Lugo: actos culturais no Madia Leva!

No Centro Social Madia Leva! de Lugo continúan os actos do Mes da Lingua. Este venres 29 ás 20:30 Bernardo Penabade e Matias Nicieza virán para falaren do modelo de normalización lingüística de Burela. A situación desta vila mariñá é privilexiada. Teñen un plano lingüístico pioneiro no país e o 80% dos seus habitantes falan, de xeito espontáneo, galego. Tamén os inmigrantes, que proceden de catro continentes distintos. Así o quixeron amosar o profesor Bernardo Penabade -membro do equipo redactor do Modelo Aditivo de Política Lingüística Municipal aprobado e aplicado por unanimidade de todas as forzas políticas no Concello de Burela- e o realizador burelao Matías Nicieza, que elaboraron un documentario de 66 minutos de duración, que lle pon imaxes ás voces da realidade burelá. Antes da palestra, proxectarase o documentario Modelo Burela.

Ao día seguinte, o sábado 30, preséntase o proxecto editorial de Estaleiro. Os obxectivos desta editora son a difusión de pensamento crítico, o traballo sen subsidios, o copyleft e a liberdade normativa. O libro que innagura a colección de ensaio é A revolução pendente. Democracia e feminismo de Carlos Diegues. O autor estará presente para falar deste libro que, segundo as súas palabras, pretende ser “uma contribuição para a construção de uma alternativa política coerente e global, crítica com um processo globalizador que castiga de maneira especial as mulheres, em forma de violência, de exclusão da cidadania plena e de feminização da pobreza”.

A Coruña: conferencia de Bernardo Penabade

Mañá mércores 18 de febreiro o coordenador do Arquivo Documental do Concello de Burela e profesor de Ensino Secundario Bernardo Penabade Rei intervirá dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom cunha charla titulada Unha nova política linguística municipal. Será a partir das oito do serán, no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña. Organiza a Agrupaçom Cultural O Facho.