Víctor Freixanes define a Cunqueiro como un dos mellores escritores europeos

“(…) Víctor Freixanes participa estes días no seminario Cen anos de Cunqueiro organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), onde onte falou do labor xornalístico do autor de Mondoñedo e do contexto social no que desempeñou a súa traxectoria. Freixanes indicou que Cunqueiro “desenvolveu unha parte moi importante da súa vida nos xornais e nalgunhas emisoras de radio” e definiu a Cunqueiro como un dos mellores escritores europeos dos últimos tempos. A primeira relaciónase coa formación do intelectual e ten lugar entre Mondoñedo, Lugo e a súa etapa como universitario en Santiago de Compostela. Nesta última cidade “entra en contacto cunha xeración que está a descubrir Galicia e a súa identidade”, apuntou Freixanes. É nesta época cando aparecen as primeiras publicacións de carácter literario ou crítico-artístico en xornais da época como El Pueblo Gallego. Co estalido da Guerra Civil, explicaba onte Freixanes no Arquivo do Reino de Galicia, comeza a segunda etapa da vida de Cunqueiro, e na que destaca o seu labor como xornalista e as súas primeiras publicacións en medios de comunicación afíns ao réxime. Segundo o director de Galaxia, tralo que falaron as escritoras Marina Mayoral e Inma López Silva, esta época é na que Cunqueiro pega un salto “vertixinoso” a La Voz de España e ás revistas Vértice e Santo y Seña, rematando no ABC como redactor xefe. O ano 1944 foi, segundo Víctor Freixanes, outra das datas claves na biografía de Álvaro Cunqueiro, xa que nese ano perdeu o carné de prensa e non tivo máis remedio que regresar ao seu Mondoñedo natal. Arranca aquí unha terceira etapa, que se converte no rexurdir do escritor lucense e da que sae unha das súas grandes obras, Merlín e Familia (1954). “En dez anos escribiu algunhas das que se consideran as grandes obras da literatura europea”, sinalou Freixanes. Tamén daquela comezaron as súas colaboracións con La Voz de Galicia e Faro de Vigo, e deste último asume a dirección ata 1970. A última das fases nas que o escritor galego divide a biografía de Cunqueiro corresponde aos últimos anos de vida de Cunqueiro, nos que “acadou o recoñecemento” colaborando con revistas e xornais de todo o mundo. (…)” Vía La Opinión.

Francisco López: “Cunqueiro é o meirande fabulador da literatura europea das últimas décadas e o herdeiro natural dos trobadores medievais”

“O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou hoxe na inauguración do encontro Cen anos de Cunqueiro, que organiza a Universidade Internacional Menéndez Pelayo na sede do Arquivo do Reino de Galicia do 13 ao 15 de xullo. O director xeral cualificou a Álvaro Cunqueiro como o “meirande fabulador da literatura europea das últimas décadas, o herdeiro natural dos trobadores medievais”.
Segundo Francisco López, o grande mérito de Cunqueiro non foi só recoller a nosa “enraizada tradición de oralidade”, senón “empregar o seu enorme talento para renovala e reforzala, ata convertela nunha obra literaria tan abundante como tremendamente orixinal”. O director xeral explicou que cando se le a Cunqueiro un pode lembrar as historias dos nosos devanceiros e admirar os modernos recursos narrativos que utilizaba o escritor mindoniense. “Nesa mestura radica o éxito da construción dun universo máxico que anticipou o camiño polo que despois discorrería boa parte da novela do último terzo do século XX”, asegurou.
Para o responsable da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, tal capacidade para fabular só a pode despregar “un auténtico soñador, un fabulador que cando escribía describía as illas nas que Ulises pasaba as súas mocidades, facíao inspirándose nas Cíes e en Sálvora; e cando pintaba un porto do Golfo Pérsico, pensaba en Foz ou Viveiro; e cando falaba da Bretaña do Sochantre dePontivy, en verdade estaba a falar de Galicia”. “Porque no fondo, era de Galicia do que sempre falaba Cunqueiro”, engadiu.” Vía Galicia Hoxe.
Carlos G. Reigosa: “Cunqueiro só escribiu a décima parte do que se lle ocorreu” (La Voz de Galicia).
Carlos G. Reigosa: “Cunqueiro sentía que escribira a décima parte do que se lle ocorrera” (La Opinión)

Vigo: actividades do sábado 2 e domingo 3 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do sábado 2 son as seguintes:
20:30 h. Presentación do libro infantil Alba, a princesa das sete coroas, de Amalia Pérez Otero, con ilustracións de Nieves González Pardo, publicado por Ir Indo Edicións. Xunto coa autora, participará no acto Xelasio Suárez Santiso, director da editorial. Ao remate, a escritora asinará exemplares do seu libro.

E as do domingo 3 son estas:
19:00 h. Presentación do libro infantil O camiño dos druídas, de Xosé Lois Ripalda, publicado por Ir Indo Edicións. Xunto co autor, participará no acto Xelasio Suárez Santiso, director da editorial. Ao remate, o autor asinará exemplares do libro.
20:00 h. Presentación do libro Guía didáctica dos instrumentos galegos, de Moisés Quintas, publicada por Ouvirmos. Xunto co autor, participará no acto o mestre artesán Antón Corral e José M. Aldea, en representación da editorial.
21:00 h. O humor na Feira do libro. Cunqueiradas, divertido monólogo do actor e autor Cándido Pazó, baseado en textos de Álvaro Cunqueiro.

Lugo: presentación do número 26 da revista oral O pazo das musas

O xoves 30 de xuño, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, preséntase o número 26 de O pazo das musas,  revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), nun acto coordinado por Antonio Reigosa, co seguinte sumario:

Portada musical. Na Fraga de Merlín, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
Álvaro Cunqueiro. Louvanza, por Darío Xohán Cabana (10 minutos).
Poesía de Álvaro Cunqueiro. Díxenlle á rula (Herba aquí ou acolá). Noivado IV (Poema do si e non), por Carlos Vázquez (5 minutos).
Música. Porta de Oriente, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
Memoria do Mondoñedo de Álvaro Cunqueiro. O cruceiro do claustro da catedral de Mondoñedo, por Fernando Arribas Arias (10 minutos).
Historias de Álvaro Cunqueiro. Historias de Os outros feirantes, por Ana Carreira (8 minutos).
Música. O que Deus mandou (Afonso X, O Sabio), por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
Álvaro Cunqueiro, gastrónomo. Cunqueiro: o home que sabía o que sabía, por Isidro Novo (5 minutos).
Poesía de Álvaro Cunqueiro. A dama que ía no branco cabalo e Agora trobo o vento e maila lúa fría (Dona do corpo delgado), por Carlos Vázquez (5 minutos).
Música. Alalá do Cebreiro, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
Historias de Álvaro Cunqueiro. Historias de Os outros feirantes, por Ana Carreira (8 minutos).
Teatro de Álvaro Cunqueiro. Vexo vexo… que ves?, por Paloma Lugilde e Rubén Pérez Pombo (10 minutos).
Música. Polos teus ollos quen pasou, amiga (Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira), por Pilocha. Músicos: Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich (3 minutos).
Opinión. Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (5 minutos).
Epílogo. Por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (3 minutos).
Contraportada musical. No niño novo do vento (Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira), por Pilocha. Músicos: Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich (3 minutos).

Crónica posterior en El Progreso.

Santiago: faladoiro sobre A obra poética de Álvaro Cunqueiro

O xoves 16 de xuño, ás 19:00 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro), en Santiago de Compostela, terá lugar o faladoiro A obra poética de Álvaro Cunqueiro, no que participan Henrique Monteagudo, Xosé Manuel Salgado, Manuel Forcadela e Teresa López.

Santiago: concerto Camelias para Cunqueiro, por Amancio Prada

O venres 10 de xuño, ás 21:00 horas, no Salón Teatro (Rúa Nova, 34) de Santiago de Compostela, e con entradas a 10 euros, terá lugar o concerto Camelias para Cunqueiro, no que Amancio Prada interpretará poemas do grande autor mindoniense. O concerto forma parte da programación conmemorativa 2011, Ano Cunqueiro, e está organizado conxuntamente por Agadic e o Consello da Cultura Galega. Amancio Prada estará acompañado por Hilary Fielding ao violonchelo e Josete Ordóñez á guitarra e mandola.

Lugo: faladoiro O popular na obra de Álvaro Cunqueiro

O xoves 2 de xuño, ás 19:30 horas, na Aula Sociocultural Novacaixagalicia (Praza de Santa María, s/n.) de Lugo, terá lugar un faladoiro sobre O popular na obra de Álvaro Cunqueiro, acto organizado polo Consello da Cultura Galega con motivo do Ano Cunqueiro, no que participan Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Antonio Reigosa e Armando Requeixo.