“Rodeado
de amigos, admiradores e lectores Paco Martín (Lugo, 1940) recibiu a homenaxe da literatura galega no Salón do Libro Infantil e Xuvenil que anualmente se celebra en Pontevedra. O sábado o salón clausurou a súa XIII edición (12+1). “Aquí estamos a xeración de Ramón Lamote”, anunciaron Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz, chairegos os dous, mantedores e presentadores do acto, aludindo á obra seguramente máis popular do autor, Premio Nacional de Literatura Infantil en 1986. A xuntanza celebrouse a mediodía no Pazo da Cultura de Pontevedra e reuniu despois a amigos e seguidores de Paco Martín e da súa obra nunha comida de amizade. Entre os asistentes, ademais da Editorial Galaxia, estaban autores como Fina Casalderrey, Gloria Sánchez, Anxos Sumai, Bernardino Graña, Mariano García, Xosé Neira Vilas, Xavier Senín, ou ilustradores como Kiko da Silva. Mini e Mero cantaron a Cunqueiro e a Celso Emilio Ferreiro nas sobremesas.
“¿Que vou dicir eu, rodeado destes chairegos que me acompañan dende sempre?”, comentou o homenaxeado logo dos discursos de celebración. “Vimos facendo camiño xuntos. Compartimos denmde hai unha chea de anos historias, soños, ilusións… Este país tamén o facemos con palabras e, sobre todo, co afecto e o recoñecemento dos lectores. Os lectores son o corazón da literatura. Baixar dende as terras de Lugo á luz das Rías é sempre unha alegría, e esta cita pontevedresa é algo do que debemos sentirnos orgullosos. Que dure…”. (…)” Vía Galaxia.
Arquivos da etiqueta: Bernardino Graña
A Coruña: presentación de Ser auga, darse en auga de Bernardino Graña
O venres
18 de marzo, no Centro Social Novacaixagalicia (Avenida da Mariña, esquina Rúa Fama) da Coruña, a partir das 20:30 h., preséntase o libro Ser auga, darse en auga, de Bernardino Graña, publicado na Colección Arte de Trobar do Centro PEN Galicia. No acto intervirán Miro Villar, Xavier Seoane, Estíbaliz Espinosa e o autor. Os asistentes recibirán un exemplar do libro, agasallo de Novacaixagalicia e o Centro PEN Galicia.
A Coruña: entrega de O Facho de Ouro a Bernardino Graña
O
sábado 29 de xaneiro terá lugar a entrega do Facho de Ouro, concedido pola Directiva da Agrupaçom Cultural O Facho a Bernardino Graña Villar, como testemuña e recoñecimento á súa longa traxectoria na defensa da dignidade e da cultura do País. O acto cívico será acompañado dunha cea homenaxe que se celebrará ás 21:00 horas no Hotel Riazor da Coruña. O prezo por persoa é de 30 euros, podendo facerse as reservas nos teléfonos 981.269.663 (tardes) e 698.147.851, ou ben no correo electrónico lobezan@yahoo.es.
Bernardino Graña: “Hai que berrar como fixo Castelao, segue a haber motivos”
Entrevista
a Bernardino Graña no Xornal de Galicia, con motivo da publicación da súa antoloxía Ser auga:
“- Xornal de Galicia (X): Ingresou na Academia o pasado xuño. Foi un recoñecemento tardío?
– Bernardino Graña (BG): Eu non me queixo, ingresar foi algo moi positivo. Tiven que esperar e tiven que ver como ían entrando outros. Todos eles tiñan que entrar. Ingresaron homes e ingresaron mulleres e era moi bo que todos eles foran entrando. Eu non tiña présa por entrar. Se ingresaba, pois ben. Que non ingresaba? Pois tamén ben. Non tiña grande ansia.
– X: Vostede formou parte do Brais Pinto. É unha gran responsabilidade que chega a pesar formar parte dese grupo que segue a ser un referente?
– BG: Eu estou sorprendido co que fixemos co Brais Pinto. Nós non eramos máis que estudantes sen cartos e nós, daquela, só buscábamos saír adiante. E si, foi unha gran responsabilidade a que tivemos. O Brais Pinto foi un grupo que tivo a valentía para berrar por Galicia dende Madrid. Facer un berro noso e axudar a berrar e a protestar. Había que dicir ben alto “aquí estamos”.
– X: Hai motivo hoxe en día para berrar dende Galicia co que pasa coa lingua?
– BG: Mira [colle un exemplar de Sempre en Galiza que está enriba da súa mesa], isto hai que lelo e volver lelo unha e outra vez. Hai que asimilar o que aquí pon porque está de plena actualidade, por desgraza. Hai que seguir a berrar, temos a obriga de seguir a berrar como fixo Castelao porque segue a haber motivos. Temos que formar un coro grande e xuntar a nosa voz a Castelao para que nos escoiten.
– X: E escoitará quen teña que escoitar?
– BG: Teñen que escoitarnos, pero para iso temos que berrar. Nós temos que berrar, tanto se nos queren escoitar como se non queren.”
Bernardino Graña: “Un premio da natureza”
Entrevista
a Bernardino Graña en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura para un escritor é ó mesmo tempo profesión e hobby?
Bernardino Graña (BG): É exactamente o que é.
GH: O escritor sempre ten un libro debaixo do brazo?
BG: Sempre ten algún libro, ás veces para documentarse sobre algo, e outras como unha lectura.
GH: Cando un está de vacacións adoitan vir á mente boas ideas para un vindeiro traballo?
BG: Ó estar de vacacións as ideas que fuches tendo durante o inverno valas plasmando máis e mellor.
GH: Como é o primeiro día de escritura tras a temporada de vacacións? Custa arrancar?
BG: Parece que eu fose un oficinista (risos). Son escritor, estou sempre coa profesión e co hobby, e sempre lle estou dando á cabeza, non me custa nada de traballo porque sempre estou traballando.”
Bernardino Graña, o poeta do mar, ingresa na Real Academia Galega
Bernardino Graña ingresa na Real Academia Galega
O escritor Bernardino Graña foi elixido onte académico numerario na reunión de onte dos membros da Real Academia Galega na que se acordou ademais dedicar o Día das Letras 2010 ao poeta do Courel Uxío Nonoveyra. Nacido en Cangas do Morrazo en 1932, Bernardino Graña é recoñecido sobre todo como poeta, aínda que tamén é autor de pezas teatrais e dunha importante obra narrativa no ámbito da literatura infantil.
Moaña: homenaxe a Manuel María e Bernardino Graña
Este sábado 20 de xuño Moaña homenaxea aos poetas Manuel María e Bernardino Graña co seguinte programa de actos:
19:30h. Rúa Bernardino Graña. Interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galiza. Intervención do Alcalde de Moaña. Intervención da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Descuberta da placa polo homenaxeado. Intervención de Bernardino Graña.
20:00h. Paseo do Poeta Manuel María. Descuberta da placa co nome de Manuel María por parte da súa viúva. Intervención de Saleta, compañeira de Manuel María. Recital de Poemas coa intervención de: Heitor Mera, Marta Dacosta, Anxo Angueira, Lucía Novas, Xosé Daniel Costas e Celso Parada. Interpretación do Himno Galego.
20:30h. Acto Musical no salón de actos do I.E.S. As Barxas. Banda e Coral Solfa (Santiago de Compostela). Tino Baz. Cantautor.