Commedia e Invisibles reciben tres premios María Casares nunha noite repartida

Desde Sermos Galiza:
“A XXIII edición dos Premios de Teatro María Casares resultou repartida. Sete espectáculos obtiveron algún dos galardóns nunha noite en que Commedia, de Contraproducións, que estaba nomeada en 12 categorías, levou tres recoñecementos: espectáculo, actor secundario (Marcos Orsi) e vestiario (Suso Montero), o mesmo número que Invisibles, de Redrum Teatro (nomeada a catro): dirección (Marián Bañobre), iluminación (Laura Iturralde) e adaptación-tradución (Santiago Coregoso e Marián Bañobre).
O servidor de dous amos, de Talía Teatro, acadou outros dous galardóns: Maquillaxe (Martina Cambeiro) e actriz secundaria (Marta Lado). Casa O’Rei, de Ibuprofeno, tamén recibiu dous premios: actor protagonista (Miguel Borines) e música orixinal (Caxade) e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, fíxose con outros dous: actriz protagonista (Iria Pinheiro) e mellor texto orixinal (Iria Pinheiro e María Lado).
Divinas palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, que partía como unha das favoritas, con sete nomeacións, levou un premio María Casares: escenografía (Suso Montero) e Patapatum, de Elefante Elegante logrou o de mellor espectáculo infantil.
As gañadoras e gañadores recibiron unha intepretación do rostro de María Casares a cargo da ceramista Paula Pereira (Arcade, 1986). As pezas substituíron ás tradicionalmente empregadas de Sargadelos. Unha decisión cpnsecuencia das “decisións empresariais e ás declaracións ao respecto da acción sindical da actual dirección do grupo”, indicara nun comunicado a Asociación de Actores e Actrices.
Os directores Juanillo Esteban e Carlos Sante conduciron unha gala que trasladou o público congregado no Teatro Rosalía Castro da Coruña á época do Imperio Romano. Non faltaron as técnicas do novo circo. Portes, clown, teas aéreas, corda lisa, teatro xestual ou parodia cómica formaron parte dunha gala cuxa escenografía correu por conta de Suso Montero.
Durante o evento o actor e dramaturgo Carlos Santiago leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Santiago e Ourense recibiron o Premio de Honra Marisa Soto.
Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, pronunciou un discurso en que explicou por que a gala non foi retransmitida pola TVG. “Non conseguimos nunca que a gala se emitise nun horario razoábel e pola primeira canle. Intentouse ano tras ano, pero este último non tivemos sequera a opción de expoñer directamente -e de negociar- as nosas peticións diante de alguén, sermos recibidas por alguén. E até aquí chegamos”, lamentou Mabel Rivera.
A actriz agregaba: “nós somos os rostros, as voces, o talento nunha palabra, do audiovisual deste país. Moito antes de existir a canle autonómica, moitas de nós xa estabamos traballando nesta que é unha das manifestacións culturais máis sobranceiras do país, comprometida e pioneira, en certo modo no uso da lingua no directo co público desde a nosa profesión”.”

Comeza a XXXI edición das Noites Teatrais de Vilamarín

Desde Erregueté:
“O concello de Vilamarín prepárase para acoller un ano máis as tradicionais “Noites teatrais”, que este ano chegan a súa XXXI edición cun programa que inclúe espectáculos de referencia na dramaturxia galega e que se celebrarán do 9 ao 13 de xullo, cada día ás 22.30 horas, no auditorio municipal. O programa ofrece cinco días de espectáculos. Dará comezo o 9 de xullo co Grupo de Teatro de Vilamarín, no que participan actores de entre 12 e 65 anos co espectáculo Os cravos de prata. O día 10 será a quenda para a Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, que presentará As ondas das pedras no río, unha adaptación do libro de Arundhati Roy O deus das pequenas cousas dirixida por Fernando Dacosta. O 11 de xullo actuará Ibuprofeno Teatro coa Casa O´Rei, a obra coa que Santiago Cortegoso completa a súa triloxía gastronómica, xunto con O furancho e Raclette. O texto propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do Rei Lear de Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega. Ao día seguinte, o 12 de xullo, actuará Sarabela Teatro con O rei morre, unha adaptación libre da obra de Ionesco, dirixida por Ana Vallés, na que se reflexiona sobre o poder e a morte. O día 13 pecha a programación Contraproducións coa obra Fillos do Sol, unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó sobre os últimos anos da vida de Eduardo Pondal e a súa loita por rematar a que el consideraba a súa obra mestra, Os Eoas. A entrada para os espectáculos é gratuíta.”

Catro espectáculos e un ‘pitching’ de 10 proxectos pechan en Santiago a sexta edición de Galicia Escena PRO

Desde Agadic:
“O mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO, organizado pola Agadic, remata mañá a súa sexta edición cos catro últimos espectáculos en cartel e a exposición, en primicia para os máis de 200 profesionais acreditas, dos novos proxectos nos que están a traballar 10 compañías galegas cara á vindeira temporada escénica.
Esta cuarta e última xornada de actividade arrancará ás 11,00 h. na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE, un dos catro escenarios de Santiago de Compostela nos que se está a celebrar o encontro desde o pasado luns. Será coa montaxe de monicreques Soñando a Pinocho, da compañía madrileña La Tartana, que –ao igual que o fará esta tarde La Estampida– preséntase aquí grazas ao intercambio entre Galicia Escena PRO e MADferia.
Tamén na Fundación SGAE a partir das 12,15 h., levarase a cabo a sesión de ‘pitching’ coa que, por cuarto ano consecutivo, se busca impulsar a difusión de novos traballos escénicos xa desde os momentos iniciais da súa produción. Como en anos anteriores, 10 compañías avanzaranlles en primicia aos programadores acreditados os seus novos proxectos: In Between, de Compañía Mikel Arístegui; Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia; Anatomía dunha serea, de Chévere; Arnoia, Arnoia: o circo da casa pequena, de Compañía Pistacatro; Auga que non vas beber, de Fantoches Baj; Cinco mulleres que comen tortilla, de Señora Supina; Insubmisión, de Teatro del Andamio; Involución, de Alfredo Muíño; Liberto, de Marelas, e Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro.
Presentacións profesionais
A xornada da tarde iniciarase ás 16,30 h. na biblioteca do Salón Teatro coa presentación de Residencias del Paraíso, programa de impulso da creación no ámbito das artes do movemento promovido polo Colectivo RPM co apoio económico da Agadic e a colaboración de diferentes espazos escénicos de toda Galicia.
O programa de exhibición continuará ás 17,30 h. co espectáculo de danza urbana La soledad de Wally, da compañía emerxente Elahood, no Auditorio Abanca. Ás 19,30 h. chegará a quenda de Eme2 Producións con A Leituga (na imaxe) no Teatro Principal, mentres que Ibuprofeno Teatro será o grupo encargado de pechar esta sexta edición con Casa O’Rei, que subirá ás táboas do Salón Teatro ás 22,00 h..
Concluirán así catro intensos días de actividade, durante os que se puideron ver en Santiago as últimas propostas de teatro e danza de 19 compañías (17 galegas e dúas de Madrid) e que congregaron máis de 200 axentes culturais, entre representantes de espazos escénicos, mostras, festivais, circuítos, compañías e distribuidoras.
Como en anos anteriores, as representacións son de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente desde unha hora antes do comezo do espectáculo.”

Presentación do número 72 da Revista Galega de Teatro en Vigo, e de Casa O’Rei, de Santiago Cortegoso, en Moaña

O venres 14 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa, 2), preséntase o número 72 da Revista Galega de Teatro, correspondente ao número de outono. O acto contará coa lectura dramatizada da obra Ritos de sangue, de María Xosé Queizán e coa presenza da propia autora. A Revista Galega de Teatro é unha publicación editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, de carácter trimestral e adicada á difusión das artes escénicas. Xunto coas seccións habituais da revista que van desde a crítica teatral, á crónica de festivais, pasando por entrevistas de actualidade e artigos en profundidade sobre problemáticas do ámbito escénico, a RGT inclúe en cada un dos seus números unha peza teatral. Nesta ocasión, a peza escollida foi Ritos de sangue que será presentada da man da súa propia autora, acompañada na lectura por Afonso Becerra, Mónica Bar e Ledicia Costas.
O mesmo día, ás 21:00 horas, na Biblioteca de Quintela de Moaña, a RGT organiza en colaboración coa Lonxa Literaria de Moaña unha tertulia co dramaturgo Santiago Cortegoso arredor da súa obra Casa O’Rei, publicada por Morgante, da que tamén se realizará unha lectura dramatizada de varias escenas.