Arquivos da etiqueta: Armando Requeixo
As luces da Universidade do Norte
Artigo
de Manuel Gago en Cultura Galega:
“Que ten Mondoñedo para ser berce de máis dun cento de escritores nos últimos dous séculos? O crítico literario Armando Requeixo acaba de presentar o libro Mondoñedo literario, editado pola Deputación de Lugo, no que recompila escritos sobre algúns dos máis destacados escritores que deu esta pequena cidade episcopal. Falamos con Armando Requeixo para coñecermos as claves de tanta paixón pola literatura.
“Hai futuro na literatura mindoniense”, conclúe Armando Requeixo, un dos máis destacados críticos literarios de Galicia e mindoniense de devoción, repasando escritores da súa xeración, outros máis maiores e tamén máis novos. Requeixo sabe do que fala: desde que ten vinte anos leva recompilando e investigando ao redor dos escritores da súa vila natal, dos que chegou a contabilizar, nun estudo de hai anos, máis dun cento comezando no século XVII. Para unha vila que hoxe non chega aos 4.000 habitantes, segundo o censo, e que a principios do século XX a penas superaba os 10.000, non está nada mal. Sobre todo se son da talla de Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Díaz Jácome, Noriega Varela ou Lence-Santar entre os que están xa mortos ou Antonio Reigosa e Marina Mayoral entre os vivos.
Que pode explicar este efervescencia literaria en Mondoñedo? “Non ten resposta doada”, di Armando Requeixo, “pero hai unha cita de Cunqueiro que pode explicar moi ben por onde van os tiros. Di Cunqueiro que Mondoñedo é rica en pans, augas e latíns, e creo que o asunto está por aí”. Os latíns. O seminario de Santa Catalina, un dos máis antigos do Estado, “exerceu como unha auténtica Universidade do Norte”. Requeixo traza un mapa imaxinario que vai “como unha cuña invertida, do que hoxe chamamos Ferrolterra e iría ata o occidente de Asturias. No seu vértice baixaría ata Outeiro de Rei e o final da chaira. Toda esa cuña, incluídos os laterais, a Fonsagrada, a Terra de Miranda polo leste e os concellos de Muras, Oural, o Xistral, Viveiro
”. Centos de rapaces das casas labregas de todas estas terras irían estudar, fosen para cregos ou non, ao Seminario de Santa Catalina que, ademáis, tiña fama de excelentes profesores de latín. “Era a gran casa de saber do Norte”, sinala Armando Requeixo.
Paisaxe e paisanaxe
Pero non se trataba unicamente de educación. “Non hai outro seminario galego comparable ao do Mondoñedo”, advirte Requeixo, “porque soubo incardinarse moi ben na paisaxe e e na paisanaxe”. O uso máis amplo da lingua e da cultura galegas e unha atención especial ás artes literarias foi fundamental. “Era o único mosteiro que designaba, aínda que informalmente, un poeta, que era sempre un alumno dos cursos superiores. Os alumnos máis novos tiñan entón a referencia dun alumno que xa escribía, publicaba nalgunhas revistas”.
Para Requeixo tamén hai outros factores que inflúen na vocación literaria da cidade. “Non deixa de ser unha das capitais do vello Reino de Galicia, e nela existía un certo benestar que facilitaba tamén a circulación da cultura”. Para Requeixo, a propia paisaxe especial de Mondoñedo e a súa comarca facilitaba tamén as cousas. “Mondoñedo é un sitio moi especial, mesmo climatoloxicamente. Esa brétemas que crea, que hoxe afectan á autoestrada, esa zona de transición entre mundos, é como unha especie de punto xeoliterario que absorbe e reverte literatura”.
A pegada da cidade
E hai algo que vincule entre si a toda esta nómina de autores? Para Armando Requeixo, está claro que si. “Hai un sentimento de pertenza literaria. Os que nacemos en Mondoñedo convivimos con esa realidade literaria e temos a consciencia de que formamos parte dunha tradición. E sempre houbo esta consciencia”, sinala Requeixo, que engade graficamente: “temos un sentimento de carreira de relevos, na que uns imos collendo o relevo dos outros”. Ademáis deste sentimento de pertenza, Requeixo insiste en que hai máis cousas en común entre toda esta liñaxe de escritores. “A percepción e a presenza da paisaxe e da tradición é moi importante en moitos deles”.
Orixes da escrita: Aló en Lamanide
Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“Iníciase a sección ‘Orixes da escrita’, na que se irán recuperando textos emblemáticos da literatura galega especialmente vencellados a localizacións concretas, que serán ilustradas fotograficamente para os rememorar.
Dáse comezo a esta sección co poema “Aló en Lamanide”, de Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, 1909-Santiago de Compostela, 1961), recollido na sección “Cabrifollos e oucas” do seu libro Cómaros verdes (1947).
Lamanide é o nome dun fermoso altorelo con terras de labor e largacíos prados rodeados de frondosas arboredas situado a apenas un quilómetro ao surleste da casa natal do escritor, no lugar de Seivane, parroquia de San Xoán de Vilarente.
É alí, no espazo contiguo ao vilar de Albán que tamén figura no poema, onde se desenvolve a traxedia rústica que palpita nestes versos: a morte dun boi durante a arada, en plena canícula, e o regreso derrotado do labrego ao lar acompañado do outro bóvido solitario que sobrevive. Unha das mellores composicións do autor, na que se condensa a vivencia de todo un mundo e os seus valores que, malia a súa evidente transformación, no substantivo segue a conmovernos.
Aló en Lamanide
Aló en Lamanide, ô pe do río,
nunha leira de cómaros en sombra,
araba unha xugada de bois novos,
os cornos pequeniños, estrelados.
Ó facer un cadullo, de repente,
a xugada paróu.
Qué paz inmensa
nas maus daquela hora chea de sol,
leda coma un Mercurio!
No aire as loias
nin siquera o souperon. Un dos bois,
coas faces escumosas chegas de sangre,
caéu entre as sucadas.
Caéu morto!
—Ai, meus labregos do vilar de Albán!—
Sobre os longos vilares, o azul calmo
do bafexar calado das aradas.
Fontes de auga soñada, quedas, longas,
sombras de álamos regan a ribeira.
Coma nun liso mármore impasibre,
a señardá resalta en dôr calada
a un brutamontes, triste coma a noite,
o xato sin parexa dexunguido.
Na paz das veigas —sô— quedóu o arado
enrellado na cal.
Ó lado, inmenso,
sacrificado a un fado escuro e triste
un boi, inda xuvenco, doce morto.
Pol-os bosques abaixo, pol-os cómaros
de verdes prados moles, gurgullantes
por cen toupeiras vivas de auga nova,
co seu boi sin parexa dexunguido,
triste, calado e sô vai o labrego.
Entre us seixos, de prados arelante,
con zoquiñas de vidro patuxando,
salta un regueiro novo. O boi sin sede
mal bafexóu a i-auga e inchóu as faces
de ávidas ventás en fondo ardor,
coma de auroras ou mazás reinetas.
Arrimado á aguillada e ô carón,
cun non sei qué no peito derretido,
ollos estarulados e pasmados,
triste brañego, amigo de Virxilio,
deixa ir a cabeza do seu peso.
A i-auga tira d’ela contra a terra,
xogando coa sua sombra engueimadiña
leda e cruel, aló en Lamanide.”
Os marcos da creación
Desde Cultura Galega:
“Todo territorio con creadores ten lugares emblemáticos e icónicos que os escritores recollen e recrean nos seus textos. Coa axuda do crítico Armando Requeixo, tentamos analizar cales son os espazos representativos da cidade de Mondoñedo que ficaron reflectidos para sempre na literatura, canda as súas casas e as “ágoras literarias”, os lugares nos que entraban en contacto con outros creadores. Un interesante exercicio para ver como territorio biográfico, urbanidade e imaxinación se diferencian nunha pequena vila.
Aquí podes consultar a selección de textos literarios realizada por Armando Requeixo e que están vinculados aos espazos literarios que figuran no mapa. Podes lelos pola túa conta, ou clickar nos espazos respectivos no mapa interactivo. Se observas, na esquina superior esquerda do mapa, podes ver un recadro no que, clickando, despregas todos os espazos.
Nesta ligazón pódese acceder ao recurso actualizado.
Ars dedicandi: Aquilino Iglesia Alvariño
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Tal día coma hoxe naceu hai cento seis anos en Seivane de Vilarente, Abadín, o gran poeta Aquilino Iglesia Alvariño. En moitos lugares dáse como data de nacemento o día de onte. É unha imprecisión que non responde á realidade dos feitos. (…)
Para lembrar tan sinalada data, recupérase unha dedicatoria do poeta ao escritor Antonio Couceiro Freijomil, a quen ofrece con cordialidade o seu primeiro libro, Señardá (1930), nacido ao abeiro das aulas do Seminario de Mondoñedo e das súas terras brañegas, nas que contou co consello do veterano Antonio Noriega Varela.”
Radiocrítica 01-06-2015, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 1 de xuño en Ames Radio (accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de E os domingos un croissant… de Ursula Heinze (2:00), de Elos, de Rosalía Fernández Rial (9:23), da Historia da literatura infantil e xuvenil galega, coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou coa colaboración de Eulalia Agrelo Costas, Pilar Bendoiro Mariño, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira Boo, Isabel Mociño González, Marta Neira Rodríguez e Isabel Soto (15:10) e das Amizades secretas, de Agustín Fernández Paz (23:04).”
Tabela dos Libros de xuño de 2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste curso. Nela danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Retomarase a andaina nos primeiros do mes de setembro. Boas vacacións e felices lecturas!”
Ars dedicandi: Luís Seoane
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Fardel de eisilado foi o primeiro poemario de Luís Seoane. Publicouse en 1952 e constitúe un dos fitos da recuperación literaria de Posguerra. A sensibilidade coa causa emigrada que nel amosa o gran pintor é tamén un referente da escrita da época, un momento no que o profesor Antonio Couceiro Freijomil andaba a publicar os volumes do seu referencial Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos, no que figurou historiado Seoane, quen lle enviou o libro dende o domicilio porteño da rúa Bartolomé Mitre.
Vaia, dende aquí, esta pequena homenaxe no día no que se alcanzaría o seu cento quince natalicio.”
Parlamento das Letras: Miguel Sande
Entrevista
de Armando Requeixo a Miguel Sande no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miguel Sande (MS): Fáltalles apoio, está claro, un apoio decidido e eficaz do noso Goberno. Fáltalles visibilidade. E é obvio, fáltanlles lectores; tamén lectoras, aínda que menos. Por parte dos/as autores/as e críticos/as fáltalles máis risco quizais, vontade anovadora. Sóbranos, acaso, comodidade (iso tamén se nota na escrita).
*Anovar non é incluír nunha novela cartas, poemas, debuxos; iso é doado, coño, iso é ata unha simpleza (que adoitan valorar moito os xuris). O difícil é mesturar iso nun texto narrativo sen que se note a derruba dos marcos que sinalan os xéneros. O futuro, se o hai, que o dubido, vai por aí: por tirar os marcos, pero con máis intelixencia. Outravolta a mirada nova sobre a lúa para a descuberta. Pero non lemos; creo que nin quen escribimos lemos abondo, porque do contrario venderiamos máis libros, mesmo de poesía. Somos case máis os que escribimos que os que len. E non digo que sobren escritores, en absoluto; ao contrario, iso nunca é problema, a escolla nunca foi un problema; se acaso, unha vantaxe ou privilexio; digo que faltan lectores. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MS: Tanto ten a valoración que eu faga, non lle vexo demasiado futuro, nin ao noso nin a calquera outro. E non porque sexa pesimista. Creo que o libro como obxecto físico parécese cada día máis a un cadaleito. Os libros electrónicos tampouco non se len. A vida dun libro hoxe é, nada, un suspiro. E nos textos das redes sociais un día é a eternidade. O termo “clásico” morreu. A xente nova, en xeral, non le máis ca por obriga; escribe cada vez peor (o meu propio fillo é universitario e ten faltas de ortografía, incrible; todos, practicamente, así, vexo os exames). As novas tecnoloxías son demasiado adictivas. Nos centros de ensino acabarán por desaparecer os libros a non tardar. Estamos nunha revolución tecnolóxica, dixital, que non fixo máis que comezar e vai todo a demasiada velocidade. É a transformación.
Mira, eu pensaba van moitos anos xa que deberían desaparecer os premios literarios, pero xustamente agora non; neste momento de desespero e agonía, non; ao contrario, creo que son máis necesarios ca nunca, pero, ollo, tamén creo que vós, os membros dos xuris, debedes apostar máis polo risco: a todo ou nada. Por pura necesidade. Fóra convencionalismo xa. Diante dunha situación límite non se pode seguir igual porque acabas por te afundir. Ou descubrimos unhas miradas novas sobre a lúa ou non hai sorpresa, pero máis do mesmo non, xa non vale. E aínda así, cun apoio decidido e eficaz dos responsables da nosa Cultura. En todo caso, isto é, ha ser, unha transformación: non quero dicir en ningún caso que a literatura vaia desaparecer. Transformarase e irá buscando novas vías para se manifestar, seguro. (…)”
Radiocrítica do 20-04-2015, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 20 de abril en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión falei con Nazaret López de A antesala luminosa de Antonio Tizón (00:20), As cicatrices do sol, de Luís Valle (6:30), O caminho poético de Santiago, de Yara Frateschi Vieira, Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo (11:15) e Cor animal, de Maya Hanisch e Agustín Agra (17:40).”



