Miro Villar: “A Delgado Gurriarán xa lle preocupaba algo tan actual como a transmisión do idioma”

Entrevista de Antón Escuredo a Miro Villar en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como chega á obra de Florencio Delgado Gurriarán?
– Miro Villar (MV): A min sempre me interesou a poesía da emigración e do exilio. Penso que é unha débeda que aínda temos pendente. Están a saír estudos mais hai moito que facer nese terreo. A Florencio cheguei, fundamentalmente, da man do profesor Alonso Montero nun curso de doutoramento sobre Guerra Civil e literatura galega. Tiña o costume, neses cursos, de chegar cuns libros e falaba de autores que non estaban no currículo.
Despois coincidiu que o meu primeiro destino docente foi no Barco de Valdeorras e alí profundei máis no interese por toda a súa obra. Alí preparei unha palestra para o Instituto de Estudos Valdeorreses do que saíu un artigo que foi a cerna deste libro.
– ND: Cal é a razón de que non se tratara antes o exilio galego en México?
– MV: Hai moitos estudos sobre o exilio americano, sobre todo nucleado ao redor da Arxentina. Ten que ver con que alí estaba o núcleo do galeguismo, entre eles un persoeiro como Castelao que concitaba ao seu redor todo o galeguismo militante na altura. Probabelmente tamén habería unha maior comunicación entre ese exilio e o que se denominou exilio interior.
O exilio mexicano ten nomes moi importantes. Ademais de Delgado Gurriarán ten poetas pouco coñecidos, como Serafin Ferro que morreu novo. Tamén hai cineastas como Carlos Velo ou músicos como Jesús Bal y Gay. Coido que México estaba chamado a aparecer nas Letras Galegas cando xa se tratou, dalgunha maneira, o exilio na Arxentina. Haberá que pescudar no de Uruguai, Chile e Paraguai, máis pequenos e con voces importantes.
– ND: A obra de Delgado Gurriarán vai parella coa súa biografía?
– MV: É indubidábel. Poderiamos estabelecer tres etapas claras. Hai un Florencio de preguerra, outro da guerra e un máis da posguerra. Na primeira mesmo confesa que está moi na liña dunha das correntes de vangarda daquela época, o hilozoísmo de Amado Carballo, e confésase debedor da súa obra.
Logo hai un Florencio combatente que publica nas revistas antifascistas cando xa está exiliado, despois dunha fuxida desde Valdeorras cara a zona republicana e nos primeiros anos do exilio. Poemarios como Cancioneiro da loita galega, aínda que os textos estean asinados con seudónimo, sabemos que son da súa autoría.
Ten esa musa cívica, combatente, antifranquista, republicana. Despois, a partir de 1963 co seu gran libro Galicia infinda e todos os que virán con posterioridade, hai un Florencio máis plural, que trata todos os temas. Dialoga cos nosos poetas, como Rosalía e Curros, mais tamén coa poesía simbolista que incorpora toda a cultura mexicana do exilio que xa está vivindo. Ten os que chamou “poemas mexicanos” que incorporan moito da cultura indíxena, mesmo coas súas voces. Temos un poeta máis poliédrico, con moitas caras e que coñece moito máis o oficio. (…)”

Miro Villar: “Temos unha literatura de moito percorrido, de moita historia”

Entrevista a Miro Villar en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Este libro [Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano] tivo como punto de partida un artigo xa escrito por vostede no 2006. Din que foi vostede un dos primeiros estudosos do autor. Que o levou a el?
– Miro Villar (MV): A aproximación supoño que lla debo ao profesor Alonso Montero, que nun curso do doutoramento sobre a literatura e a guerra civil, traíanos sempre materiais de primeira man, libros esgotados, non editados… e entre eles estaba a obra de Florencio. Logo, o meu primeiro destino no ensino foi O Barco de Valdeorras, e alí co instituto de estudos valdeorreses convidáronme a unha palestra nunhas xornadas. Centreina niso. A raíz disto publiquei ese longo artigo, cerna deste libro de Xerais que vai dirixido máis ben a alumnado de secundaria e bacharelato. Ten, dende logo, vocación divulgativa.
– LVG: Entendemos que a escolla de Delgado pola RAG para estas Letras ten para vostede toda razón de ser.
– MV: Si. Entre os moitos nomes que se valoran, e que son de xustiza, o de Florencio achegaba dúas cuestións clave: unha, a aproximación á Galicia máis oriental, sempre pouco representada na celebración das Letras, e outra, a aproximación ao exilio mexicano. O exilio si estivo representado nas Letras, pero máis focalizado onde estivo o maior número de exiliados, a Arxentina.
– LVG: Que diría da vida de Florencio?
– MV: Hai que falar dun home galeguista republicano que, no momento no que o franquismo empeza a exercer a represión e a matar a moitos dos que eran os seus compañeiros, tense que agochar e fuxir a través da raia portuguesa. Pola zona de Toén, consegue chegar a Porto e, dende alí, embarcar para Bordeos e incorporarse á zona republicana, onde, el que xa era militante de base do Partido Galeguista, vai ter maior protagonismo. Coa derrota da guerra traballa na evacuación de republicanos cara a América e el mesmo irá nun dos barcos cara o exilio mexicano, que é onde vai desenvolver a súa vida. Regresou tardiamente a Galicia, e poucas veces. (…)”