Camporrapado, Boqueixóns: palestra músico-literaria en lembranza de Xosé Neira Vilas e presentación de Trobar do ar, de Xosé Manuel Lobato

Acta do xurado do VI Concurso Balbino de relatos

Pepe Peinó presentou en Gres o seu libro Bica de Montouto, gañador do V Concurso Balbino de Relatos

“A Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) acolleu o 9 de decembro, ás 13:00 h, a entrega do premio e presentación do libro gañador do V Concurso Balbino de Relatos, Bica de Montouto, da autoría de José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó.
O acto deu comezo coa lectura da acta do xurado a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato. Seguidamente, interveu a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso; quen destacou “a consolidación deste premio, que xa vai pola súa quinta edición e no que se resaltan os valores propios da nosa terra, a nosa cultura e a nosa xente, o que permitiu a consagración deste certame como referente para autores ilustres e noveis tanto da provincia como da comunidade galega”. Tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, incidiu na repercusión que está a acadar este premio destacando que “dende a Xunta é toda unha honra apoiar un certame que leva como nome a Balbino, protagonista de todo un clásico da literatura galega que representa unha das obras máis internacionais da nosa cultura. Así mesmo, é unha obriga para nós, así como para a Deputación de Pontevedra e os Concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, apoiar iniciativas culturais como esta, que engrandecen o noso patrimonio cultural”. Tras eles, o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández; e o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López, felicitaron ao gañador e agradeceron a labor que desempeña tanto a editorial encargada da publicación, Edicións Fervenza, como a Fundación Xosé Neira Vilas en pro da difusión da cultura galega.
O peche do acto culminou coa entrega do premio ao autor da obra gañadora, Pepe Peinó, quen transmitiu coas súas palabras o seu agradecemento ao xurado, a Fundación Neira Vilas e a Edicións Fervenza, facendo fincapé en que se trata dun relato “escrito con agarimo dende o corazón” no que tratou de transmitir a defensa do rural e o valor das xeracións dos nosos avós “que non son só xubilados que observan obras, senón que aínda teñen moito que aportar á sociedade, algo que debería abrazar as novas xeracións, por iso este título, Bica de Montouto, pois a bica non só é un doce, senón que mesmo semella un bico, un bico ao rural máis profundo, sincero e puro”.
Por outra banda, este venres 11 de decembro, ás 20:00 h, o salón de actos do Concello do Valadouro (Lugo), acollerá a presentación de Bica de Montouto, pois trátase do lugar de residencia do autor, Pepe Peinó. O acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contará coa presenza do profesor, escritor e membro do xurado do Concurso Balbino de Relatos, Xosé Manuel Lobato; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o prologuista do libro, Bernardo Penabade; o ilustrador da portada, Antón Caxoto e o gañador do Concurso Balbino de Relatos, Pepe Peinó.
Para aquelas persoas que non poidan acudir á presentación, o autor estará desde as 18:00 h asinando libros no propio salón de actos.”

Bases do V Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio

1.- Poderá participar calquera mozo/a matriculado en educación Primaria ou ESO, segundo as seguintes categorías:
A: Alumnos/as de Primaria
B: Alumnos/as de Secundaria
2.- En ambas categorías a extensión máxima será de 5.000 caracteres, espazos incluídos.
3.- Os textos versarán sobre o Pico Sacro e deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e non premiados noutros concursos.
4.- Os orixinais presentaranse en formato PDF, en formato DIN-A4, en letra Times ou similar de corpo 12. Deben enviarse por correo electrónico ao seguinte enderezo: clmestremanuelgacio@gmail.com acompañados doutro documento onde figure a identidade do autor ou autora (Nome, enderezo, teléfono e correo electrónico) e título da obra, facendo constar no nome do documento o título da obra e a palabra PLICA. Os documentos PLICA serán custodiados pola asociación que non os dará a coñecer, preservando a identidade do autor/a ata despois da deliberación do xuri.
5.- Haberá dous premios por categoría, aínda que o xuri pode declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos.
Os premios serán:
Categoría A: Vale de 300 euros para libros e material escolar en libraría Lino de Lestedo, para o primeiro premio.
Segundo premio un vale de 150 euros para libros e material escolar en libraría Lino.
Categoría B. Os mesmos premios que na categoría A
6.- A data límite de recepción dos textos, remata o 30 de novembro de 2020.
7.- A composición do xuri darase a coñecer na páxina da asociación mestre Manuel Gacio.
8.- A asociación Mestre Manuel Gacio resérvase o dereito de divulgación ou publicación dos textos premiados. Neste senso os autores renuncian a calquera compensación económica.
9.- O xuri e a asociación están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante algún imprevisto non recollido nas presentes bases.”

Acta do xurado do IV Concurso Balbino de Relatos