A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo convoca a XV Edición do Certame de Narración Curta ÁNXEL FOLE en lingua galega, que se rexerá polas seguintes
BASES
1ª.- Poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen.
2ª.- Cada autor ou autora poderá presentar un máximo de dúas obras orixinais e inéditas escritas en galego.
Enténdese por obra inédita a que non foi difundida publicamente en ningún soporte, nin publicada de ningún xeito a través da internet.
3ª.- O tema dos traballos será libre. A extensión dos textos non superará os 36.000 caracteres con espazos incluídos.
4ª.- Os traballos poderán presentarse mecanografados a dobre espazo por unha soa cara e en triplicado exemplar, ou ben en soporte dixital (CD / DVD ou lapis de memoria) en copia única. En calquera dos casos, presentaranse no departamento de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo (Praza Maior, 1), baixo un lema ou pseudónimo que figurará no soporte elixido, no cal non haberá ningún dato que identifique o seu autor/a. En sobre pechado, sinalado no exterior co mesmo lema ou pseudónimo, incluiranse os datos do autor: nome e apelidos, enderezo, poboación, código postal, teléfono e correo electrónico no seu caso, fotocopia do DNI ou pasaporte e título da obra presentada.
5ª.- O prazo de presentación pecharase o día 31 de decembro do 2012. Nos envíos postais admitiranse os que sexan expedidos ata a devandita data límite.
6ª.- O xurado estará formado por persoas competentes na materia, designadas pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
7ª.- O premio ou premios poderán declararse desertos sempre que sexa por decisión unánime do xurado.
8ª.- Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dun relato e o ditame do xurado ese relato obtén algún premio noutro concurso, o autor débello comunicar a este Concello, retirándoo do Certame Ánxel Fole. En calquera caso, entenderase que a obtención dun premio anterior por un determinado relato implica a renuncia automática ao premio Ánxel Fole que lle puidera ser atribuído por descoñecemento desa circunstancia.
9ª.- O Concello de Lugo poderá publicar os relatos premiados, considerándose os dereitos de autor incluídos no premio. Os autores poderán tamén, con posterioridade á primeira edición do Concello, publicar libremente os seus relatos, facendo mención do premio recibido.
10ª.- A participación no certame supón a aceptación total destas bases.
11ª.- Unha vez ditaminado o premio, os orixinais non premiados serán destruídos xunto coas súas correspondentes plicas.
12ª.- Os premios establecidos son:
Primeiro premio: 1.500,00 €
Segundo premio: 1.000,00 €
Terceiro premio: 500,00 €
Concello de Lugo
Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua
Praza Maior, 1, 27001, Lugo
Tel. 982297334
cultura@concellodelugo.org
As bases poden descargarse tamén aquí: Bases Premio Ánxel Fole 2012.