Desde Sermos Galiza:
“O Parque dos Gafos de Pontevedra foi o escenario do acto de homenaxe da plataforma de crítica feminista A Sega á escritora María Victoria Moreno con motivo do II Día das Galegas nas Letras. O acto comezou cun paseo literario pola beira do río Gafos até Campolongo, unha metáfora dos paseos que acotío daba a escritora homenaxeada, e continuou cun xantar popular compartido. Fontes da organización salientan que o “Tendal de María Victoria” foi o que máis interese espertou, pois neste tendal expuxeron as obras da escritora e libros con dedicatorias.
Na xornada da tarde, en que se leu o manifesto da Sega, interviñeron, entre outras, Andrea Nunes, que leu un poema escrito para a ocasión para recoller os títulos das obras da homenaxeada, Carmen Penim, que musicou dúas pezas de María Vitoria e interpretou “A xustiza pola man”. Tamén participaron Laura Cuba e As Boubas. A actuación sorpresa chegou con Mercedes Peón, que asinou o final de festa.
No remate, a sección xuvenil da Sega sorteou entre as persoas participantes a boneca coa figura da escritora doada por Actante Dorado.
O obxectivo da homenaxe que tivo lugar o sábado 15 de agosto é, principalmente, reivindicar a obra das escritoras galegas. “Queremos visibilizar as autoras nas letras, xa que até o de agora a oficialidade homenaxeou 52 homes fronte tres mulleres, xa contando Rosalía”, sinala Susana Sánchez Arins, membro da organización. “Queremos reivindicar que as mulleres escritoras existen e, xa que a oficialidade non as festexa, homenaxeámolas nós”, conclúe.”
Arquivos da etiqueta: As Boubas
Pontevedra: II Día das Galegas nas Letras, dedicada a María Victoria Moreno
O sábado 15 de agosto, no Parque dos Gafos (Rúa da Estación), en Pontevedra, terá lugar a II edición do Día das Galegas nas Letras, convocado pola Plataforma de Crítica Literaria A Sega.
Este é o programa:
– 12:00 h. Paseo con Leonardo. Punto de encontro: entrada ao Parque dos Gafos na Rúa da Estación.
– 14:00 h. Xantar no Parque dos Gafos.
– 16:00 h. Homenaxe a Mª Victoria Moreno.
Carmen Penim
Laura Cuba
Cristina F.
As Boubas
Habelas Hainas
Micro aberto: lemos María Victoria Moreno.
Sorteo da boneca de María Victoria Moreno entre as persoas participantes. Doazón de Actante Dorado.
– Durante todo o día: O Tendal de Mª Victoria. Exposición da súa obra.
A FORZA DA VONTADE
“Hai lugares onde nos nacen e lugares onde escollemos nacer. Hai familias que nos veñen dadas e outras que creamos para nós. Hai linguas que se nos falan e outras que coa determinación obstinada de quen se quere poñer do lado que máis o merece, escollemos para nós. Se cadra o accidente do noso nacemento pode determinar abondas cousas na vida, pero a escolla e a vontade teñen a forza mesmo de cambiar o lugar co que se asociará por sempre o noso nome, a lingua na que se falará de nós, o pobo que ha de celebrarnos para sempre.
Esa lingua, ese pobo e ese nome somos neste II Día das Galegas nas Letras todas nós segando para recoller as gavelas de María Victoria Moreno. Ela que escolleu o lugar onde vivir cada minuto, ela que escolleu a familia dos afectos, ela que escolleu a lingua e a comunidade á que pertencer. Tamén ela que escolleu as historias que quixo contar, aquelas nas que cada unha, coma unha gavela única, brilla na súa complexidade, na súa letra diáfana e motivadora. María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.
María Victoria representa para nós a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, a decisión consecuente da palabra xusta. E con esa mesma vontade facémola nosa e pertencémoslle nunha celebración á que estades todas convidadas.”
A Coruña: concentración lúdico-festiva
O venres 8 de marzo, ás 20:00 horas, no Obelisco da Coruña, terá lugar unha concentración lúdico-festiva convocada de xeito unitario polas organizacións que forman a plataforma en defensa do COF do Ventorrillo, da que forma parte a Comisión da Muller da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, coas seguintes actuacións:
– Yolanda Castaño, que lerá un poema.
– Vanessa Rivas, de Manicómicos, que fará unha pequeña representación.
– Lola Ferreiro, que resaltará a figura dalgunha muller republicana que loitase polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.
– Luísa Veira e Carmen Blanco, que tamén farán unha pequena representación.
– Estíbaliz Espinosa, que lerá un poema, e posteriormente tamén cantará acompañada por Xoán Piñón.
– Erea Estévez, que tocará a gaita acompañada de María Xosé Abeijón ao tamboril.
– Mónica Caamaño e Comba Campoi.
– As Boubas.