O CDG abre os camerinos, as oficinas e a biblioteca da súa sede para a terceira edición do ciclo Teatro Ob-sceno

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o programa Teatro Ob-sceno, un ciclo de accións escénicas curtas a través do que abre para a exhibición artística diferentes estancias da súa sede do Salón Teatro de Santiago, todas elas fóra do escenario. Neste caso, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán as seis pezas desta edición, que se desenvolverá nas dúas vindeiras fins de semana.
Nunha primeira quenda, con tres pases desde mañá e ata o domingo cunha capacidade máxima de 15 persoas, o público irá percorrendo os devanditos espazos para gozar dunha peza en cada un deles. Así, no camerino poderá verse Váter (comedia claustrofóbica), un texto de Roberto Salgueiro sobre dous personaxes que quedan encerrados no servizo dunha sancristía e sobre como a desesperación saca á luz as súas verdadeiras personalidades. Pablo Aldrey e Borja Salgado son os seus intérpretes, baixo a dirección de Beatriz Bravo.
Nas oficinas situadas no último andar da sede do CDG, Teatro En Punto presentará Margarita, monólogo de Sonia Barros dirixido por Roberto Leal. Trátase dunha proposta baseada nun artigo da xornalista Maruja Torres sobre unha muller que se veu obrigada a rachar coas normas que rexen a sociedade actual.
Sorpresa!, de Enconarte, é a terceira das accións curtas da fin de semana, para a que a biblioteca do Salón Teatro será o escenario da festa que Nora lle preparou ao seu home polo seu 40º aniversario. A anfitrioa, á que lle dá vida Arantxa Treus, recibirá alí os convidados mentres todos agardan con expectación a que chegue o homenaxeado. A peza está dirixida por Déborah Vukušic, quen é tamén coautora do texto xunto á propia Arantxa Treus.
Horarios e venda de entradas
Cunha duración total dunha hora, os pases desta primeira quenda de Teatro Ob-sceno terán lugar mañá, Día das Letras Galegas, e o sábado ás 19,00 h. mais o domingo ás 20,30 h. na sede da compañía da Xunta, onde eses mesmos días se exhibirán tamén dous espectáculos de Redrum Teatro: Contos do recreo (mañá ás 18,00 h.) e Invisibles, espectáculo de concienciación social sobre a violencia de xénero coproducido co Centro Dramático Galego (sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.).
Tanto as entradas para estes pases, cunha capacidade máxima de 15 persoas por sesión, como para as funcións de Redrum poden adquirirse por adiantado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. Tamén estarán á venda no despacho de billetes, desde 45 minutos antes do comezo para Teatro Ob-sceno e desde dúas horas antes para Contos do recreo e Invisibles.
O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio con outras tres pezas curtas, que se exhibirán nos mesmos horarios. No camerino, escenificarase Alicia morreu de sobredose, unha proposta de Rinoceronte Teatro creada e interpretada por Noelia Toledano.
Pola súa banda, a biblioteca acollerá Sofía, achega unipersonal de Marta Pérez, próxima ao teatro-conferencia e realizada a partir do espectáculo da compañía Inversa Teatro Sofía e as postsocráticas que puido verse o ano pasado no Salón Teatro; e Pulso, de Teatro En-Trance, unha peza de Paula Sanmartín inspirada na figura de Neal Cassady, icona da chamada Xeración Beat.
Esta segunda quenda de Teatro Ob-sceno desenvolverase canda a estrea no Salón Teatro doutra das propostas do programa de coproducións do CDG: SOMA, unha experimentación escénica que xorde da colaboración entre o coreógrafo e investigador galego Javier Martín e o escultor e performer catalán Joaquín Jara.”

Crónica videográfica da III Xornada de Literatura Dramática (III)

A III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas, actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña, tivo lugar o 24 de novembro de 2018 Espazo Normal da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Festival Pezas dun teatro do porvir: Malcriada, unha historia de amor, Esther F. Carrodeguas:

Festival Pezas dun teatro do porvir: Pulso, Paula Sanmartín:

Festival Pezas dun teatro do porvir: Proxemia 45 (posible título), AveLina Pérez e Manuel Lourenzo:

Festival Pezas dun teatro do porvir: Infinito Conxugado, Gloria Rico:

III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas

A III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas é unha actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

Terá lugar o 24 de novembro de 2018 no Espazo Normal (Paseo de Ronda, 47 –como chegar-), A Coruña.

Matrícula para o certificado homologado:
O prazo de matriculación está aberto desde o 29 de outubro até o 21 de novembro (o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).
Destinatarios-as do certificado homologado: Profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes.
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación (certificado homologado):
Prazas reservadas: 25%       Número máximo de prazas: 25%

Matrícula para o certificado emitido pola AELG:
Desde 17/10/2018 até 22/11/2018 (oficina@aelg.org)
Destinatarios-as do certificado emitido pola AELG: Outras persoas que queiran un certificado de asistencia.

PROGRAMA

O programa completo previsto é este:

Mañá

09:45 Apertura da III Xornada.

10:00 Mesa redonda A literatura dramática galega no último cuarto do século XX.

11:25 Mesa redonda O teatro nas aulas.

12:45 Mesa redonda A literatura dramática galega nas primeiras décadas do século XXI.

Tarde

16:00 Festival Pezas dun teatro do porvir. Procesos abertos de escrita dramática.
Convocatoria aberta a 4 dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público amosando un fragmento ou mostra desta.
Terá lugar unha exposición ou mostra dun fragmento da peza (máximo de 15 minutos), e haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto (máximo 15 minutos).
As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o considere máis axeitado á peza que vai amosar a través dun fragmento desta.
No breve debate posterior ás presentacións buscaríase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o, o acabado desas pezas en proceso.

18:30 Clase maxistral a cargo de José Maria Vieira Mendes, recoñecido dramaturgo portugués. Presenta: Cilha Lourenço Módia.
Aberto a todas as persoas interesadas. O autor falará sobre as relacións entre literatura e o teatro, centrándose nos textos e contextos no teatro portugués actual, e posteriormente manterá un coloquio co público asistente.

Coa coordinación de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, e Cilha Lourenço Módia, da Universidade da Coruña.