Antón Cortizas: “O importante é o que nos fai mellores persoas”

Entrevista de Ramón Loureiro a Antón Cortizas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Bota de menos o ensino?
– Antón Cortizas (AC): Eu non diría que boto de menos o ensino, porque o certo é que me sigo considerando un ensinante. Sigo aí. Esa foi a miña vocación, foi o camiño que elixín na vida, e dese camiño non me desviei. Pero o que si boto de menos é a rapazada. Para min, encontrarme pola rúa con antigos alumnos meus, e que me falen e me conten como lles vai e que é o que están facendo agora, é unha gran felicidade.
– LVG: Para vostede nunca foi difícil traballar cos alumnos.
– AC: Nunca. Xamais. É que, mira, para ensinar tes que ter moi claro que é o que estás facendo. As cousas nunca pasan porque si. Se a ti un rapaz se che comporta mal en clase, o primeiro que tes que pensar é que se un alumno ten un compartamento dese tipo é porque na súa vida hai algo que o leva a comportarse así. Os nenos nunca son culpables, porque eles non elixen a súa vida. Teñen a vida que lles damos os adultos. Non son responsables das súas circunstancias. Os rapaces reproducen o que acontece arredor deles. Non hai nenos malos, iso non existe. E precisamente por iso a responsabilidade é sempre nosa. Se te dedicas ao ensino, unha das túas obrigas é facer canto estea na túa man para lograr que o mundo dos rapaces sexa un mundo mellor. Porque, no fon, o importante, o verdadeiramente importante, é o que nos fai mellores persoas. E moitas veces non é tan importante o que sabes, como que de verdade saibas contalo.
– LVG: Vostede é un namorado do libro como obxecto, do libro de tinta e de papel. ¿Que opina do auxe das novas tecnoloxías?
– AC: Evidentemente, as novas tecnoloxías son unha ferramenta utilísima. Ofrecen mil posibilidades. Pero, ¡ollo!, deberiamos recordar que só son iso: ferramentas. Non outra cousa. Non podemos estar todo o día pegados a unha pantalla. A vida non está aí. Eu penso que a nosa sociedade xa está sendo demasiado dependente das pantallas, e iso vai traer problemas graves. Iso xa está aí. Parece que hai xente que non se dá conta de que se apagas o móbil non ocorre absolutamente nada. E iso é algo que me preocupa moito máis, aínda, se falamos dos nenos e da relación que na súa maioría teñen cos seus teléfonos.
– LVG: ¿Está todo dito en materia de educación?
– AC: ¡Non, non…! Por suposto que non. Nin moitísimo menos. A educación ten que estar evolucionando sen parar. E sempre haberá cousas novas. Pero insisto: o obxectivo ten que ser sempre que melloremos como persoas.”

Ferrol: actos destacados do 23 de abril na Feira do Libro

A segunda feira 23 de abril finaliza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:30 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.
19:30 h. Presentación de Anatomía da lingua e Tenrura, de Antón Cortizas, publicados por AS-PG e Galaxia, respectivamente.

San Sadurniño: presentación de Anatomía da lingua, de Antón Cortizas

O sábado 23 de decembro, ás 20:15 horas, na Casa da Cultura de San Sadurniño (Avenida do Marqués de Figueroa, 13), preśentase Anatomía da lingua (Lingua de amar, lingua de amor), de Antón Cortizas, publicada pola AS-PG e ilustrada por Leandro Lamas, quen acompañará ao autor.

Ferrol: presentación de Tenrura, de Antón Cortizas

O mércores 20 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Cívico de Canido (Rúa Poeta Pérez Paralle, s/n), en Ferrol, en colaboración coa A. C. Muíño do Vento, preséntase Tenrura, de Antón Cortizas, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Rafael Aguirrebengoa e Xavier Alcalá.

Antón Cortizas: “A poesía é un analséxico e unha denuncia”

Entrevista de Daniel Salgado a Antón Cortizas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que un libro de poemas sobre a lingua?
– Antón Cortizas (AC): Anatomía da lingua foi escrito aos poucos, pero am preocupación polo noso idioma sempre estivo aí. É unha dor, unha cousa latente, que hai que intentar curar. A poesía é un analséxico e, á vez, unha denuncia, nun país coma o noso que abandona o seu. Eu empecei a falar galego aos 16 anos, e a idea de que era a miña lingua foi medrando. Mais estou contento de dominar as dúas. Nun país normal, a xente preocúpase polo seu salario, o seu traballo… Nós, ademais de por todo iso, temos que preocuparnos pola lingua.
– SG: A poesía como analséxico?
– AC: Eu sempre dixen que facía poesía como un analséxico. Escribo poesía desde cativo, e coa adolescencia xa foi unha explosión, con esas cousas que teñen os adolescentes [ri]. Pero si, a poesía é un desafogo, serve para botar fóra o que elaboramos dentro de nós. Para ben e para mal, aínda que eu penso que máis para ben.
– SG: Anatomía da lingua contén unha importante dimensión lúdica.
– AC: Si, está relacionada coa miña maneira de escribir. E creo que unha das funcións da literatura tamén é xogar. Así intentei transmitilo no meu traballo de docente. Tamén usei o xogo para transimitir o galego. Agora estou prexubilado, pero eu entrei na escola aos cinco anos e aínda non saín. Amais, os xogos tradicionais son outra das miñas paixóns. E aínda lembro xogar de cativo na rúa… (…)”

Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. O Teatro e as súas potencialidades na educación infantil, con Antón Cortizas

A AELG colabora co Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. O Teatro e as súas potencialidades na educación infantil ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense). Todas as sesións comezan ás 18:00 h.

Entrada libre.

Inscrición (gratuíta) para recibir un diploma de asistencia (12 horas) en imocino@uvigo.es

Para alumnado de Ciencias da Educación, alumnado do Campus Universitario de Ourense, mestres/as en activo e público en xeral.

O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo), conta coas seguintes conferencias:

17 de outubro | Antón Cortizas | Escribir teatro dende o anfiteatro.

Obxectivos
• Dar a coñecer estratexias, recursos e ferramentas para achegar o teatro e a dramatización á infancia e adolescencia.
• Divulgar experiencias e producións de Literatura Infantil e Xuvenil galega da man das propias creadoras/es (autoras/es, ilustradoras/es), aspecto fundamental entre futuros docentes da Educación Infantil e Primaria.
• Reforzar as carencias dos currículos académicos en materias específicas para o traballo coa literatura dramática e a representación na etapa da Educación Infantil e Primaria.
• Desenvolver coloquios/conversas coas creadoras/es participantes (autoras/es textuais, da ilustración, escenógrafas/os, directoras/os…) para contrastar as liñas de creación das persoas participantes coa percepción que os usuarios/consumidores teñen da súa produción.
• Valorar as potencialidades do teatro e as súas múltiples dimensións na práctica docente e na formación da infancia.
• Tomar conciencia entre o alumnado, mediadores e público en xeral da importancia de coñecer a literatura para os máis novos, saber recomendar as obras de calidade e, sobre todo, aquelas que promovan valores en positivo, entre eles a literatura dramática.
• Visibilizar a produción e potencialidades da literatura dramática para a infancia e adolescencia, incidindo en criterios de selección coherentes e acordes ao coñecemento da evolución histórica destas producións.
• Valorar o papel dos docentes e a escola como dinamizadores, programadores e normalizadores culturais.