A Coruña: recital de Branca Novoneyra e Márcio-André no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 3 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Branca Novoneyra e o poeta brasileiro Márcio-André.

Branca Novoneyra: “Nada que non me transforme con intensidade ten espazo hoxe nos meus poemas”

Entrevista de Montse Dopico a Branca Novoneyra en Dioivo:
“Hai un movemento cara á luz nos dous poemarios de Branca Novoneyra, Dentro do labirinto e Cristal escuro. Unha procura da saída, unha viaxe a través dos simbolos. Pero é no segundo onde todo se concentra. En poemas de poucos versos. Algúns como haikus. Nos que só queda o esencial.
– Dioivo: No caso de Dentro do labirinto, había unha peza de danza creada a partir do poemario. Con Cristal escuro tamén é así?
– Branca Novoneyra: Si. Presenteino na Galería SCQ con Linde, unha instalación sonora que materializa a poesía fóra do papel. Para a produción da peza contei con Mónica de Nut no espazo sonoro e con Jesús Andrés Tejada nos visuais. Linde é un espazo simbólico onde a palabra procura unha última fronteira. (…)”.

Compostela verá unha acción de poesía mural

“Encher as paredes de Compostela de carteis con poemas. Esta é, basicamente, a proposta de A Compostelana, un proxecto de poesía mural que comezou este martes na Cidade do Apóstolo e que se vertebra con outras iniciativas deste tipo en Madrid, Bos Aires e París. A proposta nace da man de Picaversos, iniciativa de Branca Novoneyra e Olalla Cociña que desde hai algo máis dun ano está a levar recitais ao pub Modus Vivendi de Compostela. Un texto de Estevo Creus e outro de Lupe Gómez serán os primeiros que se poderán ler nas rúas da cidade.” Desde Cultura Galega.

Tres mulleres á fronte das ágoras poéticas

“(…) As segundas feiras -día pouco frecuentado na programación cultural- e unha por mes, Poetas di(n)versos convoca o público para vivir a poesía e partillar do diálogo que se estabelece entre os nomes máis destacados da literatura galega para partillar cos de diversos países do mundo. “O interesante é ese encontro. Ás veces a sesión achéganos a poéticas semellantes, ás veces é o contraste o que os pon en relación”, explica Yolanda Castaño, dunhas sesións en que as persoas convidadas de fóra asisten á lectura da súa obra traducida ao galego.
O formato de Picaversos é distinto. A ágora non se atopa nun auditorio, senón nun ámbito máis informal, nun dos locais nocturnos de máis historia de Compostela, o Modus Vivendi da zona vella. Pola cidade, como pola Coruña, hai cartaces pendurados aínda anunciando a segunda edición que vén de comezar. Un paxariño de papiroflexia, deseño de Marcos Vigo, identifica o ciclo xestionado por Branca Novoneyra e Olalla Cociña, dúas poetas que viven na cidade e buscaron na noite un espazo e un tempo alternativo para compartir poesía. Nos Picaversos cada quince días, por volta das 21 horas, danse cita no Modus para escoitaren tres persoas convidadas que comparten os seus poemas preferidos. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música, do teatro, da maxia ou de oficios varios, e xúntanse arredor dun mesmo lema. “Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira” explica Branca Novoneyra. Contan tamén coa boa resposta do público que enche o local en cada sesión, partillando con Branca e Olalla a vontade de seren partícipes do pracer de ler e escoitar a lectura. A música tende a agromar tamén nas sesións de Picaversos. “Pretende facer visible a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público”, explican. No horizonte prometen novos proxectos de difusión poética, entre outros, a Compostelá, unha iniciativa pola que entran na rede de a Parisiense e A Porteña de difundir os versos na rúa a través de carteis. (…)” Desde Sermos Galiza.

Santiago: presentación-exposición Linde, sobre Cristal escuro, de Branca Novoneyra

A instalación sonora Linde, que presenta e dá corpo ao novo poemario de Branca Novoneyra, Cristal escuro, abrirase ao público o xoves 18 de outubro a partir das 20:30 horas na Galería SQC (Pérez Constanti, 12, baixo) de Santiago de Compostela. O espazo sonoro foi preparado por Branca Novoneyra e Mónica de Nut e o visual por Jesús Andrés Tejada.

Dandylady propón unha representación escénica da poesía

O pasado mes de marzo Dandylady, o dúo composto por Iria Pinheiro e mais Jesús Tejada, estreaba Dessassossego. Esta proposta de poesía escénica inspírase no Livro do Dessassossego de Fernando Pessoa, a cuxos poemas acompañan textos de seis poetas galegas e tres foráneas (Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Esther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado e Adília Lopes) arredor da idea de desacougo.

Santiago: Tender a man, con Isaac Garabato e Yolanda Castaño

O xoves 21 de xullo, ás 21:00 horas, na Cidade da Cultura, dentro do programa Atardecer no Gaiás, Yolanda Castaño fusionará os seus versos cos músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut e a danza de Branca Novoneyra no espectáculo Tender a man. Tradicionalmente considerado xénero minoritario e difícil, a poesía faise acompañar aquí de disciplinas creativas máis próximas ao gran público (música en directo, performance, video, danza contemporánea,…)

A Coruña: VIII edición dos Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e artes plásticas

O venres VIII Encontro Milpedras24 de xuño, ás 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, terá lugar a VIII edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Celso Álvarez Cáccamo, Estíbaliz Espinosa e Branca Novoneyra, en paralelo á música de Karlos Barral e Alberto Laso, e a intervención dos artistas plásticos Carlos Botana e Nando Lestón.