Linguaxes dixitais, de Clara Vidal

Desde o blogue de Clara Vidal:
Linguaxes dixitais verá a luz antes de rematar o 2018. Este poemario reúne poemas escritos ao longo de moitos anos. Nas próximas semanas, poderedes ver algún traballo anexo que elaborei para dar a coñecer o libro, comezando por este videopoema xa pendurado na miña canle de YouTube.
Ademais de informarvos desta boa nova, escribo este artigo para facer unha prevenda porque o libro está editado nunha editorial brasileira e facerse con el non vai ser moi doado para xente que non viva no Brasil. Antes de enviar o poemario ao prelo, eu farei un pedido de moitos libros. Se queres formar parte dese paquete que me chegará a min e que eu me encargarei de repartir entre a xente que o merque tan cedo como sexa posíbel, tan só terás que pagar o prezo do libro. Se non queres obter o libro a través de min, este estará á venda en cuestión de semanas na páxina da editorial, mais terás que pagar o custo do libro e tamén o do transporte (é dicir, 12 €+gastos).
A forma da prevenda será sinxela:
Ingresa 12 € (o que custa o libro) no meu PayPal e…
Enche o formulario que aparece a continuación. No caso de non ter PayPal, fala comigo.”

Mondoñedo é Poesía 2018, o 1 de maio

Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.
Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo.
Celebramos esta quinta edición, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro Mondoñedo é poesía 2014-2018.
A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital por primeira vez dun poeta foráneo (?), o berciano Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema desde… (con conexión en vivo e en directo, agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor. Alí estará Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).
O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.

RECITAL na RÚA
17:00 h.- Praza do Seminario
Homenaxe á Escola Poética do Seminario
Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.
Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro Un alpendre de sombra e de luar; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.
17:30 h.- Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)
Recitan: Moncho Bouzas, Jaime Fernández, e Iria Rivas, Carmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.
18:00 h.- Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)
Recitan: Mª Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez Varela, Carme Cociña e Javier F. Rouco.

RECITAL no AUDITORIO PASCUAL VEIGA
18:30 h.
No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos Mestre, Chus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga Novo, Antón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estévez. A música póñena Rebeca Maseda e Miguel Lustres. A presentación, con guión de Clara Vidal, corre a cargo de Marina Oural Villapol_MOV

Agasallos aos asistentes
Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación Mondoñedo é poesía 2014-2018.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO: Mondoñedo é poesía 2014-2018
Edita: Asociación As San Lucas
Patrocina: Deputación de Lugo
Reúne en 210 páxinas biografías e poemas dos 91 escritores e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.
Tirada: 600 exemplares.
A ilustración de portada é de Xosé Vizoso. Contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e Vizoso.
TENDAL VIRTUAL: A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS
Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos do Auditorio.

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocinan: Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.
Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.

Lapis, cámaras… acción!, por Celia Parra

Desde (Abro paréntese…, blog de Celia Parra:
“O pasado mes de novembro, gracias ó convite da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e coa colaboración do Concello da Coruña, impartín un obradoiro de iniciación á videopoesía no Centro Ágora.
Baixo o lema Lapis, cámaras… acción!, puxémonos mans á obra para descubrir, facer e compartir videopoesía. O obxectivo do obradoiro foi proporcionar ferramentas e técnicas para fomentar a creación de videopoemas. Tentamos que cada asistente, logo de aprender sobre o xénero e os seus procesos creativos, crease o seu propio videopoema como produto final do obradoiro.
Lonxe de aspirar á perfección técnica, animouse a empregar as ferramentas ao dispor de cadaquén (teléfono móbil, programas de edición gratuítos, mesmo fotografías libres de dereitos) e a concentrar o aprendido nun exercicio sinxelo e acotado. O importante era ter unha primeira toma de contacto coa videopoesía e os seus procesos, que valese para practicar ou trasladar o aprendido con maior profundidade posteriormente.
Non podo estar máis contenta coa acollida, a curiosidade, os debates, o traballo e os resultados. Saíron do forno videopoemas fantásticos que superaron toda expectativa. E para mostra, un botón. Ou dous: O verbo, de Clara Vidal, e Pegada, de Paulo Fernández.
Graciñas a todas e todos!”

(Fotografía de Mercedes Queixas)