Marica Campo na Universidade da Coruña

No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.
Na Universidade da Coruña (Facultade de Filoloxía, Campus da Zapateira) o 13 de novembro (12:30 horas) contarase coa presenza de Marica Campo.

Mañá terá lugar en Santiago a I Xornada da Crítica Galega

Mañá, 21 de setembro, nas instalacións do Consello da Cultura Galega, terá lugar a I Xornada da Crítica Galega.
«A I Xornada da Crítica Galega, unha iniciativa que a Aelg, a través da súa Sección de Crítica, bota a andar este ano coa colaboración do Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear un foro de reflexión sobre a crítica literaria, tan importante para a normalización do noso sistema literario.
Foi concibida como un primeiro encontro entre profesionais diversos do mundo da crítica para iniciar unha reflexión acerca da situación da crítica literaria en Galicia nas súas diferentes manifestacións.
Esta primeira Xornada, dirixida a todas aquelas persoas relacionadas co mundo da crítica literaria e cos escritores en xeral, quere ter en conta a actividade crítica que se está a desenvolver hoxe no marco peninsular, e para iso contará con representantes da crítica galega, catalá, vasca, española e portuguesa.
O encontro ten ademais como obxectivo crear un foro de debate sobre a crítica literaria galega que reúna todas aquelas persoas que a estean a exercer nos diferentes ámbitos, para debateren os seus principais problemas e acadar un maior grao de recoñecemento e profesionalización das súas actividades.
Desenvolverase nas instalacións do Consello, no 2º andar do Pazo de Raxoi (Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela)». (Asociación de Escritores en Lingua Galega)

I Xornada da Crítica Galega, da AELG

A I Xornada da Crítica, que a Aelg organiza en colaboración co Consello da Cultura Galega, desenvolverase nas instalacións do Consello o día 21 de setembro de 2007. O programa pode consultarse na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Encontro de Pepetela cos socios e socias da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará mañá 4 de maio, ás 20:00 horas na Casa da Parra de Santiago de Compostela, un encontro de benvida a Galicia na honra do escritor angolano Artur Pestana “Pepetela”. Nesta ocasión o autor lusófono (Premio Camões 1997) ofrecerá unha conferencia-coloquio.

Día mundial da poesía: presentación do cartaz “Poetas de Galiza”

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Consellaría de Cultura e Deporte a través da súa D. X. de Creación e Difusión Cultural, e cumprindo cun dos seus principais obxectivos (a visibilización da figura dos nosos escritores/as), desenvolveu a idea de elaborar unha serie de carteis que nos axuden a poñerlles imaxe aos/ás nosos/as Poetas, e cuxo primeiro froito agora presentamos, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Poesía este 21 de marzo.
Este cartaz, do que se imprimiron 20.000 exemplares, foi xa distribuído por todo o país. (Véxase en “Novidades” da web da AELG)