Isabel Fernández González gaña o 20º Premio Abrente da MIT de Ribadavia

Desde Erregueté (foto da autora, por Rosiña Rojo):
“O texto O miradoiro, da autora leonesa Isabel Fernández González (Isa Fernández, nada en La Valduerna no ano 1993) resultou ser o escollido, por unanimidade, polo xurado do 20º Premio Abrente da MIT de Ribadavia. Este, que estaba formado Ana Romaní, Arantza Villar e Sara Rey, destacou da obra premiada “a profundización dos personaxes e a intelixencia dos diálogos como espello das relacións humanas actuais”.
A peza presenta “unha conversa íntima entre dúas persoas que reflexionan sobre a súa relación e os seus desencontros, un diálogo que se expande cara a un espazo máis amplo e metafórico, como retrato dunha sociedade cada vez máis individualista”. Para o xurado, o texto “salta habilmente do persoal ao colectivo, nun cruce de xuízos críticos que aborda temas de actualidade dende o contraste de posicións, deixando entrever as dificultades de activar a empatía e recordando a importancia da escoita para a vida en comunidade”.
“Son orixinaria dunha pequena aldea leonesa, desas que no verán se enchen de trigo seco e no inverno conxelan o alento. Medrei ao quente do braseiro, escoitando á miña avoa contar historias doutros tempos e xogando a contalas no grupo de teatro da escola rural. Para min, o teatro é encontro”, explicou a autora á MIT sobre a súa traxectoria e a súa conexión co teatro. “Escribo dende que teño memoria. Poesía, teatro, ensaio e, sobre todo, textos sen xénero. Unha boa potaxe, que diría a miña avoa. Sempre buscando o xeito de diluír os límites, gústame tanto ler a Beckett como bailar unha boa bachata na verbena. Por iso valoro tanto os proxectos culturais que conectan o teatro e as artes vivas coas vivencias da xente de a pé”, engadiu, en relación coa súa relación coa escritura.
Isabel, segundo compartiu tamén coa MIT, está instalada en Galicia desde hai oito anos, dende que chegou a un recuncho arzuán onde aprendeu o galego das veciñas e se reencontrou co teatro da man da Gentalha do Pichel e da Escola Espazo Aberto. Actualmente forma parte da compañía ALOMAIS Teatro, creada este mesmo ano, que está a piques de estrear a súa primeira montaxe. Cun sacho como símbolo, a autora e o seu equipo entenden o teatro como “o humilde oficio de sachar o espazo para que a vida poida agromar”. (…)”

Xosé Barato, novo presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galiza

Desde Nós Diario:
“A Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) escolleu en asemblea a súa nova Xunta Directiva.
Xosé Barato é o novo presidente, mentres que Luma Gómez asume a vicepresidencia e Arantza Villar accede á secretaría da entidade. Os vogais que completan a Xunta Directiva son Toni Salgado, Xosé Esperante, Sara Fandiño, Eva Fórneas, María Ángeles Iglesias, Daniel Celester, Sheyla Fariña, Rosa Puga Dávila e Iria Lamas.
Barato (Guitiriz, 1979) facía parte da Xunta Directiva que presidía Xabier Deive.
A AAAG é unha asociación sindical que representa máis de 340 profesionais da interpretación e da dirección de escena. Fundada en 1985, a AAAG é unha entidade sen ánimo de lucro de carácter profesional, autoxestora e autónoma.
Entre as súas funcións, explica, atópanse a dignificación da profesión, a defensa dos intereses laborais do seu corpo asociativo, a promoción da produción do sector conformado pola escena e mais o audiovisual ou a organización dun dos acontecementos importantes do calendario cultural en Galiza: os Premios de Teatro María Casares, que neste 2021 chegan a súa 25ª edición.”