Andrés Torres Queiruga: “O Deus no que creo non busca o noso sacrificio, senón a nosa felicidade”

Entrevista a Andrés Torres Queiruga en La Voz de Galicia, desde Galaxia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Alguén así é o Deus en quen eu creo, ¿alguén como?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): O título ocorréuseme precisamente unha noite, nese proceso despois da nota dos bispos, pensando como podo dicir eu, como o podo expresar, cal é a miña visión de Deus.
– LVG: ¿E cal é esa visión de Deus?
– ATQ: Primeiro Deus como alegría, como salvación. Ese foi o meu descubrimento de Deus e a miña liberación do medo que, como a tantos, me meteron del cando era un neno. Despois destaco dúas metáforas, unha de Schelling, que di «Deus est res cunctas», un disparate en latín, porque debería dicir «Deus est res cunctae». Intenta suxerir, rompendo a sintaxe, que, creándonos por amor, fainos ser identificándose dalgún modo con nós: canto máis o acollemos, máis somos. Tamén fago referencia a unha frase dun escritor romano, Plinio o Vello, que dixo: «Deus est mortali iuvare mortalem»: Deus é, Deus acontece, cando un mortal que axuda a outro mortal. Coincide co fío de ouro da Biblia, desde os profetas ata Xesús: o criterio definitivo do verdadeiro coñecemento de Deus está na preocupación polo orfo, polo estranxeiro e pola viúva, dicían os profetas; ten fe quen dá de comer ao famento, sentenciou Xesucristo tamén. O noso mal e noso sufrimento son a gran preocupación de Deus. El é o anti-mal, sempre connosco contra o mal. Deus non está na enfermidade: está no enfermo, animándoo, e nos que o coidan, chamándoos e apoiándoos. Non busca o noso sacrificio, senón a nosa felicidade para nós e para os demais. (…)”.

Santiago: presentación de Alguén así é o Deus en quen eu creo, de Andrés Torres Queiruga

O mércores 3 de outubro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, Andrés Torres Queiruga presenta o seu novo libro, Alguén así é o Deus en quen eu creo, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes, Xavier Martínez Cobas e Xan López Facal.

Andrés Torres Queiruga: “Rosalía nin foi santiña nin atea”

Entrevista a Andrés Torres Queiruga en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Van xa 32 anos do seu ingreso na Academia, o que o converte no máis veterano da rúa Tabernas. ¿Como lembra aquel día?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): Para min foi unha sorpresa non esperada. Vivín ese día con ilusión, sobre todo coa idea de colaborar na nosa cultura desde unha institución como é a Igrexa, que non acaba de encontrar o seu sitio xusto. (…)
– LVG: ¿Cre que a Academia necesita máis sangue novo?
– ATQ: Evidente. Pero sempre nesa dialéctica das idades, que marcan a continuidade fecunda da memoria do pasado coa sempre inédita aventura do porvir. O de «inmortais» xa pasou, pero as raíces son importantes.
– LVG: ¿E quizais algunha académica máis?
– ATQ: Máis evidente aínda. É preocupación común e tamén necesidade. Non por unha simple equiparación numérica, senón porque hoxe contamos con moitas e que están moi preparadas. (…)
– LVG: Comentou no seu discurso que Rosalía «é unha mística que non pasou da noite escura».
– ATQ: Ese é un tema fascinante: Rosalía nin foi santiña nin atea. Foi unha buscadora inconformista, con dúbidas abisais e fulguracións místicas. Non encontrou nin a igrexa nin a teoloxía que lle axudasen a ver respostas axeitadas. Pero era demasiado auténtica e profunda como para resignarse. (…)”

Andrés Torres Queiruga: ”Somos libres, grazas a Deus, que nos quere realmente libres”

Entrevista a Andrés Torres Queiruga en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): Para que o cidadán de a pé o entenda de xeito sinxelo. Pode resumir que é o que molestou tanto á Comisión para a Doutrina da Fe?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): En definitiva, son dous xeitos distintos de interpretar teoloxicamente a fe; non é diferenza na mesma fe, que todos profesamos. O problema está en que a comisión non fixo con claridade e rigor esta necesaria distinción.
– G: Atendendo á coherencia mantense nos seus trece respecto á súa obra e pensamento, que non pensa cambiar. Espera desculpas ou outros razoamentos despois desta chamada a capítulo?
– ATQ: Non se trata de cambiar sen máis, senón de dialogar e seguir pensando. Non son infalible e se nun diálogo serio, mediante razóns teolóxicas, aparecese algo que fose contra a fe, claro que cambiaría. Faino todo teólogo responsable. De todos modos, son moi coidadoso, nunca agresivo e sempre respectuoso e positivo. De momento penso honestamente que na miña teoloxía, que como todas pode ter e seguramente ten aspectos discutibles, non hai nada que lesione a fe da Igrexa. (…)”.

Andrés Torres Queiruga ve “mal orientado” o “toque” que lle deron e que o galego na Igrexa retrocede

Entrevista en Galicia Hoxe a Andrés Torres Queiruga:
“O teólogo Andrés Torres Queiruga defendeu que a súa teoloxía é “tremendamente ortodoxa e moderada” e manifestou que o “toque” que lle deron “vai mal orientado” porque “o grupo que elaborou o documento non entendeu” a súa obra. (…)
Por outra banda, preguntado polo emprego do galego no seo da Igrexa, Torres Queiruga comentou que “houbo un retroceso” e afirmou que “non hai unha situación normalizada”. “Hoxe a Igrexa está por detrás da universidade e do mundo oficial, é unha pena porque a Igrexa por natureza, por vocación e por presenza é das institucións máis populares en Galicia, pero non está a ser suficientemente fiel a esta vocación”, lamentou. (…) “Unha Igrexa que non se obedece a si mesma non pode pensar que a van obedecer os demais. O Concilio Pastoral instou a que había que aumentar moito e con intensidade a presenza do galego na liturxia e na vida da Igrexa e iso non se cumpre”, concluíu.”

A Real Academia Galega “protesta firmemente” pola condena eclesiástica a Torres Queiruga

“A recente condena do traballo do teólogo Andrés Torres Queiruga pola Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe acaba de ser respondida desde a Real Academia Galega. A entidade, a sinalar o seu carácter aconfesional, considera que a condena eclesiástica supón “unha grave conculcación da liberdade de pensamento dun grande intelectual e escritor”. Ademais, considera o documento “unha intromisión escandalosa contra a que protesta firmemente”. O antigo presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, xa sinalara en medios de comunciación o seu apoio ao teólogo, que é membro da Real Academia.” Vía Cultura Galega.

Porto do Son: entrega dos Premios Barbantia e presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2010

O venres 3 de decembro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura de Porto do Son, a Asociación Cultural Barbantia, a Deputación da Coruña e o Concello de Porto do Son organizan a presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2010 e a entrega dos Premios Barbantia da Cultura, actos que terán lugar na Casa da Cultura de Porto. No acto participan Manuel Cartea, Xesús Laíño, Ramón Quintáns, Xoán Pastor Santamaría e Caridad González. A entrada é libre e gratuíta para socios e non socios. Os premiados desta edición son:
– PREMIO BARBANTIA 2010 Á TRAXECTORIA CULTURAL NO BARBANZA: Pepe Romero (músico e gaiteiro).
– PREMIO BARBANTIA 2010 Á INICIATIVA CULTURAL NO BARBANZA: Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística.
– PREMIO BARBANTIA DA CULTURA GALEGA 2010: Andrés Torres Queiruga (teólogo).

Santiago: Foro Encrucillada, Repensar a Teoloxía. Recuperar o cristianismo, en homenaxe a Andrés Torres Queiruga

A revista Encrucillada homenaxea ao escritor Andrés Torres Queiruga, un dos teólogos galegos con máis peso no mundo católico celebrando nos vindeiros 28, 29 e 30 de outubro o seu tradicional Foro de Relixión e Cultura (que celebra a súa XXV edición) en Santiago de Compostela. Nesta edición, Encrucillada quere render, tamén, unha homenaxe ao seu antigo director, Torres Queiruga, quen se xubila este mesmo ano, pasando a ser profesor emérito da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. Participarán nesta homenaxe compañeiros e escritores como Victorino Pérez Prieto, Xesús Ferro Ruibal ou Xosé Luís Barreiro Barreiro. O programa e emprazamentos pódense descargar neste enlace.

Santiago: presentación de Repensar o mal, de Andrés Torres Queiruga

O xoves 14 de outubro, ás 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, Andrés Torres Queiruga presenta o seu último ensaio Repensar o mal. Da poneroloxía á teodicea, publicado en Galaxia. No acto o autor estará acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Segundo Pérez López, profesor de Teoloxía, Xan López Facal, economista, e Luís García Soto, decano da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago.