Entrevista de Manuel Xestoso a Vítor Vaqueiro e Ánxel Huete en Nós Diario:
“Agora, Vaqueiro publica, xunto co artista Ánxel Huete, Bestiário (Néspera editora) un novo volume que nos abre as portas a un mundo de estadeas, cocas, mouras, lobishomes, sereias e xacias, entre outras figuras fantásticas. Case medio cento de seres máxicos que conforman unha mitoloxía recoñecíbel e que resume unha visión do mundo.
“A idea parte dun encargo que me fixera Nós Diario para unha serie de pequenos artigos que aparecían tres veces por semana e que constituían unha especie de catálogo de seres fabulosos”, explica Vaqueiro en conversa con este xornal. “Eran textos moito máis breves dos que aparecen neste libro, pero que funcionaron como detonador para recuperar un proxecto que eu tiña hai corenta anos e que, daquela, abandonara. Case catro décadas despois, con máis experiencia neste campo, decidinme a retomalo e de aí naceu este libro”. (…)
“Os textos están traballados literariamente pero, efectivamente, non quería desviarme da tradición popular. O que se relata é o que a xente aínda cre en moitos lugares do país e, sobre todo, o que todo o mundo cría hai cen anos”, afirma Vaqueiro.
E nesa busca do simbólico entraba tamén a parte da ilustración: “Non quería unhas ilustracións descritivas, que fixesen deseños que reproducisen figuras de maneira realista. Iso xa estaba feito, e eu buscaba outra cousa. E con esa teima na cabeza, pensei en Ánxel Huete, a quen coñezo desde hai case cincuenta anos e que me parecía o autor adecuado precisamente porque é un pintor abstracto”, relata.
“A idea de Vítor de non ser excesivamente descritivo foi a que me convenceu para aceptar este reto: o certo é que os dous nos entendemos perfectamente”, declara Huete. “Non tiña moito sentido facer algo literal , e por outro lado, eu non quería tirar dun exceso de representación, non quería ser disciplinado nese sentido e, daquela, tomei como guía o concepto de pictograma”. (…)”
Arquivos da etiqueta: Ánxel Huete
Presentación de Bestiário, de Vítor Vaqueiro e Ánxel Huete, en Compostela
Entrevista a Vítor Vaqueiro e Ánxel Huete sobre Bestiário
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista de María Solar a Vítor Vaqueiro e Ánxel Huete arredor do libro Bestiário. Pode verse aquí.”
Vigo: homenaxe a Xosé Manuel Beiras
A Coruña: presentación de As artes da vida de Ánxel Huete, de Xosé María Álvarez Cáccamo
Gondomar: presentación de As artes da vida de Ánxel Huete, de Xosé María Álvarez Cáccamo
Ourense: presentación de As artes da vida de Ánxel Huete, de Xosé María Álvarez Cáccamo
Ourense: presentación de Un cesto de mazás, de Montse Fajardo
Xosé María Álvarez Cáccamo reivindica o entusiasmo da literatura ao recoller a Letra E
Desde
Sermos Galiza:
“Unha espiral deseñada polo artista e amigo Ánxel Huete, unha moreira branca -a súa árbore preferida, evocadora da infancia- e o seu nome nunha placa deixan pegada da xornada no parque de Vilaboa no que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) iniciou este sábado a homenaxe O escritor na súa terra a Xosé Mª Álvarez Cáccamo.
No público, un gran número de escritores e escritoras, en especial, da xeración dos oitenta que o homenaxeado compartiu. Tamén activistas da recuperación da memoria histórica, loita na que o escritor está comprometido e que mentou tamén nas súas intervencións.
O parque levará seu nome mais Cáccamo confesou que preferiría que a veciñanza pasara a recoñecelo como o “parque do poeta”, integrando a todas as persoas que se dedicaron e se dedican ao xénero no que o homenaxeado escribiu máis de 25 libros en trinta anos continuados de escrita poética. De maneira especial, o escritor mentou a seu pai Xosé Mª Álvarez Blazquez e á familia literaria á que pertence.
Na historia da AELG
Xa na Casa da Cultura, Xosé María Álvarez Cáccamo referiuse á historia e o papel da AELG, da que formou parte da directiva ao longo de máis de quince anos, dos escritores e amigos vinculados á entidade que xa non están como Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Luísa Villalta ou Mª Carme Kruckenberg e do propio oficio da escrita que comeza co E que viña de recibir, letra e palabras como entusiasmo, enerxía ou entrega, ao seu ver, condicións da propia literatura.
Tamén se referiu Pepe Cáccamo -nome co que asina a súa poesía obxectual- a súa infancia en Vigo, a súa familia e ao seu íntenso vencello co concello de Vilaboa, onde se instalou hai uns vintecinco anos e no que participa activamente da vida social e cultural. “Pepe de Bea”, como din que a veciñanza o coñece por ser a súa compañeira mestra na localidade, agradecía o recoñecemento e convidaba ao compromiso coa propia literatura, trabe da responsabilidade de quen camiña xa coa letra E da súa condición.
Primeira novela
Nunha entrevista co autor publicada no novo número do semanario Sermos Galiza, Álvarez Cáccamo agradecía a festa da lingua, a literatura e a terra. Anunciaba tamén o escritor a próxima publicación da súa primeira novela en máis de trinta anos de traxectoria literaria. En As últimas galerías o escritor elabora unha novela “caleidoscópica” na que o protagonista descobre os enigmas da súa propia vida en conversa coa súa nai, interna nun xeriátrico. O pasado reconstrúese a través de cartas, un diario e as conversas do narrador coa súa nai.”





