“O xurado do XIV certame de Narración Curta Ánxel Fole que organiza a Concellería de Cultura de Lugo reuniuse esta tarde e outorgou tres primeiros premios: Luz Darriba (residente en Bruxelas), polo relato Monstros; Mercedes Leobalde (de Carral), pola obra Fáltasme; e Ana María Galego (de Ferrol), por Neiges d’antan.
O tenente-alcalde, o nacionalista Antón Bao, anunciou que os relatos gañadores serán publicados, ou ben nunha edición con relatos doutros certame ou só os deste ano. Todo, dixo, dependerá dos orzamentos. O xurado estivo integrado polos escritores lucenses Marica Campo, Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba.
Os membros do xurado destacaron a calidade dos relatos e o notable éxito de participación, pois concorreron un total de 59 traballos. Os premios outorgados son de 1.500, 1.000 e 500 euros, respectivamente a cada autor.” Vía La Voz de Galicia.
Arquivos da etiqueta: Concello de Lugo
Convocada a XIV edición do Certame de narración curta Ánxel Fole, 2011
A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo convoca a XIV Edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole en lingua galega, de acordo coas seguintes bases (poden descargarse en neste arquivo: Bases Premio Ánxel Fole 2011 Concello de Lugo)
1ª.– Poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen.
2ª.– Cada autor ou autora poderá presentar un máximo de dúas obras orixinais e inéditas escritas en galego. Enténdese por obra inédita a que non foi difundida publicamente en ningún soporte, nin publicada de ningún xeito a través da internet.
3ª.– O tema dos traballos será libre. A extensión dos textos non superará os 36.000 caracteres con espazos incluídos ou os 20 folios mecanografados a dobre espazo por unha soa cara e por triplicado. Poderán presentarse en soporte dixital (CD / DVD ou lapis de memoria).
4ª.– Os traballos presentaranse no departamento de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo (Praza Maior, 1, C. P. 27001), baixo un lema ou pseudónimo que figurará no soporte elixido, no que non haberá ningún dato que identifique o seu autor/a. En sobre pechado, sinalado no exterior co mesmo lema ou pseudónimo, incluiranse os datos do autor: nome e apelidos, enderezo, poboación, código postal, teléfono e correo electrónico no seu caso, fotocopia do DNI ou pasaporte e título da obra presentada.
5ª.– O xurado estará formado por persoas competentes na materia e designadas pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
6ª.– O premio ou premios poderán declararse desertos sempre que sexa por decisión unánime do xurado.
7ª.– O prazo de presentación pecharase o día TRINTA DE DECEMBRO DE DOUS MIL ONCE (30/12/2011).
8ª.– Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dun relato e o ditame do xurado ese relato obtén outro premio, o autor débello comunicar a este Concello, retirándoo do Certame Ánxel Fole. En calquera caso, entenderase que a obtención dun premio anterior por un determinado relato implica a renuncia automática ao premio Ánxel Fole que lle puidera ser atribuído por descoñecemento desa circunstancia.
9ª.– O Concello de Lugo poderá publicar os relatos premiados, considerándose os dereitos de autor incluídos no premio. Os autores poderán tamén, con posterioridade á primeira edición do Concello, publicar libremente os relatos, facendo mención do premio recibido.
10ª.– A participación no certame supón a aceptación total destas bases.
11ª.– Unha vez ditaminado o premio, os orixinais non premiados xunto coas súas correspondentes plicas serán destruídos.
12ª.– Os premios establecidos son:
– Primeiro premio: 1.500,00 €
– Segundo premio: 1000,00 €
– Terceiro premio: 500,00 €
—————————————————————————————————————————————–
Concello de Lugo
Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua
Praza Maior s/n, 27001, Lugo
982297334
cultura@concellodelugo.org
AELG: Homenaxe O escritor na súa terra a Paco Martín (Lugo, 2011)
A Homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XVII Edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Paco Martín, que será homenaxeado na súa terra natal, a cidade de Lugo, o sábado 25 de xuño.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de década e media como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor, a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado/a a un espazo público ou infraestrutura cultural, neste caso a Biblioteca Municipal do barrio da Piringalla, en construción.
O programa de actos é o seguinte:
– 11:30 h. Avenida Ramón Ferreiro (Praza da Horta do Seminario).
Plantación da árbore simbólica do escritor e descubrimento do monólito conmemorativo.
INTERVEÑEN:
• Cesáreo Sánchez Iglesias. Presidente da AELG.
• Mercedes Queixas Zas. Secretaria xeral da AELG.
• Paco Martín.
– 12:30 h. Salón de Plenos do Concello de Lugo.
Acto de entrega da “Letra E” e anuncio da inauguración da Biblioteca do Barrio da Piringalla co nome de Paco Martín.
INTERVEÑEN:
• Alcalde de Lugo.
• Mercedes Queixas Zas. Secretaria Xeral da AELG.
• Cesáreo Sánchez Iglesias. Presidente da AELG.
• Alejandro Tobar: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
• Intervención do homenaxeado: resposta á laudatio por parte de Paco Martín.
A Asociación de Escritoras e Escritores convida á cidadanía de Lugo a acompañar ao autor nestes dous actos.
A organización conta co apoio do Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Consellaría de Cultura e o Centro Español de Dereitos Reprográficos.
Repercusións mediáticas posteriores: Galicia Hoxe, El Progreso.
Chelo Suárez gaña o Premio de narración curta Ánxel Fole do Concello de Lugo
“Chelo Suárez e Martiño Maseda, en galego, e José Manuel Moreno e Miguel Sánchez Carballos, en castelán, foron os gañadores da décimo terceira edición do Certame de narración curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo. O xurado, composto polos escritores Isidro López Novo e Xosé Otero Canto e o editor Henrique Alvarellos, decidiron outorgar o primeiro premio do certame en galego á obra Recantos, presentada por Chelo Suárez Muíños, da Coruña. En castelán, o primeiro premio levouno Ningún ollo humano, de José Manuel Moreno Pérez, de Madrid. Desta obra. o xurado valorou o dominio da linguaxe experimental e a gran tensión narrativa, que manteñen o clímax da obra. En total, presentáronse 52 obras: 20, en galego, e 32, en castelán. En cada unha das categorías, o primeiro premio é de 1.000 euros e o segundo, de 500. O xurado destacou a gran calidade das obras, especialmente as escritas en galego”. Vía El Progreso.