopolios norteamericanos  que son os que deseñan a súa estrutura fundamental, os filtros de censura e as liñas de fuga.

Que trazos definen entón a novela posmoderna?
1. O predominio da primeira persoa. Coa caída dos metarrelatos, tamén decaeu o ideal de verdade e, por tanto, os puntos de vista omniscientes.
2. Esta primeira persoa que fala carece de identidade colectiva. Polo xeral, non forma parte dun grupo de acción política, senón máis ben, dun grupo de consumo, é dicir, dunha tribo máis ou menos urbanizada, da que se detallan os seus signos de identidade e ritos de pasaxe.
3. A ironía. Nada semella acontecerlle realmente ao narrador-personaxe. Non hai experiencia da dor propia ou allea. Todo sucede nunha distancia que torna o outro descoñecido, fantasma ou fetiche.
4.  O presentismo. Non hai profundidade histórica, os personaxes parecen aboiar nun presente perpetuo. O retroceso na Historia suporía a ameaza segura de se topar cun metarrelato, é dicir, no caso español, coa Guerra Civil.
5. Non hai conflito de clase. O narrador personaxe pertence a esa categoría ilusoria chamada clase media que se caracteriza por non ter problemas de cartos.
6. Non hai vangarda, hai orixinalidade. O mercado é a única medida obxectiva de valor, e como experimentalismo repele o gusto medio, é frecuente a caída no uso de formas caducas e anacrónicas mais supostamente seguras por accesibles.
7. Non hai heroe. Xa non digamos heroe socialista, non hai heroe tampouco á forma do Dandy baudelairiano, o flaneur que pasea pola cidade observando o que acontece e dedicado a unha vida monacal de culto estético.
8. O xénero apocalíptico. Se o Modernismo foi o tempo das distopías producidas polos pesadelos da Razón, os mundos post-apocalípticos resultado dunha catástrofe ecolóxica, ou dun colapso da civilización é unha da paisaxes características deste tempo.

Que sucede hoxe?
En Occidente e nos países do chamado Primeiro Mundo, a Crise do 2008 rematou coa ficción da fin da historia pola superación das contradicións internas do Capital. A realidade reprimida da explotación e a exclusión regresa con máis forza ca nunca: perda de dereitos laborais, infratraballos, precariato, desemprego, endebedamento masivo das familias, endebedamento masivo do estado para socializar as perdas da banca e das grandes corporacións… o que sucede hoxe, a diferenza de noutros momentos históricos, é que non existe un horizonte de emancipación colectivo compartido por moitos polo que loitar. A esquerda parece acharse agora nun estado de parálise e pesimismo diante da magnitude dunha catástrofe ante a que se sinte incapaz de dar resposta.

Que facer?
Pensamos que, despois do antedito, o escritor ou escritora que queira escribir atendendo ao mandato rimbaudiano de sermos completamente modernos, debería empezar, en primeiro lugar, por tomar conciencia do contido ideolóxico que porta a Posmodernidade que vimos de describir, é dicir, tomar conciencia do feito de que a actual estética dominante é, en realidade, reaccionaria.
En segundo lugar, tras o acontecido no século XX, o escritor non pode  considerar máis a historia como un proceso alleo á nosa vontade e condenado a se realizar de xeito hegeliano. A historia da literatura, como dixeron Bertolt Brecht e Walter Benjamin, é tamén a historia da loita de clases. Non existen espazos fóra do mapa desde os que escribir libremente e exentos de responsabilidade ante  que acontece.
Dicía Zizek en Repetir Lenin, que a saída da Posmodernidade non pode resultar nun regreso aos postulados da Modernidade. Non podemos escribir outra vez novelas de realismo crítico nin obras de teatro épico nin poesía social sen incorrer na repetición, no anacronismo.
Non sabemos dicir nós tampouco que forma exacta terá a literatura que responda aos mandatos de Rimbaud, de Brecht e de Benjamin, pero si estamos seguros de que non poderemos escribir sen tratar de darlles resposta.”

Vigo: mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O xoves 26 de setembro comeza o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A partir das 12:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, coa presenza do Secretario xeral de política lingüística, Valentín García, da escritora Rexina Vega, vogal da AELG en Vigo, e da Decana da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, María Rosa Pérez Rodríguez, iniciarán o ciclo conversando sobre a relación coa posmodernidade Alberto Lema e Samuel Solleiro, baixo o título: Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados.

Vigo: VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Unha outra literatura para un outro tempo

Do 26 de setembro ao 7 de novembro terá lugar o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Terá lugar a partir das 12:00 horas dos días sinalados, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

26 de setembro. Narrativa.
Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados. Con Alberto Lema e Samuel Solleiro.
Sobre a relación coa posmodernidade.

3 de outubro. Poesía.
Furia estratéxica para un tempo salvaxe? Precariedade e poesía. Con Berta Dávila e Gonzalo Hermo.
Da incidencia da situación económica e política no modo en como se concibe o discurso poético.

7 de novembro. Teatro.
Teatro impuro para tempos bastardos. Con Antía Otero e Vanesa Sotelo.
Sobre o hibridismo de linguaxes nas novas tendencias escénicas.

Coñécense os finalistas do XIX Premio Arcebispo San Clemente

Desde Cultura Galega:
“Os organizadores do XIX Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, que outorgan alumnos de institutos de toda Galicia, daban a coñecer os finalistas desta edición. Ademais, adiantaron que o vindeiro 14 de marzo se celebrará a entrega dos galardóns do pasado ano, un acto que levará a Compostela a Xavier Queipo, Marina Mayoral e Peter Stamm. Os finalistas en lingua galega son:
– Pedro Feijoo, por Os fillos do mar.
– Alberto Lema, por Da máquina.
– María Lorenzo e Manuel Lorenzo, por Tonas de laranxa.”

Vigo: presentación de Da Máquina, de Alberto Lema

O venres 28 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro Socio-Cultural Bou Eva (Rúa Tercio de fóra, 11, baixo A) de Vigo, preséntase a novela Da Máquina, publicado en Galaxia. Xunto ao autor, interveñen Carlos Lema, Iago Castro e Francisco Sampedro.

Alberto Lema: “Aposto nas novelas pola vía da esaxeración á hora de propoñer unha solución política abertamente revolucionaria”

Entrevista a Alberto Lema en Praza:
“(…) – Praza (P): En Da Máquina morren os nove homes máis ricos do mundo. En Unha puta percorre Europa morrían os homes prostituidores. Os dous libros son como un xeito de contestación, cargada de retranca, á opresión da clase traballadora (que no caso de Unha puta percorre Europa é tamén opresión patriarcal). Definirías así estas dúas novelas?
– Alberto Lema (AL): Si, nestas novelas apóstase pola vía da esaxeración á hora de amosar a relación entre as clases, así como tamén á hora de propoñer unha solución política abertamente revolucionaria. Un pouco na liña histórica de A modesta proposición de Swift, que botaba man tamén da esaxeración á hora de formular unha solución política ao problema da fame en Irlanda, por citar un caso memorable. (…)
– P: Non son, tampouco, personaxes planos. Non hai o mundo de bos e malos. En Unha puta percorre Europa unha das asasinas ten dúbidas, outra muller ponse ao servizo do goberno na súa campaña falseadora da realidade… En Da Máquina os soldados están nada menos que namorados da máquina xusticieira, e dalgún xeito son enganados por ela. Hai tamén contrastes entre os personaxes: o realismo de Estevo contra a ilusión utópica de Sabela, que despois parecen dar a volta… Como concibiches eses contrastes entre os principais personaxes?
– AL: Os personaxes están baseados en xente que coñecín, xente que me gustaría coñecer e xente que me gustaría que existise. Non sigo un patrón á hora de construílos e para min segue a ser un misterio o proceso polo que os críticos catalogan un personaxe como redondo ou plano. Deberían facer públicos un día os seus baremos para que así poidamos ter algún xeito de achanzar un pouco os nosos personaxes, ou de darlles uns quiliños máis de vida interior, segundo o caso. (…)”

Alberto Lema: “A cultura da normalidade rematou”

Entrevista a Alberto Lema en El País:
“O real é racional, relacional e viral, no proxecto narrativo de Alberto Lema. Na súa terceira novela, Da Máquina (Galaxia, en castelán Caballo de Troya), o computador que xogou ao xadrez con Kasparov (Deep Blue) adquire conciencia e infecta a organización do mundo. Instruíndo, pola vía da sedución, a un exército de ultraesquerdistas afeitos ao chat. Hai operarios da CIA, policía galega, precarios que nunca poderán aburguesarse e acaban morrendo millonarios do téxtil. Entre o policíaco, a novela de pensamento e retallos da sci-fi, pero nun presente adicto ás profecías ominosas. “Interésame transmitir a idea ou posibilidade dunha acción política”, di Lema (Vimianzo, 1975), que non afirma nada. Na boca dun personaxe: “Desta vez parece que o temporal non escampa”. (…)”.

Tomar a literatura por Asalto

Reportaxe en Praza pública:
“A literatura non só serve para chamar ao sono antes de durmir. A palabra pode mobilizar, retar, falar do cotián e poñelo en cuestión. Asalto é un proceso de creación colectiva, un experimento de escrita colectiva “que actúe como punto de apoio ou panca na organización do descontento”. Polo momento, o texto colectivo de Asalto contén achegas de Xiana Arias, Elena Cabrera, Natalia Carrero, Colectivo Todoazen, Roberto Enríquez, Belén Gopegui, Alberto Lema, Antonio Martín, Guillem Martínez, Elvira Navarro, Eider Rodríguez, Daniel Salgado, Gonzalo Torné ou Nacho Vegas. (…)
– Praza: A literatura constrúe espazos de resistencia. É iso abondo?
– Alberto Lema: A literatura como resistencia é un placebo coa que algúns escritores tratamos de aliviar a nosa irrelevancia. A literatura, nalgúns casos, pode apostar pola utopía, unha ficción na que se consolar do inferno realmente existente.
– Xiana Arias: Abondo para que? Para resistir ao fascismo? Para soster a educación pública, a sanidade pública, o dereito á vivenda…? Para conversar coa traballadora do Inem cando che comenta que o mellor que podes facer é marchar da Galiza? Para parar a incineradora do Irixo? A literatura é literatura.
– Daniel Salgado: Non sei exactamente que significa “construír espazos de resistencia”. A literatura tropeza coas ideas de quen a le. E non, non é abondo. Abondo, ou polo menos o comezo do abondo, sería unha folga xeral indefinida en toda Europa. Iso tamén é literatura. (…)”.