Arquivos da etiqueta: Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse
Pablo Bouza: “Os certames danlle firmeza á túa carreira e visibilizan a túa obra”
Entrevista a Pablo Bouza en El Progreso:
“”Os cartos logo desaparecen, pero os libros son a vida dun escritor”, asegura o poeta Pablo Bouza á hora de valorar o que supón gañar o V Premio Díaz Castro de Poesía, dotado con 2.000 euros e coa publicación do poemario, na primeira vez que se presentaba.
– El Progreso (EP): Que sentiu ao recibir a chamada?
– Pablo Bouza (PB): Unha grande emoción. Recibir un recoñecemento ao teu traballo dáche forza e confianza para seguir escribindo, comprobas que estás en boa liña. Viña duns anos de secano en canto a publicacións e con este premio terei a oportunidade de volver publicar e cunha editorial de referencia. Somos moitos os poetas que nos presentamos a estes certames, xa que case é a única maneira de poder ver a túa obra publicada.
– EP: Leva unha boa colleita de premios, a experiencia altera a sensación?
– PB: A emoción e ledicia é a mesma que co primeiro. E neste caso, vendo a solvencia e a categoría literaria do xurado, a satisfacción é maior.
– EP: Que supoñen este tipo de convocatorias para os escritores?
– PB: Levo máis duna ducia de premios que se reflicten en seis libros individuais, algúns colectivos e publicacións en revistas especializadas. Os certames van dándolle firmeza á túa carreira literaria e permiten visibilizar a túa obra. Teñen moito mérito os concellos e as institucións que os convocan. No caso de Guitiriz, que faga un esforzo notable convocando un certame da calidade do Díaz Castro é moi loable e amosa unha especial sensibilidade da súa corporación. Ademais, Guitiriz é un facho poético en Galicia co importantísimo labor da NPG (Nova Poesía Guitirica) e o seu traballo cos grupos poéticos de base, o certame de Vilariñas, os poemas pendurados nas farolas, a edición da Gazeta.gal, o traballo de investigación sobre Os Vilares de Pas Veres ou a poesía da magnífica Luz Campello.
– EP: Cal é a sensación ao ver un libro seu publicado?
– PB: Telo nas túas mans é unha das grandes emocións que ten un escritor. Ao fin e o cabo, escribes para comunicar e compartir. O poema non deixa de ser un proceso comunicativo. Ademais ese libro, e sobre todo no caso da poesía, clónase en moitos máis: as interpretacións e versións que cada lector fai do que ti lles amosas. (…)”
Pablo Bouza Suárez, gañador do V Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía
Desde o Concello de Guitiriz:
“Na tarde do 22 de febreiro tivo lugar en sesión telemática, a instancias do Concello de Guitiriz, a xuntanza do xurado que decidiu o V Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía que, logo da pertinente deliberación, decidiu conceder o galardón, por unanimidade, ao volume presentado baixo o título Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Pablo Bouza Suárez.
No poemario gañador o xurado composto por Ánxela Gracián (como vogal), Miguel Anxo Fernán-Vello (en calidade de presidente), Armando Requeixo (vogal) e Marisol Morandeira (secretaria, con voz e sen voto) estimou a diáfana construción poemática dun conxunto que se eleva desde a transparencia da voz, a forza das imaxes e a sonoridade da arquitectura dos períodos e das estrofas. Tamén si, salientou a habelencia á hora de incorporar ao discurso propio referentes da mellor tradición universal, desde Valente ata Carver pasando por Wilde ou Schopenhauer.
O xurado quixo salientar, así mesmo, a calidade dos traballos presentados a concurso, que evidencian o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a simpatía coa que, desde as primeiras convocatorias, está a ser acollido o premio que leva o nome do máis célebre poeta de Guitiriz e un dos seus mellores embaixadores.
O gañador recibirá como dotación económica un premio de 2.000 euros e verá publicado o seu poemario pola Editorial Espiral Maior.”