Santiago: V Xornada Xustiza e Lingua, Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, o luns 28 de novembro

O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, a través do seu Servizo de Asesoramento Lingüístico, organiza a V Xornada Xustiza e Lingua, baixo o título Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, que se celebrará o luns 28 de novembro, a partir das 18:00 horas, no salón de actos do propio Colexio de Avogados (Rúa Eduardo Pondal, 4, baixo). O número de prazas é de 100, e a matrícula é de balde con inscrición previa. A certificación será conxunta do Colexio de Avogados de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Para obter máis información e formalizar a inscrición pódese consultar nesta ligazón. O programa é o seguinte:

– 18:00 h. Acto de apertura:
– Intervención do decano do Colexio de Avogados, D. Evaristo Nogueira Pol.
– Intervención do secretario xeral de Política Lingüística, D. Anxo Lorenzo Suárez.
– Intervención do director xeral de Xustiza, D. Juan J. Martín Álvarez.

– 18:15 h. 1ª mesa:
O galego na sociedade e nas institucións. Relator: D. Víctor M. Vázquez Portomeñe, avogado e ex alto cargo da Xunta de Galicia.
Poder público, sociedade e lingua. Relatora: Dª Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado Social núm. 1 de Santiago de Compostela.
– Coloquio.

– 19:10 h. 2ª mesa:
O exercicio da avogacía e os dereitos lingüísticos da cidadanía. Relatora: Dª Alba Nogueira López, Dra. e profesora titular de Dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela.
Leis e xustiza en galego. Unha oportunidade para achegar a linguaxe xurídica á cidadanía. Relator: D. Xermán García Cancela, xefe do Servizo de Tradución da Xunta de Galicia.
– Coloquio.

– 20:00 h. Clausura da xornada.

Vigo: Mesa redonda de narrativa, no VI Ciclo Escritoras/es na Universidade

O xoves 6 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, comeza o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, cunha Mesa redonda de narrativa, coa participación de Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias, presentados por Camiño Noia. O acto de inauguración contará coa presenza do Secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e da escritora Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A Xunta anuncia axudas á edición de libros e normalización nos concellos para 2012

“A edición de libros de texto en galego e os equipos de normalización municipais voltarán ter axudas da Xunta nos orzamentos de 2012. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Normalización Lingüística anunciou onte, na súa comparecencia ante o Parlamento, a vindeira publicación de dúas convocatorias con este obxecto. Ademais, no caso das axudas a concellos, a convocatoria será para 2011-2012, de xeito que as entidades locais poderán imputar os gastos xa realizados este ano á mesma. Lorenzo adiantou que na orde “primará no reparto de axudas os concellos que xestionen de forma responsable e que aposten pola fusión de servizos”. Precisamente para finais deste mes farase o acto oficial de presentación da Rede de Normalización Lingüística, á que xa se adscribiron case cen entidades.” Vía Cultura Galega.

Pontevedra: presentación de Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona

O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores Novacaixagalicia do Café Moderno de Pontevedra, preséntase a obra Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona, publicada polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Vigo: presentación de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Moreno Díaz

O martes 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo, preséntanse unha edición facsimilar de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Montero Díaz, publicados polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco López e  César Cunqueiro.

Santiago: presentación de Relatos para noites de hotel

O mércores 1 de xuño, ás 11:00 horas, no Restaurante Porta Faxeira (Rúa do Franco, 50) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Relatos para noites de hotel, onde se recollen os textos gañadores do I Concurso Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, de Inma López Silva e Carmen Simón. Intervirán Inma López Silva, gañadora do Premio Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, José Manuel Otero e Anxo Lorenzo.

Santiago: presentación de Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa

O luns 7 de febreiro, ás 12:30 h., no Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela, preséntase o libro Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa, publicado en Galaxia, que gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2009. O acto contará coas intervencións Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; Luís Díaz, delegado xeral en Galicia de Gas Natural Fenosa; Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e Manuel Pérez Rúa, autor. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Vigo: presentación de Alén, de Xaime Quintanilla e As criadas. O balcón, de Jean Genet

O venres 10 de decembro, ás 11:30 h, na Sala de Xuntas da Escola Superior de Arte Dramática (Poza Cabalo, s/n.) de Vigo, Manuel F. Vieites, Víctor F. Freixanes e Anxo Lorenzo presentan publicamente Alén, de Xaime Quintanilla, e As criadas. O balcón, de Jean Genet, publicados en Galaxia.

Santiago: presentación do Dicionario Galego de Pedagoxía

O luns 15 de novembro, ás 19:30 h, na sala de xuntas da Facultade de Ciencias da Educación, Campus Vida, de Santiago de Compostela, preséntase o Dicionario galego de Pedagoxía, publicado por Galaxia. No acto participan Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Juan Casares Long, Reitor da USC, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, e os directores do dicionario, Felipe Trillo e José Antonio Caride.