Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“En Suíza andei por Zug e Basel, no cantón xermano da Confederación. Fun alí convidado pola Federación de Sociedades Galegas, que manten vivo, con orgullo, o facho da galeguidade na diáspora.
En Zug impartín a tarde do 24 unha charla sobre Díaz Castro arroupado polo presidente da entidade A Nosa Terra, Xosé Rodríguez, quen xunto ao seu secretario, Carlos Rey, fixeron que a miña intervención se desenvolvese no mellor dos marcos posibles, cun moi participativo grupo de galegas e galegos emigrantes que moito se interesaron pola figura do homenaxeado.
Ao día seguinte foi a quenda de Sementeira, o centro galego de Basel, a cidade do dragón, pois a ese animal mitolóxico, o basilisco, remite o nome da localidade.
En Basel, na Wettsteianallee 141, pronunciei unha conferencia a mañá do 25 acompañado do carismático presidente de Sementeira, Ramón Carreira Collazo e varios dos seus máis estreitos e activos colaboradores: Gaspar Silva, Preciosa, Lina Boado ou Eusebio Arnáiz. Con eles, pero tamén con outras galegas e galegos que alí se deron cita, celebramos a palabra diazcastriana e tamén a festa da galeguidade, pois á miña intervención púxolle o broche a actuación do Grupo Semente e un xantar de fraternidade no que participaron moitos dos congregados á xuntanza.
A visita aos airiños da Helvecia que cantaba Noriega deume a oportunidade de comprobar, máis unha vez, que a Galicia espallada polo mundo vive con inusitada intensidade a cultura da terra como sinal de identidade e que a conmemoración do Día das Letras é para eles unha celebración de primeiro relevo, a escusa perfecta non só para regresar ás orixes da palabra que os identifica, senón tamén de xunguirse ao ritmo cultural que dende o Finisterrae flúe e chega por emotivas arterias a todo o tecido emigrante que irriga o planeta. (…)”