Emma Pedreira: “O día que non sinta nervios e non me emocione cun premio será o que deixe este oficio”

Entrevista a Emma Pedreira en El Progreso:
“(…) – El Progreso (P): Como foi recibir esa chamada na que lle din que gañou o Certame Literario de Vilalba?
– Emma Pedreira (EP): Non contas. Non pensaba nin en que tivese un 10% de posibilidades, presenteime no último momento e da peor forma posible, por correo electrónico, que non sabes nin se chega. Case o daba por perdido, nin lembraba terme presentado así que aínda estou aterrando e vendo a repercusión que tivo nas redes, que é a parte máis bonita.
– P: Que a levou a participar?
– EP: Este é un premio vello, ten máis anos ca min, cunha nómina moi solvente, pero quizais era moi local. Agora está nun proceso de apertura, cunha maior publicidade das bases nas últimas edicións. Creo que é bo que un premio con tanta traxectoria trate de ser un dos grandes, non só pola dotación, tamén polo espírito. Para os autores é un faro, ver a luz ao final do túnel da crise literaria.
– P: O premio inclúe publicar a obra, o que para moitos é máis importante que os cartos. É desa idea?
– EP: Si, os cartos están ben e o público mide a categoría do premio pola contía, pero os cartos vanse e ter a obra publicada nunha boa editorial e cunha boa distribución é o que eu miro. Alvarellos é un selo potente co que aínda non publiquei e apetecíame facelo. Ata onte (polo luns) non sabía ben nin a contía do premio, pero si que ía publicar con Alvarellos e iso é un soño cumprido. Xa me quixen presentar o ano pasado, pero non tiña obra. Este saquei este libro do lugar onde o tiña agochado. Non é actual, levo traballando nel bastante tempo, pensando onde podía encaixar.
– P: Contra que é o Antídoto?
– EP: Contra os prexuízos humanos a non ficar sós. Fala da soidade que non escolles, porque os seres que temos ao redor nos van deixando e non estamos preparados para iso, porque somos egoístas. É unha especie de diario dunha separación de parella, cunha segunda parte chamada Dúas veces na mesma pedra, que fala de como volvemos tropezar no mesmo. Falo de como cando chega esa soidade podemos aproveitala para laiar ou para definir ese 50% que queda eclipsado nunha relación e refacernos. (…)”

Antídoto, de Emma Pedreira, gaña o Certame Literario de Vilalba

Desde El Progreso:
“O libro da coruñesa Emma Pedreira titulado Antídoto resultou ser o gañador do primeiro premio do XLIII Certame Literario de Vilalba deste ano 2017, que organiza o Concello de Vilalba. Debido a un cambio de formato no galardón, esta é a única obra premiada aínda que o diñeiro que obtén é maior que o doutros anos, ascendendo a 7.000 euros.
O concelleiro de Cultura de Vilalba, José Antonio Pita, o director da Real Academia Española, Darío Villanueva, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o director do Grupo de Radio Principal, Fidel Fernán Vello, e o xornalista Xulio Xiz, foron os membros do xurado que emitiron o veredito.
A Casa da Cultura de Vilalba acolleu o luns 21 a presentación dos dous libros que resultaron vencedores o ano pasado. O primeiro premio foi entón para Xosé Otero Canto pola súa obra Telúrica. María Xosé Lamas, con Sonetos preposicionais, acadou o segundo posto. Ambos libros xa están á venda tras ser imprimidos pola editorial Alvarellos.”

Xosé Otero Canto e María Xosé Lamas, premiados no XLII Certame Literario de Vilalba

DesdeMaría Xosé Lamas 2014 Terra Chá.xa:
“Os poemarios Telúrica e Sonetos preposicionais -presentado baixo o lema “Un anaco de vida en catorce versos”- obteñen o primeiro e o segundo premio do XLII Certame Literario de Vilalba.
Xosé Otero Canto e María Xosé Lamas resultaron ser os autores de cada obra, respectivamente, polas que obterán 3.000 e 1.000 euros; ademais de flor natural e diploma.
O xurado da XLII edición do Certame Literario convocado polo Excmo. Concello de Vilalba e integrado por José Antonio Pita Paz, concelleiro de Cultura actuando como presidente; Darío Villanueva, presidente da RAE; María Carmen Gueimunde, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en Lugo; Fidel Fernán Vello, Director do Grupo de Radio Principal; e Xulio Xiz, xornalista que actúa como secretario; daba a coñecer o fallo este luns 22 de agosto trala súa reunión na Casa da Cultura.”

Obras premiadas do XLI Certame Literario Concello de Vilalba

“DendeCERTAME-LITERARIO-2015web1 a Concellería de Cultura do Excmo. Concello de Vilalba, faise público os premiados no XLI Certame Literario do Excmo. Concello de Vilalba 2015.
– PRIMEIRO PREMIO, dotado con 3000 euros, flor natural e diploma, para o poemario Adagio por outono, presentado baixo o lema “Giacomo da Lentini”, por Modesto Fraga Moure, de Arteixo (A Coruña).
– SEGUNDO PREMIO, dotado con 1000 euros, flor natural e diploma, para o poemario, Poemas de ruxido e barruzo, presentado co lema “Barruzo” por Paulino Pereiro, de Ferrol.”

Carlos López gaña o XL Certame Literario Concello de Vilalba

Desde Fervenzas Literarias:
“O concello de Vilalba entregou os seus premios de poesía, que neste 2014 chegaban a súa XL edición, converténdose deste xeito nun dos máis lonxevos do panorama literario de Galicia.
No acto entregáronse os premios da edición anterior a Pablo Bouza, por Os privilexios dos somnámbulos, como gañador; e a Rafael Catoira, por Navegando cara a Ítaca, como finalista do XXXIX Certame Literario do Concello de Vilalba.
Para esta cuadraxésima edición o xurado do Certame, formado por Darío Villanueva, José Jesús Ramos, Fidel Fernán Vello, Xulio Xiz e José María García-Leira, actuando como presidente, decidiron outorgar por unanimidade o primeiro premio a Carlos López Fernández, pola súa obra Abrindo fiestras en carne viva. Como obra finalista quedou o poeta María Isabel Vázquez Rodríguez, que presentou a súa obra titulada Cinza de estrelas.
Tanto Carlos López como María Isabel Vázquez, ademais da cantidade económica estipulada nas bases do concurso, verán os seus poemarios publicados pola editorial Alvarellos, que leva dúas edicións editando os traballos gañadores.”