Celia Díaz Núñez: “Este libro adícoo á memoria de meu pai, que era xastre”

Entrevista a Celia Díaz Núñez en La Región:
“(…) – La Región (LR): Que ten en común coser e escribir?
– Celia Díaz Núñez (CDN): Escribir é un oficio que require moita dedicación. García Márquez comentaba que a tarefa de escritor era moi parecida á de carpinteiro, porque había que poñer moitos cravos. Como son filla de xastre, fixen as similitudes coa costura: para facer traxe necesitas unha tea bonita, na literatura un argumento interesante. O xastre utiliza moitas puntadas e o escritor é un artesán das palabras. A palabra relato ten moito que ver con retallo. Pequeniños textos, pequeniños detalles. Este libro [Corte e confección] adícoo á memoria de meu pai, que era xastre.
– LR: Son relatos de temas cotiáns?
– CDN: Son relatos de temas moi variados e actuais: violencia de xénero, explotación sexual das mulleres, soidade dos anciáns, abandono do rural, a beleza da paisaxe rural fronte á carencia de servizos…
– LR: É un libro pausado, de buscar as palabras exactas?
– CDN: Eu é que son moi lenta escribindo! Procuro traballar moito as palabras. As puntadas. Son relatos fáciles de ler, algúns deles moi curtos. É a primeira vez que publico relatos, sempre escribín novela ou teatro.
– LR: Sendo docente, inflúe tocar os temas actuais que menciona?
– CDN: Cando escribo para rapaces escribo de temas interesantes para eles. O último que escribín é un libro sobre os nenos migrantes, teñen que estar informados. Nos anteriores libros, temas máis fantásticos. Agora interésanme os temas dos que falas con eles en clase, coma estes, dos que teñen a súa opinión. (…)”

Celia Díaz Núñez e Natalia Alonso Ramos, gañadoras dos Premios O Facho 2019

O pasado 31 de maio Celia Díaz Núñez gañou o Premio de Teatro Infantil O Facho 2019. O xurado, composto por Manuel Lourenzo, Diana Varela, Carmen Martínez e Henrique Sánchez, acordou por unanimidade outorgar o premio á obra Unha estrela para Amina.
A xornalista Natalia Alonso Ramos foi a gañadora do Premio O Facho de poesía, coa obra A síndrome de Hayworth, que será publicada por Medulia. O xurado, integrado por Xulio López Valcárcel, Fernando Díaz-Castroverde e Henrique Sánchez, fallou o premio por unanimidade.

Quiroga: presentación de O Castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna, de Celia Díaz Núñez

Parlamento das Letras: Celia Díaz Núñez

Entrevista de Armando Requeixo a Celia Díaz Núñez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Celia Díaz Núñez (CDN): Manías non teño; hábitos, si. Escribo sempre a ordenador e a calquera hora do día, é dicir, cando podo. Antes de comezar doulle moitas voltas na cabeza, tomo notas en cadernos e no móbil, elaboro guións e esquemas, mais todo se desbarata en canto a historia comeza a fluír. Ás veces acompáñome de música de fondo, instrumental principalmente. Cando escribía Unha verdade amarga soaba repetidamente o tango “Naranjo en flor”, na voz do meu parente bonaerense Luís María Bragato. Na novela que estou escribindo actualmente tamén a música ten unha presenza importante e escoito distintas cancións que me axudan a perfilar os personaxes.
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– CDN: Sobrar nada, posto que todas as achegas son positivas. Fáltalle visibilidade, recepción e proxección. É dicir, máis lectores e lectoras, máis presenza nos xornais, nos escaparates, noutros sistemas literarios… e, evidentemente, falta apoio institucional. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CDN: Desde o punto de vista da creación: moi boa. Contamos con variedade de xéneros, de estilos, novas propostas temáticas e formais. Hai unha crecente presenza de voces femininas, sobre todo na poesía. En definitiva, unha oferta moi plural e de calidade, apta para todo tipo de público.
Desde o punto de vista da proxección, como xa comentei, segue habendo prexuízos e complexos que impiden que esteamos nun sistema normalizado. (…)”

Ourense: presentación de Chitón ata a Fin da Terra, de Ángela Fernández Rey

Quiroga nomeará filla adoptiva á escritora Celia Díaz Núñez

Desde La Voz de Galicia:
“Coincidindo coa celebración do próximo Día das Letras Galegas, o Concello de Quiroga nomeará filla adoptiva do municipio á escritora Celia Díaz Núñez, que vive e traballa en Ourense como profesora de ensino secundario. O acto celebrarase no salón de sesións da casa consistorial ás 13:00 horas do 17 de maio. Natural do Páramo, Celia Díaz trasladouse na súa infancia a Quiroga, de onde procede a súa familia materna. (…)”