Cuestionario Proust: Alberto Lema

DesdeAlberto Lema o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alberto Lema:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O exceso.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A contención.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Só os norteamericanos se preocupan pola felicidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non obedecer o meu daimon.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha balea, sen dúbida.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha república galega e socialista.
10.– A súa cor favorita?
– Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A mandrágora.
12.– O paxaro que prefire?
-O corvo, por suposto.
13.– A súa devoción na prosa?
– Otero.
14.– E na poesía?
Ferrín.
15.– Un libro?
A broma infinita.
16.– Un heroe de ficción?
– John Silver.
17.– Unha heroína?
– Emma Bovary.
18.– A súa música favorita?
– O rock.
19.– Na pintura?
– As abstraccións.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Malcolm X.
21.– O seu nome favorito?
– Gundar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O abuso.
23.– O que máis odia?
– O abuso.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Oído musical.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sabendo que está a pasar.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A ansiedade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os meus.
30.– Un lema na súa vida?
– Daremos feito.”

A Coruña: presentación de Galiza, um Povo Sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira

AHelena Míguez Carballeira Galiza um Povo Sentimental? sexta-feira, 5 de decembro, ás 20:00 horas, na Linda Rama (Rúa Porta de Aires, 4, baixo) da Coruña, preséntase Galiza, um Povo Sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Helena Miguélez-Carballeira, publicada por Através, editado orixinalmente en inglés, con tradución de Fernando Vásquez Corredoira. No acto, xunto á autora, participa Alberto Lema.

Taboleiro do libro galego XXVII (outubro 2014), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un mes máis chegan as referencias ás novidades editoriais en lingua galega máis vendidas ao longo do pasado mes. O meu agradecemento ás once librarías colaboradoras que, cos seus datos, constrúen estas listaxes: Paz,  Suévia, Miranda,  Biblos,  Andel,  Cartabón,  Libros para soñar, Couceiro, Librouro, Aira das Letras e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
2º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
3º-. Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, Xerais.
4º-. 55, de Xavier Queipo, Xerais.
5º-. Olympia Ring, 1934, de Xabier López, Galaxia.
6º-. Jude o escuro, de Thomas Hardy, Hugin e Munin (tradución Mª Fe González).

POESÍA
-. Anamnese, de Eli Ríos, Sotelo Blanco.
2º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
3º-. Remontar o río, de Helena Villar, Tirar do fío Edicións.
4º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
5º-. Crónica do chan, de Alberto Lema, Corsárias.

ENSAIO-TEATRO
-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
2º-. Bibliotecarias e bibliotecarios infames, de F. X. Redondo Abal, Laiovento.
3º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.

XUVENIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Xerais.
-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
-. O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, Xerais.
-. O Gran Reino, de Eduardo Santiago, Xerais.
-. Debuxos no muro, de Aurora Ruá, Galaxia.

INFANTIL
-. Miau, de Antonio Rubio e Óscar Villán, Kalandraka.
-. Nicomedes o pelado, de Pinto & Chinto, Kalandraka.
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.

LIBROS CD-DVD
-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Unha viaxe polo mundo, de As Maimiñas, Galaxia.
4º-. Cantos animais, de Susa Herrera e María Noel Toledo.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Cidade de Cristal, de Paul Auster, El Patito Editorial (adaptación ao cómic: Paul Karasik; debuxos: David Mazzucchelli; tradución: Xavier Queipo).
3º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

Radiocrítica do 06-10-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 6 de outubro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva da tradución de A volta do xove príncipe, de Alejandro Roemmers, realizada por Luís González Tosar (I, 0:10); a tradución de John Rutherford dos Halos, de Xosé María Díaz Castro (I, 7: 27; II); tamén sobre De como Chispo, o esquío, puido co frío, de Toño Núñez, ilustrado por Xosé Tomás (II, 4:09) e, finalmente, sobre Crónica do chan, de Alberto Lema (III), do que recito un poema.

Texto lido por Gonzalo Hermo na mesa redonda Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O 3 de outubro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Gonzalo Hermo leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:

POESÍA É PRECARIEDADE

“Os teóricos da escola de Santiago veñen falando desde hai algún tempo de dúas disposicións ou habitus, na terminoloxía de Bourdieu, que compiten por monopolizar o capital do campo literario: unha disposición lírica e unha disposición non lírica. De acordo con Arturo Casas, o habitus non lírico recolle todas aquelas prácticas poéticas que presupoñen a refutación da chamada actitude lírica, entendida esta como a construción dun suxeito discursivo que dá conta dunha subxectividade ligada á doxa romántica. Os discursos non líricos son necesariamente heteroxéneos, xa que se caracterizan á negativa, pero poden ser perspectivados como unidade na medida en que funcionan no seu conxunto como contrapeso dos líricos. En termos de Foucault, o discurso lírico sería a potentia ou forza hexemónica, mentres que o non lírico desempeñaría o papel de potestas, a contra-forza que resiste e nivela o influxo da forza dominante.
Pois ben, a miña idea sobre o estado actual da poesía galega é que a potestas está en condicións de darlle a volta á relación de poder e tornarse potentia. Tomando como referencia a produción poética galega a partir do ano 2000, ano no que, non por acaso, Chus Pato lanzaba un clamoroso «adeus á lírica», percibo cada vez máis tentativas de ensaiar fórmulas non líricas para o poema. Digo tentativas porque nalgunhas ocasións os resultados son tímidos, ou inseguros, e isto explícase pola presenza dunha tradición monopolizada ata tal punto polo habitus lírico que este chegou a confundirse coa esencia mesma do poético. No entanto, si parece claro que existe un certo cansazo das formas de escrita vertebradas en torno ao mundo interior dun eu que facilmente puidese confundirse co poeta mesmo e, por conseguinte, unha estratexia encamiñada a remarcar as fronteiras entre a voz do poema e a voz do poeta.
Ollo, con isto non quero dicir que o salto ao non lírico se salve mediante un cambio pronominal. De feito, existen poéticas perfectamente líricas que se expresan desde un nós. Da mesma maneira, o uso da primeira persoa non implica que o resultado sexa lírico de seu e, de feito, moitos textos nos que estou pensando constrúense deste xeito. A diferenza radica en que na poesía non lírica ese eu dá conta do poema, non é o poema. O texto despraza «a centralidade enunciativa e enunciada do suxeito», o reflexo dunha «sentimentalidade vinculada ao coñecemento» –son palabras de Casas. Cabe aquí a contaminación discursiva, coa entrada de modalidades neo-épicas ou epizantes, dramáticas e ensaísticas, e aínda das non literarias, pero moitas veces son poemas onde o eu simplemente se esforza por levantar a vista do embigo.
Adopte a forma que adoptar, a emerxencia de poéticas non líricas ten as súas implicacións. Por unha banda, revela unha negativa a asumir a máxima posmoderna segundo a cal é imposible saír dos esquemas pautados pola tradición (aquilo que Vattimo chamaba «a fin da era da superación») e, consecuentemente, a actualización da noción de vangarda, non na dirección de recuperar as vellas vangardas históricas, senón como confianza en que a historia, tamén para a poesía, non morreu coa caída do muro de Berlín. Por outra, representa unha posibilidade de intervención no espazo socio-político (se é que tal acción é aínda posible a través do poema), na medida en que, ao sacar o xénero da dimensión autorreferencial, se facilita a posta en marcha de análises críticas da realidade non niveladas polo recurso ao singular e ao emocional.
É dicir, a hipótese que lanzo aquí é que a proxección de poéticas non líricas en Galicia pode estar en consonancia cunha toma de conciencia e un querer posicionarse a respecto da realidade por parte dos autores que as poñen en práctica. Talvez sexa activada por poetas que se saben e se recoñecen como suxeitos históricos, perfectamente transidos polo seu espazo e o seu tempo. Non hai maneira de escapar destas coordenadas, non se pode escribir desde fóra, por moito que se nos repita que a poesía é a arte do transcendente e o poeta, a poeta, unha especie de ente atemporal que comunica as esencias do humano. Falando desta cuestión con Francisco Cortegoso, dicíame el que o escritor é un «conservador do seu tempo». Pode fantasiar coa idea de que escribe sen pai, sen tempo e sen patria, pero a súa produción deixará igualmente rexistro de quen é seu pai, cal o seu tempo e onde a súa patria.
Ora ben, isto non quere dicir que a práctica lírica e a vontade de artellar un discurso de resistencia sexan incompatibles. Por poñer un exemplo, as poéticas feministas continúan a articularse en boa medida valéndose dunha actitude lírica, é dicir, construíndo un suxeito poético feminino que, mediante a expresión dunha subxectividade liberadora, vén entrar en concorrencia co réxime simbólico do patriarcado. Hai moitos outros exemplos, e a tradición literaria galega pode fornecérnolos sen ter que rabuñar de máis. Aí esta Rosalía, sen ir máis lonxe.
En todo caso, sexa mediante a configuración de discursos non líricos, sexa mediante discursos líricos, os elementos repertoriais da recente poesía galega dan a entender que os produtores, incluídos os poetas que se incorporan á actividade literaria no último decenio, non esquecen nin queren esquecen a condición subalterna da cultura da que agroman e cúmprense así a pauta sinalada por González-Millán segundo a cal os autores de literaturas periféricas móstranse máis receptivos a subverter as tradicións discursivas dos xéneros literarios, que son percibidos desta volta como dispositivos de poder que vehiculan unha tradición repertorial que terma do statu quo.
Isto é especialmente visible se o comparamos coas modalidades de poesía que se practican hoxe nos grandes centros de cultura. Ultimamente estiven atento ao que están escribindo poetas novos dos Estados Unidos. Non hai dúbida de que a miña visión do asunto é necesariamente incompleta, máxime cando parte da lectura de antoloxías e panoramas, pero a impresión que extraio é que estes autores mozos proxectan suxeitos poéticos que reflicten a súa percepción ante experiencias cotidianas que se viven como cruciais para a autoformación persoal ou ben reivindican aquelas escritas que senten como próximas, pero non por vía do intertexto, é dicir, mediante o diálogo con eses textos de referencia, senón sinxelamente como catálogo de predileccións, como inventario de fetiches. O cambio verdadeiro que eu detecto nos seus discursos a respecto de, por exemplo, os confesionalistas dos anos 50 e 60, é que, por primeira vez, interesa máis o efecto que o texto produce nos lectores, a imaxe que se proxecta da propia poética, que a poética en si mesma. Interesa a superficie, talvez porque a cultura da imaxe fixo o seu traballo ou ben porque se chegou á conclusión de que calquera tentativa de significación está abocada ao fracaso.
Isto é, a lírica predomina con clareza, mesmo que sexa modulada polo humor, e, ademais, trátase de lírica á que se lle poderían aplicar boa parte dos trazos característicos que Alberto Lema fixaba a semana pasada neste mesmo encontro para a novela posmoderna: predominio dunha primeira persoa que carece de identidade colectiva, preponderancia da ironía, presentismo ou ausencia de profundidade histórica, renuncia ao proxecto que representaron as vangardas, ausencia de conflito de clases, etc.
En Galicia comezan a albiscarse retallos de poéticas máis ou menos afíns, pero, se atendemos á obra dos poetas que foron aparecendo dun tempo a esta parte, xusto é dicir que andan noutra cousa. E digo eu que a barbarie coa que nos obrigan a tragar a diario algo terá que ver con isto.
Ocórreseme, mesmo, que a vangarda ben puidese estar aquí, a este lado do mapa, onde cada vez é máis xeral a sensación de que a posmodernidade, tamén a posmodernidade estética, foi un mal soño que cómpre esquecer. Mentres tanto, nas capitais do imperio algúns continuarán a escribir poemas convencidos de que a realidade é un texto e que nada máis importa.
A precariedade conta coa vantaxe de que serve para manter os ollos abertos. Algo bo tiña que ter.”

Crónica da mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“E despois da posmodernidade que? Camiñar cara adiante pero coa vista posta nun pasado de modernidade ou explorar novas vías que rachen co presente, fornecendo novas vangardas? Sexa como sexa, semella que en plena crise péchase un ciclo tamén para a arte, pero neste punto (seguido ou final) sempre se abren novas fiestras, as que agora explora unha nova xeración de escritores que son os que protagonizan a oitava edición do Ciclo Escritoras-es na Universidade, que este venres comezou na Facultade de Filoloxía e Tradución. Serán en total tres mesas redondas con creadores mozos, arredor da trintena, “con discursos novos que viven a precariedade como man de obra excedente”, como explicaba na apertura da sesión a escritora e profesora Rexina Vega, que coordina esta iniciativa. “Vivimos nun estado de demolición no que caen cada vez máis bombas”, apuntaba, “pero debemos fuxir do vitimismo e apostar pola universidade como campo de batalla”, un campo de batalla en defensa e reivindicación da literatura galega, “desamparada polas institucións”. E este é o obxectivo do ciclo de mesas redondas, unhas das escasas ventás á literatura galega, que contou no seu acto de apertura coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que lembrou que este 26 de setembro, se celebra o Día Europeo das Linguas. A decana do centro, Rosa Pérez, que tamén asistiu ao acto de inauguración, agradeceu á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Xunta de Galicia, entidades organizadoras xunto coa Universidade de Vigo, a súa colaboración nunhas xornadas “que serán de gran proveito para todos e nas que aprenderemos moito”.
Presentados por Iria Presas, estudante do grao en Estudos de Galego e Español, os escritores Alberto Lema e Samuel Solleiro fixeron un percorrido pola historia que desembocou na posmodernidade pero tamén polas novas vías que se abren tras ela. Lema, autor de obras como Unha puta percorre Europa ou Plan de fuga, remontouse séculos atrás para analizar como o devir da historia foi dando paso a diversos movementos artísticos e, en concreto, á posmodernidade, que mesmo comparou co Renacemento pero que “lonxe dunha misión redentora está directamente relacionada cos obxectos de consumo”. É, sen dúbida, o de posmodernidade un concepto vago do que, como explicaba Solleiro, “todos opinan pero ninguén se atreve a definir”, aínda que Alberto Lema se animou a dar varias pinceladas: “na novela posmoderma predomina a primeira persoa, unha primeira persoa que carece de identidade colectiva, cargada de ironía, na que todo sucede na distancia e na que non hai heróes, sen profundidade histórica, nun presente perpetuo e cunha importante presenza do xénero apocalíptico e de paisaxes catastróficas”. Pero a pregunta é “que podemos facer os escritores ante o fin da posmodermidade?” Para Lema deben comezar a “tomar conciencia do contido ideolóxico, identificar que a estética dominante é reaccionaria e tomar conciencia da historia, pero o fin do posmodernismo non pode ser unha volta á modernidade”, concluíu.
Para Solleiro, que conta entre as súas obras títulos como Elexías a deus e ao diaño, DZ ou o libro do esperma e Gran tiburón branco, destaca que “a crise da posmodernidade, igual que a crise da universidade, é a crise do coñecemento especulativo” e incidía en que características súas como a ironía ou o cinismo, están xa institucionalizadas, estandarizadas, polo que sería preciso rachar con elas, e mesmo percibe un ton reaccionario na época posmoderna actual. Ante ela, avoga por loitar contra a sobreinterpretación, por apostar pola sinxeleza e fuxir dos dobres sentidos. Pero esa páxina da historia está por escribir e tamén por bautizar…”