Entrevista a Clara do Roxo en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que a levaron a escribir?
– Clara do Roxo (CR): A necesidade de plasmar os meus sentimentos foi a primeira motivación. Na actualidade só escribo ficción, preciso poñer nun papel as historias que inventa o meu maxín, algunhas baseadas na realidade, outras non.
– FL: E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?
– CR: Non pensei nunca que podería ser unha escritora de literatura infantil. Eu escribía para adultos e creaba pequenos contos para o meu fillo Roque. Francisco Castro leu un deses contiños nun obradoiro que fixen con el e pareceulle que podería publicarse. Así comezou todo, aínda non saio do meu abraio.
– FL: Vostede ten unha ampla bibliografía que abrangue especialmente tanto a narrativa breve como a literatura infantil. É difícil separar eses dous mundos cando se senta a escribir?
– CR: Pódense separar sen problema, teñen puntos en común e diferenzas que non son tan grandes. Tan só teño que ser consciente do lector ao que vai dirixido cada texto. A técnica que utilizo é pensar que falo co lector e póñome ao seu nivel, sexa adulto ou neno. Entón é doado.
– FL: Qué é o que busca transmitir coa súa literatura?
– CR: A miña literatura ten moito de compromiso, dentro de calquera das miñas historias de ficción atópanse temas como o maltrato ás mulleres, a igualdade, o respecto, a pederastia, o acoso laboral, o acoso escolar, as enfermidades mentais, as desigualdades sociais… todo aparece entrefebrado nos meus textos, para min é tan importante entreter ao lector como dar visibilidade a problemáticas que existen na sociedade, e mesturar ambas cousas é sempre un obxectivo que teño en mente. Non falo de leccións morais, as leccións morais espántanme, pero si quero poñer á vista do lector temas que moitas veces agochamos ou non queremos ver. En definitiva, que o lector se atope no dilema moral de tomar partido cando poño a pelota no seu tellado. (…)
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritora?
– CR: É o máis importante para min como persoa individual, é o recuncho onde espallarme, onde soltar o maxín e deixalo libre. Non é unha afección, é unha necesidade.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de dedicarse ao oficio de escritora?
– CR: A falta de tempo. Eu non vivo da escrita, teño outro traballo que non me dá tantas satisfaccións. E teño familia coa que me gusta estar, así que teño que coller o pouco que me queda para a literatura. (…)”
Arquivos da etiqueta: Clara do Roxo
Vigo: Obradoiro literario Aliteraclara, con Clara do Roxo
Pontevedra: coloquio sobre A literatura infantil e os temas feos, con Clara do Roxo e Francisco Castro
O domingo 22 de marzo, ás 19:30 horas, no XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (no Pazo da Cultura), terá lugar un coloquio arredor de A literatura infantil e os temas feos, onde dous creadores conversarán sobre o emprego de asuntos tradicionalmente afastados da LIX nas súas obras. Cancro, con libros como A mamá que perdeu as cóxegas, de Clara do Roxo, ou Chamádeme Simbad, onde Francisco Castro se achega á enfermidade do Alzhéimer, constitúen un bo exemplo de como eses temas “feos” son abordados, cada día con máis naturalidade, polos nosos escritores e escritoras.
Vigo: presentación de A mamá que perdeu as cóxegas, de Clara do Roxo
Vigo: obradoiro literario Aliteraclara, impartido por Clara do Roxo
Coñécense as obras gañadoras do XXXIX Certame Modesto R. Figueiredo
O sábado 28 de decembro, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura do Concello de Maside (Ourense), entregaranse os premios do XXXIX Certame Nacional Galego de narracións breves Modesto R. Figueiredo. As obras que obtiveron os galardóns desta edición foron:
1º Premio Modesto R. Figueiredo 2013:
– Cara a Tiananmen Square, de María Cristina Pavón Mauriz (Vigo).
Accésits:
– A) Art decó, de Clara do Roxo (Vigo).
– B) O cabaleiro, a dama e o dragón, de Rubén Anido Regueiro (Sada, A Coruña).
O Porriño: presentación de A princesiña que conducía unha locomotora, de Clara do Roxo
Vigo: presentación de A princesiña que conducía unha locomotora, de Clara do Roxo
O martes 15 de maio, ás 20:00 horas, en Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o primeiro libro de Clara do Roxo, A princesiña que conducía unha locomotora, publicado en Galaxia. No acto a autora estará acompañada por Francisco Castro e Ledicia Costas.
Gañadores do Premio Adiala 2010
“Reunido o xurado do Premio Adiala 2010 de relato curto, do Centro Galego de Mallorca, o pasado 17 de decembro de 2010 e composto por D. Perfecto E. Cuadrado Fernández, Dna. Mª del Carmen González Moreno e D. Carlos Ramos Aguirre, decidiu por unanimidade conceder o PRIMEIRO PREMIO a Chelo Suárez Muíños polo seu relato Monólogo dun cadáver. Asimesmo, conforme ás bases do certame, o xurado decidiu conceder un ACCÉSIT a Darío Portela Núñez polo seu relato A partida. Ademais o xurado salientou a boa calidade dos orixinais presentados nesta edición, sinaladamente a dos relatos A garda de Diana Varela Puñal e Agre de Clara do Roxo, que tamén serán publicados na Revista Adiala”.