Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o programa Teatro Ob-sceno, un ciclo de accións escénicas curtas a través do que abre para a exhibición artística diferentes estancias da súa sede do Salón Teatro de Santiago, todas elas fóra do escenario. Neste caso, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán as seis pezas desta edición, que se desenvolverá nas dúas vindeiras fins de semana.
Nunha primeira quenda, con tres pases desde mañá e ata o domingo cunha capacidade máxima de 15 persoas, o público irá percorrendo os devanditos espazos para gozar dunha peza en cada un deles. Así, no camerino poderá verse Váter (comedia claustrofóbica), un texto de Roberto Salgueiro sobre dous personaxes que quedan encerrados no servizo dunha sancristía e sobre como a desesperación saca á luz as súas verdadeiras personalidades. Pablo Aldrey e Borja Salgado son os seus intérpretes, baixo a dirección de Beatriz Bravo.
Nas oficinas situadas no último andar da sede do CDG, Teatro En Punto presentará Margarita, monólogo de Sonia Barros dirixido por Roberto Leal. Trátase dunha proposta baseada nun artigo da xornalista Maruja Torres sobre unha muller que se veu obrigada a rachar coas normas que rexen a sociedade actual.
Sorpresa!, de Enconarte, é a terceira das accións curtas da fin de semana, para a que a biblioteca do Salón Teatro será o escenario da festa que Nora lle preparou ao seu home polo seu 40º aniversario. A anfitrioa, á que lle dá vida Arantxa Treus, recibirá alí os convidados mentres todos agardan con expectación a que chegue o homenaxeado. A peza está dirixida por Déborah Vukušic, quen é tamén coautora do texto xunto á propia Arantxa Treus.
Horarios e venda de entradas
Cunha duración total dunha hora, os pases desta primeira quenda de Teatro Ob-sceno terán lugar mañá, Día das Letras Galegas, e o sábado ás 19,00 h. mais o domingo ás 20,30 h. na sede da compañía da Xunta, onde eses mesmos días se exhibirán tamén dous espectáculos de Redrum Teatro: Contos do recreo (mañá ás 18,00 h.) e Invisibles, espectáculo de concienciación social sobre a violencia de xénero coproducido co Centro Dramático Galego (sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.).
Tanto as entradas para estes pases, cunha capacidade máxima de 15 persoas por sesión, como para as funcións de Redrum poden adquirirse por adiantado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. Tamén estarán á venda no despacho de billetes, desde 45 minutos antes do comezo para Teatro Ob-sceno e desde dúas horas antes para Contos do recreo e Invisibles.
O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio con outras tres pezas curtas, que se exhibirán nos mesmos horarios. No camerino, escenificarase Alicia morreu de sobredose, unha proposta de Rinoceronte Teatro creada e interpretada por Noelia Toledano.
Pola súa banda, a biblioteca acollerá Sofía, achega unipersonal de Marta Pérez, próxima ao teatro-conferencia e realizada a partir do espectáculo da compañía Inversa Teatro Sofía e as postsocráticas que puido verse o ano pasado no Salón Teatro; e Pulso, de Teatro En-Trance, unha peza de Paula Sanmartín inspirada na figura de Neal Cassady, icona da chamada Xeración Beat.
Esta segunda quenda de Teatro Ob-sceno desenvolverase canda a estrea no Salón Teatro doutra das propostas do programa de coproducións do CDG: SOMA, unha experimentación escénica que xorde da colaboración entre o coreógrafo e investigador galego Javier Martín e o escultor e performer catalán Joaquín Jara.”
Arquivos da etiqueta: Compañía Teatro en Punto
O CDG celebra as Letras Galegas con tres montaxes de Redrum, o ciclo Teatro Ob-sceno e unha xornada de portas abertas
Desde o Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) ten preparado un intenso programa de actividades durante esta semana para conmemorar o Día das Letras Galegas na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Esta carteleira inclúe os espectáculos de Redrum Teatro A nena que quería navegar, Contos do recreo e Invisibles, este último realizado en coprodución coa compañía da Xunta, que para o propio día 17 organizou, así mesmo, unha xornada de portas abertas e o inicio dunha nova edición do ciclo Teatro Ob-sceno.
A denuncia social é o común denominador das tres montaxes coas que Redrum Teatro se presenta desde hoxe e ata o domingo en Santiago. Tanto en A nena que quería navegar como en Contos de recreo, o obxectivo é reforzar a autoestima do alumnado fronte ao acoso escolar. Con este fin, programáronse tres pases matinais concertados con centros escolares: hoxe martes e mañá mércores coa primeira das pezas e o xoves coa segunda delas, que tamén poderá verse o venres 17 nunha función para público familiar ás 18:00 h.
Álex Sampayo é o director de ambas as pezas, mentres que Marián Bañobre se puxo á fronte de Invisibles, para a que Redrum contou co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través do programa de coproducións do Centro Dramático Galego. O espectáculo, que se representa o sábado 18 ás 20:30 h. e o domingo 19 ás 18:00 h., aborda e denuncia a lacra da violencia de xénero a partir dos sete testemuños reais recollidos no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo.
Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez danlle voz en escena a estas mulleres nunha proposta na que, a partir da invisibilidade do maltrato e da posible inconsciencia das vítimas, as historias van saíndo á luz e confrontando ao público coa finalidade de facer saltar as alarmas e provocar reaccións. (…)
Accións en espazos diferentes
Parte destas dependencias abriranse igualmente para a terceira edición do ciclo Teatro Ob-sceno. Desta volta, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán do venres 17 ao domingo 19 as pezas Váter de Sal do Teatro, Margarita de Teatro En Punto e Sorpresa de Enconarte. Nas tres sesións, programadas ás 19:00 h. o venres e sábado e ás 20:30 h. o domingo, o público irá percorrendo as devanditas estancias para gozar dunha peza en cada unha delas.
O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio coas propostas Alicia morreu de sobredose de Rinoceronte Teatro, Sofía de Inversa Teatro e Pulso de Teatro En-Trance.
Tanto as entradas para Teatro Ob-sceno, cunha capacidade máxima de 15 persoas por sesión, como para as funcións de Contos do recreo e Invisibles poden adquirirse por adiantado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. Tamén estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes das representacións.”
A Coruña: actos literarios destacados do domingo 3 na Feira do Libro
O domingo 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 13:00 h. Actividade infantil. Presentación do album ilustrado …3, 2, 1 … de Pepablo Patinho e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
– 13:00 h. Presentación do libro Textículos dramáticos, do escritor Afonso Becerra, publicado por Laiovento. Xunto co autor, participará no acto Francisco Pillado. Os actores Gloria Rico e Xosé Luís Bernal, Farruco, da Cia. TEP Teatro en Punto realizarán unha lectura dramatizada de textos do autor.
– 19:00 h. Dores Tembrás asinará na caseta de Editores Coruñeses.
– 19:00 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, do escritor Eduardo Sanches Maragoto, publicado por Edicións do Cumio.
– 20:00 h. Presentación do libro Escrito en cafeterías, de Miguel Anxo Murado, publicado por Galaxia.
– 21:00 h. Xabier López López asinará exemplares do seu libro 1989, publicado por Biblos Clube, na caseta de Editores Coruñeses.