A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de hoxe sábado a súa Asemblea Xeral de socios/as.
Acordouse que Vítor Vaqueiro sexa o próximo “Escritor na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo sexta edición; será no mes de xuño no Concello de Santiago de Compostela.
A Asemblea xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Mariasun Landa como Escritora Galega Universal 2020, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi.
O Premio será entregado o día 9 de maio de 2020, no marco da V Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó e María Teresa Horta.
Aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro, así como as previstas para a conmemoración do 40 aniversario da AELG.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) para someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2020 respectivamente a Batuko Tabanka e a Emilio Españadero. A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na V Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo no mes de maio.
Mestras da Memoria 2020: Batuko Tabanka
Grupo formado por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde, residentes en Galicia, a maioría en Burela (Lugo).
O nome, Batuko Tabanka, que se pode traducir como “Entroido de tambores”, tómano dun antigo ritmo tradicional de Cabo Verde. A batuka, en orixe, foi música de xente escrava, nacida canda a colonización portuguesa das illas de Cabo Verde no s. XVI. A música e o baile batuka son unha forma de comunicación dos que non podían facelo doutra maneira: batendo o peito, usando trapos mollados ou unha saca de coiro que colocan entre as pernas, como fan agora.
O grupo formouse a finais do s. XX en burela. En 2009 gravaron o seu primeiro disco “Djunta mô”(Xuntamos as mans) editado pola produtora PAI Música, para o que contaron coa colaboración de Uxía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní e Fernando Abreu.
Na súa música revive a memoria das súas orixes que recuperaron entre nós, na teera á que se viron forzadas a migrar por necesidades económicas.
O seu proxecto, con máis de vinte anos de vida, serviulles para percorrer Galicia e outras partes da península e incluso varios países de Europa. Protagonizan documentais, participaron en numerosos festivais e programas de televisión. Incluso ofreceron concertos no seu propio país. A súa decisión provocou, ademais de conservar o seu rico folclore, difundilo polo mundo.
Mestre da Memoria 2020: Emilio Españadero Paz
Ex-compoñente do colectivo de música tradicional “O Son Da Terra” e da banda de gaitas “Os Rexumeiros”. Encargado entre os anos 1992 e 2001 do pub “A Cova Folk”. Membro da organización das “Noites Celtas” na Coruña. Membro do xurado en distintas edicións do Certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e do Concurso Internacional de Folk “Cuarto Los Valles” en Navelgas (Asturias). Autor durante varios anos da páxina “Feitizo De Sons” no suplemento dominical do xornal Galicia Hoxe. Director e presentador do programa radiofónico Lume Na Palleira desde 1992 ata a actualidade.
“Lume Na Palleira” nasceu no mes de setembro do ano 1992, da man de Emilio Españadero Paz, como unha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país como de outros (principalmente os de influencia céltica), tivera presencia a traveso de ditas ondas. No ano 1996 “Lume Na Palleira” incorporouse a programación da Radio Galega.
O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración dunha nova Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a décimo terceira, da Xornada de Literatura de Tradición Oral, co lema “O humor na Literatura de Tradición Oral”.
Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.
Finalmente, a presidencia da AELG incidiu en que se tomarán as iniciativas que se consideren necesarias que emanan das conclusións do Parlamento de Escritoras-es que, co lema Identidade e dereitos civís desde a escrita, se celebrou en 2019.
Dado que neste 2020 a AELG fai 40 anos desde a súa fundación, a presidencia informou dos actos de conmemoración, que terán lugar no outono: celebrarase un acto aberto ao público no Teatro Principal da cidade de Pontevedra, durante o cal se proxectará un documental, que xa está en proceso de elaboración, no que se repasará a historia da entidade durante todos estes anos de traballo.
A presidencia expuxo á Asemblea as liñas de traballo que se están desenvolvendo nas cuestións de interese e importancia para as persoas asociadas que dependen de decisións a tomar no Parlamento e Goberno de España, entre as que se encontran a reforma das normas necesarias para establecer a compatibilidade entre a actividade de creación artística e o cobro da xubilación, a potenciación do labor do Instituto Cervantes no espallamento da cultura e lingua galegas, sobre todo no ámbito da lusofonía e, finalmente, o impulso do ensino da lingua galega no estado español.
Informou así mesmo de que se está traballando para asentar a recentemente creada conferencia de asociacións de escritoras e escritores como medio para conseguir obxectivos comúns en beneficio das respectivas bases asociativas, como por exemplo a redacción dun Código de boas prácticas para a elaboración de bases de premios literarios.