Arquivos da etiqueta: Asociación Cultural Val de Láncara
A poeta Luz Fandiño recibirá o XX Premio Ramón Piñeiro Facer país
Desde Cultura Galega:
“A escritora e activista Luz Fandiño (Santiago de Compostela, 1931) é a gañadora da vixésima edición do Premio Ramón Piñeiro Facer país. A Asociación Cultural Val de Láncara presentou o venres 14 de outubro no Consello da Cultura Galega (CCG) o fallo da vixésima edición deste premio, que recoñece o labor dunha persoa ou entidade galega a favor do desenvolvemento da comunidade. “Quixemos destacar, nesta ocasión, a unha muller combativa en favor da lingua e da cultura do país”, destacou o profesor Xurxo Rodríguez Lozano en nome da asociación. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, sinalou o “valor deste certame, que nace desde o propio pobo e que ten un meritorio carácter popular e participativo”. A Asociación Cultural Val de Láncara convoca este galardón, que busca poñer en valor tanto a persoas, entidades e empresas como a colectivos ou institucións que destacaron “polo seu labor de promoción, defensa e vertebración” da comunidade autónoma de Galicia. O galardón non ten dotación económica e é escollido por unha vintena de asociacións culturais das comarcas de Láncara, Sarria, O Corgo, A Fonsagrada, Baralla e Cervantes. A entrega do premio será en novembro, no marco dunha xuntanza de confraternización na que os anteriores galardoados, Luar na Lubre, entregarán o premio á gañadora desta edición. (…)”
Láncara: entrega do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País a Basilio Losada e mesa redonda sobre Ramón Piñeiro
O sábado 7 de novembro, ás 17:00 horas, en Láncara terá lugar unha mesa redonda na honra de Ramón Piñeiro no centenario do seu nacemento, organizada en colaboración coa Asociación Cultural Val de Láncara. Intervirán os académicos Rosario Álvarez Blanco, Víctor F. Freixanes, Basilio Losada Castro e Xesús Alonso Montero. O tamén académico Henrique Monteagudo actuará como moderador. Previamente, o membro de honra da RAG Basilio Losada recollerá o XIV Premio Ramón Piñeiro López Facer País da Asociación Cultural Val de Láncara.
Basilio Losada: premio Ramón Piñeiro e novo membro de honra da RAG
Desde Sermos Galiza:
“(…) O profesor, tradutor e crítico literario de Láncara, Basilio Losada Castro, primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona e embaixador da cultura galega en Cataluña, dedicou o sábado 3 de outubro o seu discurso de ingreso na RAG como académico de honra ás primeiras novelas de Rosalía de Castro, que foi respondido polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. (…)
Na mesma semana pasada, a Asociación Cultural Val de Láncara anunciou tamén que é o gañador do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País. O xurado valorou o labor deste lugués en favor da lingua e cultura galegas e a súa contribución á difusión da identidade galega por diferentes países.”
Marica Campo recibe o XIII Premio Ramón Piñeiro Facer País
Desde Cultura Galega:
“A Asociación Cultural Val de Láncara e outros colectivos da comarca de Sarria e O Corgo veñen de outorgar o XIII Premio Ramón Piñeiro Facer país á escritora Marica Campo, segundo declararon nunha rolda de prensa convocada no Consello da Cultura Galega. A súa candidatura fo presentada por varias asociacións e o xurado, formado por representantes de once colectivos culturais, avaliaron o labor de Marica Campo “a prol do ensino en diversas comarcas contribuíndo á dignificación do galego como lingua vehicular”, así como o seu traballo de creación e a súa loita e militancia en favor da presenza da muller na vida social, laboral e cultural.”
A Mesa pola Normalización Lingüística leva o premio Ramón Piñeiro Facer País
Desde Cultura Galega:
“O XII Premio Ramón Piñeiro Facer País, que outorga unha quincena de asociacións culturais das comarcas de Sarria, Láncara e o Corgo, foi para A Mesa pola Normalización Lingüística. O responsables da Asociación Cultural Val de Láncara, que coordina o galardón, facían público o fallo o pasado venres no Consello da Cultura Galega, logo de que representantes de todos os colectivos seleccionasen o gañador entre propostas abertas a toda a sociedade. A entrega do galardón, aínda sen data fechada, celebrarase a finais do mes de outubro.”
Láncara: entrega do XI Premio Ramón Piñeiro-Facer País a Agustín Fernández Paz
Agustín Fernández Paz leva o XI Premio Ramón Piñeiro Facer País
“O XI Premio Ramón Piñeiro Facer País, que convocan catorce asociacións e entidades da comarca de Sarria, Láncara e o Corgo, foi para Agustín Fernández Paz. Segundo sinalaron os representantes do galardón, Fernández Paz foi escolleito por sucesivas votacións das asociacións convocantes entre 45 candidatos. Para alén dos seus amplos méritos literarios, entre os que a organización destaca a súa recoñecida contribución á literatura infantil e xuvenil, o xurado tivo en conta “o seu decidido compromiso con Galicia e a lingua galega” e apuntou “a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracenza” eu o fan “merecedor de ser considerado un dos bos e xenerosos”. Na presentación do galardón, Carlos López Sierra, secretario da Asociación Val de Láncara lembrou a Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, que levaran cadanseu galardón e que faleceron no último ano. O acto de entrega celebrarase o vindeiro outono, en data aínda por determinar, en Láncara.” Desde Cultura Galega.
Mini e Mero reciben o Premio Ramón Piñeiro-Facer País
Mini e Mero, músicos, poetas, mestres e investigadores do patrimonio cultural galego, foron galardoados co Premio Ramón Piñeiro-Facer País na súa décima edición. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, e Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, actuais compoñentes do grupo A Quenlla, formaron parte tamén de Fuxan os ventos. O xurado, integrado por representantes de 18 asociacións culturais da comarca de Sarria (Lugo) analizou e considerou 29 propostas. O premio foi instituído en 2002 pola Asociación Cultural Val de Láncara para recoñecer o labor senlleiro de persoas e entidades a prol de Galicia. O acto de entrega terá lugar en Láncara (Lugo) o vindeiro 15 de outubro. Os 18 membros do xurado, representantes doutras tantas asociacións culturais da comarca de Sarria, avaliaron o constante labor dos premiados, Mini e Mero, “a prol da creación e recreación do cancioneiro galego e de diferentes manifestacións do noso patrimonio inmaterial, participando de modo individual ou con diferentes grupos no proceso de dignificación e recuperación das máis diversas facetas da expresión musical, incoporando ao seu repertorio creacións de poetas clásicos e modernos xunto con obras propias que gozan de xeral aceptación”. Recoñeceron asemade “o compromiso profesional de Mini e Mero como educadores a prol da galeguización do ensino e dunha escola creadora e non alleante no medio rural” e salientaron “a constante e desinteresada colaboración que os premiados prestan a colectivos culturais tanto de Galicia como da diáspora, levando a mensaxe de loita e solidariedade coas xustas reivindicacións do noso pobo”. Subliñaron por último “a súa activa participación nas actividades de recuperación da memoria histórica”. Nesta décima edición a candidatura de Mini e Mero competiu con outras 28, propostas polas distintas asociacións que colaboran con “Val de Láncara” na organización e concesión do Premio Ramón Piñeiro-Facer País. Reseñado en Xornal, La Voz de Galicia, Cultura Galega.