“Os poetas que soñou Cunqueiro: A Universidade de Vigo edita unha antoloxía de poetas inventados polo mindoniense”

Desde Nós Diario:
Cunqueiro traduciu ao longo da súa vida máis de oitocentos poemas de catrocentos vinte poetas. Seguindo o seu rastro como tradutor podemos ler en galego nomes tan coñecidos como Ezra Pound, Ana Akhmatova, Henri Michaux, Emily Dickinson, Dylan Thomas, Yorgos Seferis… e outros menos célebres como Annie Crossband, Carlo da Marjolana, Pat Paterson ou Vittoria Merlino. Nestes últimos céntrase a antoloxía que vén de publicar a Universidade de Vigo, Cunqueiro XL.
E, ben, se vostede non escoitou falar nunca destes autores, non dubide das súas lecturas: ninguén máis sabe nada deles. Xosé Henrique Costas, encargado da selección dos poemas, desvela que unha cincuentena deses poetas son froito da imaxinación sempre desbocada de Cunqueiro. Iago Castro, recompilador do volume Poesía 1933-1981 (Galaxia, 2011), xa advertía desta fantasía, mais só agora sabemos a magnitude que acadou a andrómena.
“Ao agruparmos os poemas traducidos”, explica Costas, “atopamos uns cincuenta autores dos que non sabiamos nada: consultamos bases de datos, especialistas de distintas universidades europeas… e fomos chegando á conclusión de que non existiron nunca. Ás veces, atopabamos un suposto poeta romanés cuxo nome non concordaba en absoluto coa onomástica do país, ou un hipotético poeta sueco con apelidos fineses… Comprobamos mesmo se había algún erro nas transcricións dos nomes e apelidos, mais descubrimos que algúns deses apelidos non existen en ningunha lingua: non existe, por exemplo, ningún italiano que se apelide Merlino”.
“Ao tempo” continúa, “detectamos cousas como que os primeiros versos dun poema atribuído á poeta Annie Crossband coinciden exactamente coas primeiras liñas dunha novela que Cunqueiro comezou mais que non chegou a rematar. E, fixándonos ben, identificamos na maior parte destes poemas os mesmos temas e teimas presentes na súa obra. É doado chegar á conclusión de que son poemas da súa man, que todo foi unha grande invención do seu enxeño”.
A liña que separa a ficción da realidade adoita ser moi delgada, mais no caso de Cunqueiro hai que preguntarse se ambos os planos non se dilúen até conformar unha única cartografía que o de Mondoñedo percorría coa mesma familiaridade na literatura e na vida. E as reviravoltas dese itinerario sempre sorprenden: “Antonio Odriozola, colaborador e amigo de Cunqueiro”, relata Costas, “escribiu no Faro de Vigo un artigo no que afirmaba que unha suposta estudosa sueca presentara unha tese na Universidade de Estocolmo titulada As invencións de Cunqueiro. Pois ben: está demostrado que non existen nin a tese nin a autora. Estamos convencidos de que Odriozola –como moitos outros críticos– caeron na trampa que lles tendeu Cunqueiro, que chegou a inventarlle a esta especialista unha biografía e unha bibliografía”.
Para maior ironía, as invencións de Cunqueiro non se conforman con ter a imaxinación como piloto: tampouco renuncian a unha causticidade que xoga co culturalismo para parodialo e parodiarse a si mesmo: o equipo liderado por Costas, por exemplo, descubriu que Pat Paterson, autor do poema “Os dous homes”, é tamén o nome do protagonista dunha novela de Marcial Lafuente Estefanía.
Mais que se pode deducir de todo este xogo de máscaras que Cunqueiro lles deixa como enigma aos estudosos e ao público lector en xeral? Que se pode albiscar tras esta recreación lúdica que oculta ao tempo que desvela? Costas contesta que hai varios elementos a ter en conta. “En primeiro lugar, en Cunqueiro a imaxinación e o soño van sempre por diante da realidade. El, por exemplo, inventa uns poetas suecos aos que “traduce” entre 1965 e 1967, e anos despois, acomete a tradución de poesía sueca de autores reais: Lars Forsell, Harry Martinson… É o mesmo que fixo coas Crónicas do sochantre: primeiro imaxina a Bretaña e só despois pisa o país real”.
Existe outro factor: Cunqueiro estaba moi doído polas críticas que recibía censurándolle a falta de compromiso coa realidade e acusándoo de evasionista e descomprometido nun momento histórico en que a poesía socialrealista marcaba o paso da creación lírica. “Igual que el e Fernández Del Riego mantiveron un suplemento cultural no Faro de Vigo, escribíndoo practicamente todo e asinando con varios pseudónimos para dar a impresión de que había moita xente comprometida co estudo e a difusión da cultura galega”, conclúe Costas, “o seu labor de tradución ten algo de xustificación da súa poética: presenta a enorme variedade de rexistros da poesía como un valor que hai que considerar en positivo: que fai, se non, traducindo poetas como Li Po, Queneau ou Ferlinghetti?”.”

Cuestionario Proust: Xurxo Souto

DesdeXurxo Souto o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xurxo Souto:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A capacidade de sorpresa.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A creatividade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada (a marabilla é que existan).
4.– A súa principal eiva?
– A falta de concentración (ou sexa, a preguiza).
5.– A súa ocupación favorita?
– Tocar cos meus amigos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Andar polo mundo a escoitar e a contar historias.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter a ninguén a quen lle contar esas historias.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gaiteiro!
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galiza. O único xeito de ser cidadán do mundo é comezar por coñecer a parte do mundo que temos diante do fociño.
10.– A súa cor favorita?
– Fanme falta todas.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor da pataca (descubrina grazas a Pepe Barro).
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal vellouco, ou “gorripacho”, como dicía o meu avó.
13.– A súa devoción na prosa?
Teresa Moure e Manuel Rivas.
14.– E na poesía?
Luísa Villalta.
15.– Un libro?
As crónicas do Sochantre, de Álvaro Cunqueiro.
16.– Un heroe de ficción?
– Adrián Solovio.
17.– Unha heroína?
– Pepa a Loba.
18.– A súa música favorita?
– Algunha repichoca de Béla Bartók, Faustino Santalices ou Erik Satie.
19.– Na pintura?
– Urbano Lugrís.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mercedes Peón.
21.– O seu nome favorito?
– Icía e mais Manuela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Polo de agora podo ir soportándoos todos.
23.– O que máis odia?
– O propio odio.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Por demodé e polo que nos rompen a cabeza con ela: Isabel, a católica.
25.– Un feito militar que admire?
– A Guerra de Troia (exclusivamente polas súas consecuencias literarias: a Ilíada, a Odisea, a Eneida…).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O ouvido absoluto.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Despois de ter armado –e contado- unha boa historia.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Arramallado (isto é, asombrado, en galego de Corrubedo).
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A preguiza.
30.– Un lema na súa vida?
– Ti que me levas, eu que te axudo, ímoslle xuntos ao cabo do Mundo!”