“Hoxe lemos: Furia, de María Reimóndez”

Entrevista a María Reimóndez no Diario Cultural da Radio Galega:
“Conversamos con María Reimóndez a propósito do seu último libro, Furia, premio Jules Verne de literatura xuvenil. Unha novela sobre a adolescencia, a perda, os afectos e o boxeo como vía de reconexión individual e colectiva. Escoitamos tamén as impresións lectoras de Adela Dios, unha das integrantes do xurado do premio. Bárbara G. Vilariño, do club de lectura Queeruña, comparte as súas achegas sobre a triloxía de ciencia ficción feminista que Reimóndez comezou coa novela Cobiza e que culminará en 2024. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Eva Mejuto, autora de 22 segundos

Desde o Club de lectura LGTB Queeruña:
“(…) – Club de lectura LGTB Queeruña (Q): Como está sendo a acollida de 22 segundos? Recibiches comentarios por parte do colectivo trans galego?
– Eva Mejuto (EM): A acollida está a ser moi boa. Pasou xusto un ano desde a súa publicación e van tres edicións, isto é pouco habitual na nosa literatura. E non só polo número de exemplares vendidos, foi finalista da Gala do Libro Galego como mellor obra xuvenil do 2017 e tivo tamén una ampla repercusión mediática. Mais sen dúbida o mellor é o espazo que ocupa nos centros de ensino galego; téñenme chamado de Santiago, Vigo, Pontevedra, Sanxenxo, Viana do Bolo, Pontedeume, Cee, Camariñas, Ribadeo, Xinzo de Limia, Gondomar… Que un libro que fale de transexualidade e teña presenza activa no eido escolar, e máis do ámbito rural, é sintomático de que algo está a cambiar, que había -hai- un espazo por encher.
Por parte dos colectivos tiven boas críticas, especialmente de Arelas. Tamén é certo que eu tiven durante todo o proceso de escrita o seu asesoramento e foron varios os mozos trans que o leron antes de publicalo. Para min era e é moi importante representar o colectivo (obviamente esta é una historia individual) con dignidade, con cariño, con respecto, e iso só é posible despois dun traballo de documentación, de falar con moitos mozos trans, de captar os seus sentires, as súas circunstancias, reivindicacións… O traballo de visibilización que están a facer é admirable e moi xeneroso. (…)
– Q: Pensas que debe existir máis literatura sobre diversidade sexual en galego?
– EM: Por suposto! Moita máis! Como comentei, están a saír obras mais cómpre termos un corpus que visibilice, que lle poña nome ás cousas, que axude a ter referentes para a cidadanía, especialmente para a infancia e a mocidade. A literatura, especialmente nas primeiras idades, axuda a construír a propia identidade, a coñecer o mundo, a entendelo e, ademais, a ter conciencia crítica para TRANSformalo.”