Desde Letras Galegas 2022:
“(…) – Letras Galegas 2022 (LG): 1.- A escolla de Florencio Delgado Gurriarán como autor homenaxeado nas Letras Galegas deste 2022 pon enriba da mesa a débeda que Galicia ten coa escrita do exilio republicano. Pensas que pode servir como un punto de partida para recuperar a memoria e obra doutras figuras para o gran público e que conforman esa diáspora non tan recoñecida nin coñecida?
– Miro Villar (MV): Na nosa historiografía en xeral, e en particular na nosa historiografía literaria, non abondan os estudos sobre o exilio republicano. Con todo hai achegas importantes como algúns textos do profesor Xesús Alonso Montero ou como o volume que sintetiza a tese de doutoramento de Xosé Manuel Maceira Fernández, A literatura galega no exilio. Consciencia e continuidade cultural (1995). Tamén a propia celebración do Día das Letras Galegas ao analizar a obra de Eduardo Blanco-Amor en 1993, de Luís Seoane en 1994, de Rafael Dieste en 1995 e de Lorenzo Varela en 2005 aproveitouse para achegamentos á diáspora galega na Arxentina, tanto da emigración como do exilio. Porén o exilio mexicano estaba (e aínda está) moi desatendido. Certo é que menos numeroso que o radicou no cono sur americano, mais do punto de vista cualitativo é un exilio tamén moi importante cono nomes tan significativos como o musicólogo Xesús Bal y Gay, o actor (amado por Lorca?) Serafín Ferro, o xornalista Luís Soto, o pintor Arturo Souto, o cineasta Carlos Velo ou, entre outros, Alexandre Finisterre, pseudónimo de Alejandro Campos Ramírez, inxustamente máis coñecido por ser o inventor do futbolín ou por ser custodio e testamenteiro do poeta León Felipe do que é como poeta e como editor. Na miña opinión xa tarda a recuperación do legado e da memoria de moitas destas persoas. Oxalá se produzan, máis cedo que tarde, novas investigacións que nos deiten luz sobre este e outros exilios escasamente coñecidos. É unha débeda que temos co seu espírito democrático e co seu talento intelectual e creativo.
– LG: Pareceunos moi interesante o acceso que ten, dende moi novo, a unha biblioteca bastante ben surtida tanto de clásicos galegos como de revistas que viñan de alén do mar, o que xa fala dun certo compromiso familiar coa cultura galega. Como era, que coñecemos deste ambiente familiar ou a súa ligazón cultural?
– MV: A verdade é que, de facermos caso ao propio poeta corgomés, habería que matizar (eu mesmo) esa afirmación de que tiña unha biblioteca ben nutrida de clásicos da literatura galega. Na entrevista que lle fai Dolores Plá a Florencio Delgado Gurriarán realizada na cidade mexicana de Guadalajara os días 23, 24 e 25 de agosto de 1979 (e que recuperou o Consello da Cultura Galega no seu Álbum de Galicia, ao falar sobre a orixe do seu galeguismo afirma textualmente: “Pues en parte, como le digo … las lecturas de, de un único libro que teníamos entonces en casa en gallego que era Ay da miña Terra de Carlos Enríquez, que parte de un contacto con el pueblo”. (Plá transcribe incorrectamente o título Aires da miña Terra e o nome do poeta celanovés Curros)
E engade na mesma entrevista: “estando en Valladolid, precisamente, conocí … me dieron, me regalaron un número de A Nosa Terra que era un boletín de las hermandades de La Coruña, las hermandades gallegas. Y para mí fue una revelación, porque yo no sabía que había más gente que se preocupara del gallego -aparte de los vijos- ¿verdad?, aparte de los del siglo pasado, digamos, Carlos (sic por Curros) Enríquez y Rosalía ¿verdad?”.
Polo tanto, na casa familiar había unha boa biblioteca, de certo, mais a literatura en galego era anecdótica, por moito que ese libro de Curros fose moi importante no seu labor creativo. E será anos máis tarde, cando vive en Valladolid, e grazas ás publicacións periódicas, nomeadamente, A Nosa Terra, cando Florencio coñeza e descubra con abraio toda a nosa tradición cultural e literaria. De feito, a aproximación a todo este acervo vai ser fundamental naquel mozo para a súa afectiva aproximación ao galeguismo da época que o levará a militar no Partido Galeguista.
– LG: 3.- Un aspecto que sinalas na biografía é ese vencello coa terra dende moi noviño malia as mudanzas impostas polo traballo do pai. Esa Arcadia infantil ten a súa materialización no uso da lingua galega (que tamén foi a lingua na que se iniciou nos estudos) e que nunca abandonou, ligando, tempo polo medio, con ese “niño de galeguistas” como dis ti no libro, que será a revista Saudade, publicación mexicana en galego…podes comentar un pouco deste vencello non soamente coa cultura galega, senón coa lingua como instrumento?
– MV: Saudade, aínda que con menos calidade estética que a posterior Vieiros, é unha revista que convido a (re)ler, hai unha boa reedición facsímile feita polo Centro Ramón Piñeiro (que se pode consultar en papel na Biblioteca Xeral, como eu fixen hai anos, mais agora tamén en pdf na rede. Os dous proxectos, fundamentais na biografía de exiliado de Florencio Delgado Gurriarán, teñen como norte a lingua e a cultura galega. Saudade, que citas, tiña un subtítulo abondo significativo Verba Galega nas Américas. Entre os seus presupostos está a continuada defensa da lingua galega como símbolo identitario, até boa parte da publicidade está en galego, inaudito naquel tempo, e para ese obxectivo de dignificar o noso bota man de numerosas colaboracións, case medio cento de nomes que van desde os clásicos do noso Rexurdimento até autores contemporáneos do poeta corgomés, tanto do exilio e da emigración, como do denominado “exilio interior”. Por certo, alén de Rosalía tan só dúas mulleres, Chita Lamas (dona de Ramiro Illa Couto, membro do consello de redacción) e a poeta ourensá Pura Vázquez. Malia predominar a creación literaria, sobre todo a poética, na revista tiveron acubillo todas as temáticas, desde a antropoloxía até as diferentes manifestacións artísticas, música, pintura… (…)”
Arquivos da etiqueta: Carlos Velo
Miro Villar: “A Delgado Gurriarán xa lle preocupaba algo tan actual como a transmisión do idioma”
Entrevista de Antón Escuredo a Miro Villar en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como chega á obra de Florencio Delgado Gurriarán?
– Miro Villar (MV): A min sempre me interesou a poesía da emigración e do exilio. Penso que é unha débeda que aínda temos pendente. Están a saír estudos mais hai moito que facer nese terreo. A Florencio cheguei, fundamentalmente, da man do profesor Alonso Montero nun curso de doutoramento sobre Guerra Civil e literatura galega. Tiña o costume, neses cursos, de chegar cuns libros e falaba de autores que non estaban no currículo.
Despois coincidiu que o meu primeiro destino docente foi no Barco de Valdeorras e alí profundei máis no interese por toda a súa obra. Alí preparei unha palestra para o Instituto de Estudos Valdeorreses do que saíu un artigo que foi a cerna deste libro.
– ND: Cal é a razón de que non se tratara antes o exilio galego en México?
– MV: Hai moitos estudos sobre o exilio americano, sobre todo nucleado ao redor da Arxentina. Ten que ver con que alí estaba o núcleo do galeguismo, entre eles un persoeiro como Castelao que concitaba ao seu redor todo o galeguismo militante na altura. Probabelmente tamén habería unha maior comunicación entre ese exilio e o que se denominou exilio interior.
O exilio mexicano ten nomes moi importantes. Ademais de Delgado Gurriarán ten poetas pouco coñecidos, como Serafin Ferro que morreu novo. Tamén hai cineastas como Carlos Velo ou músicos como Jesús Bal y Gay. Coido que México estaba chamado a aparecer nas Letras Galegas cando xa se tratou, dalgunha maneira, o exilio na Arxentina. Haberá que pescudar no de Uruguai, Chile e Paraguai, máis pequenos e con voces importantes.
– ND: A obra de Delgado Gurriarán vai parella coa súa biografía?
– MV: É indubidábel. Poderiamos estabelecer tres etapas claras. Hai un Florencio de preguerra, outro da guerra e un máis da posguerra. Na primeira mesmo confesa que está moi na liña dunha das correntes de vangarda daquela época, o hilozoísmo de Amado Carballo, e confésase debedor da súa obra.
Logo hai un Florencio combatente que publica nas revistas antifascistas cando xa está exiliado, despois dunha fuxida desde Valdeorras cara a zona republicana e nos primeiros anos do exilio. Poemarios como Cancioneiro da loita galega, aínda que os textos estean asinados con seudónimo, sabemos que son da súa autoría.
Ten esa musa cívica, combatente, antifranquista, republicana. Despois, a partir de 1963 co seu gran libro Galicia infinda e todos os que virán con posterioridade, hai un Florencio máis plural, que trata todos os temas. Dialoga cos nosos poetas, como Rosalía e Curros, mais tamén coa poesía simbolista que incorpora toda a cultura mexicana do exilio que xa está vivindo. Ten os que chamou “poemas mexicanos” que incorporan moito da cultura indíxena, mesmo coas súas voces. Temos un poeta máis poliédrico, con moitas caras e que coñece moito máis o oficio. (…)”